Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de abril de 2019

O servizo de Bombeiros incorpora un sistema de comunicacións dixital que incrementa a estabilidade das chamadas e a seguridade dos traballadores durante as intervencións

A concelleira Rocío Fraga, que visitou esta mañá no Parque as formacións sobre o sistema, salientou tamén que o servizo dispón dun novo vehículo para traballar en altura en rúas e espazos estreitos

O servizo de Bombeiros renova os seus sistemas de comunicación, que pasan a ser dixitais e supoñen un aumento nas funcionalidades e na seguridade do cadro de persoal. A concelleira responsable de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, supervisou esta mañá no Parque de Bombeiros a incorporación deste sistema de comunicación vía radio dixital, así como as formacións que están a recibir os traballadores para o coñecemento do mesmo, xa que se comezará a empregar dende o día de hoxe. "A modernización do sistema é un investimento esencial para a efectividade e a seguridade do servizo porque permite comunicacións máis estables e intelixibles durante as operacións e incorpora a posición xeográfica de todos os equipos, o cal permite saber en todo momento, nas intervencións, onde están localizados tanto os vehículos como o persoal", explica Fraga. O equipo incorpora tamén o sistema de "persoa caída", polo que un terminal pode lanzar de maneira automática un sinal de emerxencia aos demais terminais cando unha persoa leva tempo sen moverse.

Este novo equipamento do Servizo municipal de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS), que empregaba ata o momento un sistema analóxico, permite tamén a transmisión de datos. Para a súa utilización instaláronse cinco receptores dixitais en barrios da cidade (situados en Monte Alto, Bens, Eirís, Ventorrillo e a torre de control marítimo) e un máis no propio Parque de Bombeiros que é transportable e que se poderá utilizar durante as intervencións, xa sexa por falta de cobertura ou en momentos de caída da rede. Ata o momento, só se empregaba un repetidor analóxico situado no Ventorrillo. "O sistema ten tamén novidades en canto aos terminais que vai usar o persoal de Bombeiros, máis sinxelos, fiables, fáciles de usar e adaptados ás condicións das intervencións nas que traballa un bombeiro", indica a concelleira. Así, o novo equipo ten un sistema de mans libres incorporado ao casco e a posibilidade de empregarse con auriculares en ambientes de moito ruído, como pode ser durante os labores de prevención que se realizan en eventos no Coliseum.

Escaleira para espazos estreitos

Fraga explicou tamén que o servizo de Bombeiros incorpora así mesmo unha nova autoescaleira automática compacta de 20 metros que permitirá traballar en zonas urbanas de difícil acceso como son as rúas e espazos moi estreitos, por exemplo, na Cidade Vella. A autoescaleira dispón dunha plataforma que xira 360 graos sen sobresaír do chasis do vehículo, polo que permite traballar en espazos que teñan un ancho de 3,1 metros, que é a distancia máxima entre os eixes do mesmo. Tamén incorpora un sistema de cámara de 360 graos, pantalla de visión exterior para facilitar as manobras do vehículo e un sistema de estabilización que permite traballar a 20 metros de altura.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión