Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de marzo de 2017

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL

Dende as 07:00 horas do día 18 de marzo até as 07:00 horas do día 19 de marzo

DETIDOS CATRO MOZOS COMO COAUTORES OU PARTÍCIPES DUN DELITO DE LESIÓNS CON ARMA BRANCA

Ás 08:50 horas desta mañá, axentes do dispositivo de control de acceso na avenida da Mariña son informados por un taxista de que acaba de cruzarse na rúa Nova/San Andrés cun grupo de 4 mozos que ían correndo e, un deles, portaba un coitelo na man. A través do equipo de transmisións, os axentes comunican ás unidades operativas que inician unha batida pola zona, desprazándose así desde a avenida da Mariña cara a onde lles indicaba o taxista. No cruzamento de rúa Nova/San Andrés, son requiridos por outro taxista, quen lles indica que facía uns minutos foi requirido o seu servizo por un cliente e, no momento que este se estaba a introducir no taxi, apareceron catros mozos correndo que comezaron a agredilo e saen á carreira. Cando o taxista baixa para auxiliar ao cliente, este manifesta que lle acaban de apuñalar nun costado, comprobando que sangraba abundantemente. Nese mesmo momento o taxista observa a presenza do vehículo policial, e informa aos axentes dos feitos e do lugar cara onde saíron correndo os mozos. Os axentes policiais fanse cargo do lesionado, solicitando o apoio dunha ambulancia a través da sala do 092 (e quedan con el á espera dos sanitarios), mentres que pasan a descrición dos mozos ás demais unidades policiais de apoio operativas. Posteriormente unha ambulancia do 061 traslada ao mozo, de 20 anos e veciño de Oleiros, ao servizo de urxencias do CHUAC, en principio nunha primeira avaliación médica en estado grave.

A través das cámaras de tráfico, desde a Sala do 092 localizan a un grupo de mozos entrando cara á rúa Duran Loriga desde a rúa Santa Catalina, grupo cuxas características coincidían coas facilitadas. Ata alí se trasladada un vehículo policial que estaba á beira, e a dotación comproba que as características coincidían, así como que un dos mozos sangraba pola man dereita e tiña ensanguentada a cazadora. O grupo foi interceptado inmediatamente e neutralizado no lugar, recoñecendo que acababan de ter unha discusión con outro mozo pero negan a agresión con arma branca. Apoiados por outras dotacións policiais, a dotación inspecciona a contorna, localizando a uns 5 metros de distancia, baixo dun vehículo estacionado, unha navalla tipo bolboreta. Ademais, nun cacheo superficial, a un dos mozos atopóuselle nun peto interior do pantalón unha coitela de afeitar e a outro unha navalla multiusos con restos de sangue no fío.

Os mozos detidos son de 20, 20, 18 e 17 anos, quedando detidos todos eles a disposición xudicial, e sendo denunciados de oficio por un delito de lesións, á espera de que o lesionado, unha vez sexa atendido das lesións, presente a correspondente denuncia.

AUXILIOS Á CIDADANÍA

As 16:55 horas do día 18, unha patrulla da Policía Local foi comisionada pola Sala Operativa do 092 para que se trasladase á zona da Praza das Atochas, onde ao parecer había unha persoa que caera no interior do domicilio e non era capaz de levantarse. Unha vez no lugar, e tras entrevistarse coa requiriente do servizo, os policías puideron comprobar desde o domicilio desta persoa como noutra vivenda, situada no outro extremo do patio de luces, había un varón que se atopaba tendido no chan da cociña e solicitaba axuda. A dotación acudiu no seu auxilio tendo que saltar un pequeno muro divisorio que hai entre as dúas vivendas, para socorrer á devandita persoa, un home de avanzada idade (92 anos), sentándoo nun sofá da vivenda. Posteriormente localizouse e deuse aviso a un fillo, o cal acudiu ao lugar, así como unha ambulancia do 061 cuxos integrantes, tras atender e examinar ao home, non consideraron necesario o seu traslado a un centro sanitario, quedando a cargo do seu fillo.

CONTROL DE VENDA AMBULANTE ILEGAL NO MERCADIÑO DA SARDIÑEIRA

Na mañá do día 18, con motivo do control de venda ambulante realizado durante a celebración do Mercadiño da Sardiñeira, membros da Policía Local observaron que unha persoa estaba a ofrecer, ás e aos transeúntes e hostaleiros da zona da avenida da Sardiñeira, produtos perecedoiros que levaba depositados nun bidón. En días pasados, un cidadán presentara queixas a este corpo por este motivo, polo que se montou un dispositivo de vixilancia e, como consecuencia, detectouse e identificouse a este home, de 56 anos e veciño da cidade, dado que non xustificou a procedencia licita dos produtos (peixe fresco) e tiña á venda produtos que están prohibidos venderse nestas condicións, polo que procederon ao seu comiso, incautando 4 caballas, 3 fanecas, 6 meigas, 1 salmonete, 1 carioca, 14 centolas, 14 bois de mar e 9 peixes variados.

Ao infractor cursóuselle a correspondente denuncia por infrinxir a Lei de Protección da Seguridade Cidadá e reguladora da venda ambulante, por estar a exercer unha actividade de venda ambulante sen licenza, sendo os produtos de alimentación, ao tratarse de produtos perecedoiros, entregados á o Instituto Benéfico Social Pai Rubinos. No mesmo operativo policial foron comisados un total de 15 vultos de roupa e obxectos de segunda man que foron abandonados na vía pública ao detectar a presenza policial.

CONTROIS PREVENTIVO-DISUASORIOS DE SEGURIDADE VIARIA

- Un condutor denunciado ante o Xulgado de Garda por un delito contra a seguridade viaria por conducir un vehículo a motor sen obter nunca o permiso de condución. O home foi detectado ás 18:20 horas, cando unha dotación policial deste corpo deu o alto ao ciclomotor da marca e modelo

Derbi Variant que circulaba pola avenida da Concordia con rúa Mercé, comprobando que o seu condutor, un home de 20 anos e veciño de Culleredo, non obtivera nunca o permiso de condución. Por tal motivo tramítanselle dilixencias ao Xulgado de Garda por un delito contra a seguridade viaria polo procedemento de Xuízo rápido. O vehículo que conducía foi inmobilizado e trasladado ao depósito municipal como medida cautelar de seguridade viaria.

-    UN condutor denunciado ante o Xulgado de Garda por conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas, dando positivo na proba de alcoholemia (alcoholemia penal), cando unha dotación policial deste corpo detecta que un Mercedes 320 sufrira un incidente de tráfico na intersección das rúas Manuel Deschamps con Camiño do Piñeiral, e que cuxo condutor, un home de 22 anos e veciño da Coruña, presentaba signos de ter inxerido bebidas alcohólicas. O condutor foi sometido ás probas de determinación do grao de impregnación alcohólica, arroxando estas un resultado POSITIVO (0,63 e 0,57 mg/l), polo que se lle tramitan dilixencias ao Xulgado de Garda por un delito contra a seguridade viaria polo procedemento de Xuízo rápido. O vehículo que conducía foi retirado por un guindastre de asistencia particular ao quedar imposibilitado para circular.

-    Un condutor denunciado por dar positivo na proba de alcoholemia (alcoholemia administrativa). O home foi detectado ás 04:25 horas na avda. Pedro Barrié da Maza, cando unha dotación deste corpo deu o alto a un turismo Audi A4, cuxo condutor, de 18 anos e veciño de Culleredo, presentaba signos de ter inxerido bebidas alcohólicas. O home foi sometido ás probas de determinación do grao de impregnación alcohólica, arroxando estas un resultado POSITIVO (0,56 e 0,53 mg/l), polo que se lle tramitou denuncia administrativa que lle podería supoñer unha sanción de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do seu permiso de conducir. Do vehículo fíxose cargo un coñecido do condutor en condicións normais e habilitado para conducir.

-    Un condutor denunciado ante o Xulgado de Garda por conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas dando positivo na proba de alcoholemia (alcoholemia penal). O home estivo implicado nun accidente de circulación sen feridos da clase 'arremetida', que se produciu na intersección da rúa Rexedor Somoza con rúa Comandante Fontanes ás 22:30 horas, no que se viron implicados un Peugeot 308 e un Citroën C3. O condutor do primeiro deles, un home de 55 anos e veciño de León, presentaba signos evidentes de atoparse baixo os efectos de bebidas alcohólicas. Ao practicarlle a este condutor a proba de alcoholemia, estas arroxaron un resultado POSITIVO (0,88 e 0,94 mg/l), motivo polo que se lle tramitan dilixencias ao Xulgado de Garda por un delito contra a seguridade viaria. Do vehículo fíxose cargo un coñecido do condutor en condicións normais e habilitado para conducir.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión