Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de novembro de 2017

A edil de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, sinala que o obxectivo da proposta “é facer da Coruña unha cidade cardioprotexida”

O Concello ofrece formación ao persoal de centros e servizos municipais no uso do desfibrilador

A administración local ten distribuídos 31 DESA entre as diferentes instalacións da cidade, así como en coches patrulla da Policía Local e nun dos camións de Bombeiros

O goberno local vén de poñer en marcha esta semana un proceso de formación coa finalidade de capacitar ao funcionariado municipal no uso do desfibrilador. O obxectivo desta iniciativa, segundo expón a concelleira de Igualdade e Diversidade, e con competencias en Seguridade Cidadá,  Rocío Fraga, "é facer da Coruña unha cidade cardioprotexida a través da formación daqueles servizos municipais máis próximos á veciñanza". O Concello coruñés conta con 31 unidades de desfibriladores externos semiautomáticos (DESA) entre os diferentes equipamentos municipais --centros cívicos, instalacións museísticas e deportivas--, ademais dos coches da Policía Local e nun dos camións de Bombeiros. "A aprendizaxe do uso do desfibrilador é fundamental para poder salvar vidas, polo que desde o goberno local queremos favorecer a formación entre o persoal municipal nesta materia, en especial daquel que se atopa de cara ao público e que ten próximo un equipo DESA", explica a concelleira, que incide na importancia de impartir esta formación, especialmente, entre membros do corpo policial, "posto que a súa presenza na rúa é constante e os coches patrulla dispoñen deste aparato para tratar a parada cardiorrespiratoria".Así, nesta primeira fase da formación, que comezou o pasado mércores 15 e que se prolongará durante todo o mes de novembro, o Concello capacitará a máis dun cento de policías locais no uso dos equipos DESA. De cara ao ano que vén comezará a segunda fase do proxecto, da que participarán, aproximadamente, 200 persoas que forman parte da administración local, entre as que se inclúen o resto do corpo policial, o servizo de bombeiros así como o persoal que se atopa en espazos abertos á veciñanza, como son os centros cívicos, museos e instalacións deportivas. Finalmente, nunha terceira fase, ofrecerase esta formación ao resto do persoal municipal, até acadar o millar de efectivos con coñecementos sobre o uso do DESA.  Os cursos de formación sobre o uso e a técnica do desfibrilador impártense nunha das aulas do parque de Bombeiros municipal. Cada taller, no que participa un máximo de 18 alumnos, ten unha carga lectiva de oito horas, e está impartido por 3 persoas instrutoras. A edil de Igualdade visitou precisamente esta mañá, acompañada da concelleira de Facenda e Administración, e responsable da área de Persoal, Eugenia Vieito, o espazo formativo. "A maior parte do persoal que imparte e difunde este coñecemento é do corpo de bombeiros, pero neste grupo, conformado por unhas 20 persoas, tamén contamos con persoal de protección civil e da área de saúde laboral, todas elas coordinadas polo médico do Concello", explica Vieito, que afirma que este grupo recibiu formación de soporte vital a través da Sociedade Española de Medicina Intensiva, Crítica e Unidades Coronarias, SEMICYUC, no marco do Plan Estatal de RCP.

O seguinte paso a este proceso de formación, segundo sinala a responsable de Seguridade Cidadá, "será contar cunha base de datos de todos os DESA que hai na cidade, "tanto públicos como privados, e coordinar esta información co 061 co fin de coordinar mellor os servizos e reducir as isócronas de actuación á hora de atender paradas cardiorrespiratorias".  

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión