Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de outubro de 2017

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL

Dende as 07:00 horas do 12 até as 07:00 horas do 13 de outubro

CONTROIS PREVENTIVO-DISUASORIOS DE SEGURIDADE VIARIA

- Ás 07:45 horas do 12 de outubro, unha dotación interceptou un turismo na Avenida de Buenos Aires, á altura do aparcadoiro do Pazo de Deportes de Riazor, como consecuencia dunha infracción de tráfico. O seu condutor amosaba signos de acharse baixo os efectos de bebidas alcohólicas polo que a patrulla deu aviso á dotación de Atestados. O condutor, un veciño de Culleredo de 22 anos, arroxou un resultado positivo (0.57 e 0.51 mgs/l) nas probas de aire expirado, polo que se lle tramitou denuncia, que lle poderá supoñer unha sanción de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos. Do vehículo que conducía, da marca e modelo Volkswagen Golf, fíxose cargo un terceiro, habilitado e en condicións normais para conducir.

- Ás 10:37 horas do 12 de outubro, unha patrulla deu o alto a un turismo na estrada de San Pedro de Visma con motivo dun control preventivo. O condutor, veciño da Coruña e de 31 anos, foi sometido a unha proba de drogas e deu positivo en cocaína, cannabis, anfetaminas e metanfetaminas, polo que foi proposto para unha sanción de 1.000 euros e unha retirada de 6 puntos, á espera da confirmación do positivo por parte do laboratorio. O vehículo, da marca Volkswagen, foi inmobilizado e trasladado para o Depósito municipal, como medida cautelar de seguridade viaria.

- Ás 23:05 horas do 12 de outubro, unha dotación trasladouse á Avenida Salgado Torres, á altura da rúa General Rubín, onde un turismo batera contra o valo metálico dunha rotonda e rematou envorcado no outro extremo da calzada. Á chegada da primeira patrulla, o seu condutor xa fuxira do lugar, axudado por outro vehículo de cor negra, da marca e modelo Peugeot 206. Así mesmo, comprobouse que o condutor fora ao CHUAC, onde se lle practicaron as probas de alcoholemia e arroxou uns resultados positivos (0.87 e 0.84 mgs/l), polo que se lle instruíron dilixencias por delito contra a seguridade viaria. Os mozos que colaboraron en facilitar a fuxida do condutor, veciños de Carballo, foron identificados e denunciados pola súa participación nos feitos.

- Ás 01:00 horas do 13 de outubro, unha dotación trasladouse á avenida da Mariña, onde os empregados dun local de hostalería tiñan inmobilizado a un home en estado ebrio. Xa no lugar, a patrulla comprobou que os empregados do local tiñan inmobilizado a un home na vía pública, e explicaron que este home, veciño da Coruña e de 49 anos, sufrira un desmaio, debido ao gran estado de embriaguez que presentaba, polo que requiriron unha ambulancia e unha dotación de Atestados de Tráfico, para que lle practicara as probas de alcoholemia, xa que chegara nun ciclomotor que estacionara na terraza do local. Cando este home foi requirido para a práctica das probas no interior do furgón policial, este negouse a efectualas e propinou unha puñada no queixo a un dos axentes e un empuxón ao outro, caendo os tres ao chan no forcexeo, aínda que finalmente, conseguiron reducilo. A dotación sanitaria que se trasladou ao lugar tivo que administrarlle un sedante para trasladalo ao CHUAC, onde, se lle informou da tramitación de dilixencias por un concurso de dous delitos: atentado a axentes da autoridade e delito contra a seguridade viaria, por conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas. Un dos axentes causou baixa laboral a consecuencia das lesións.

MENOR DETIDO POR UN CONCURSO DE TRES DELITOS: FURTO E USO DE VEHÍCULO A MOTOR, CONDUCIÓN SEN AUTORIZACIÓN E ROUBO CON FORZA EN VIVENDA

Ás 04:26 horas do 13 de outubro, unha patrulla da Policía Local foi requirida pola Sala Operativa do 092 para que se trasladase á rúa Feáns, onde de se producira un accidente con feridos. Xa no lugar, a dotación atopou o vehículo, que impactara contra o muro dunha casa, sen ocupantes, aínda que detectou na contorna un mozo cunha actitude sospeitosa, polo que lle preguntou se sabía algo do ocorrido. O mozo respondeu con distintas versións incongruentes, mentres enviaba multitude de mensaxes desde o seu teléfono móbil, nun dos cales explicaba que roubara o coche en Carballo. O mozo borrou entón a mensaxe, diante da dotación, e manifestou que ía ver á súa moza a Palavea e que viña desde Arteixo andando. A patrulla comprobou, a través da Sala do 092, que o vehículo accidentado fora roubado en Carballo e detivo ao mozo, quen, durante o traxecto ás dependencias policiais, amosou unha actitude agresiva cara á dotación. Xa nas dependencia policiais, o mozo foi identificado, tratándose dun menor, de 17 anos e veciño de Arteixo. A patrulla púxose en contacto telefónico coa nai do detido, quen manifestou que ela non podía vir facerse cargo do menor pero que mandaría, no seu lugar, a un irmán del. Así mesmo, informouse dos feitos á Fiscalía de Menores. O vehículo accidentado, da marca e modelo Audi A4, foi trasladado cun guindastre a dependencias policiais. Posteriormente comprobouse que constaba denuncia, na Garda Civil de Carballo, de que o vehículo fora subtraído con chaves, tras un roubo con forza no interior dunha vivenda.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión