Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de outubro de 2017

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL

Dende as 07:00 horas do 13 até as 07:00 horas do 20 de outubro

CONTROIS PREVENTIVO-DISUASORIOS DE SEGURIDADE VIARIA

- Ás 14:05 horas do 19 de outubro, o equipo de Atestados deste Corpo deu o alto a un vehículo na avenida Pedro Barrié de la Maza, á altura de Facenda, que fuxira dun accidente no que se vira implicado no Concello de Arteixo. O condutor, un home de 44 anos e veciño da Coruña, arroxou un resultado positivo nas probas de drogas pola presenza de cocaína, cannabis e anfetamina no organismo, polo que se lle tramitou denuncia administrativa, que lle poderá supoñer unha sanción de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do seu permiso de conducir. Do vehículo que conducía, da marca e do modelo BMW 320, fíxose cargo un familiar do condutor.

- Ás 16:37 horas do 19 de outubro, unha dotación deu o alto a un vehículo na rúa Fernando Rey, e o seu condutor, un veciño de Oleiros de 24 anos, arroxou un resultado positivo no control de drogas, pola presenza de cannabis no organismo. A patrulla tramitoulle unha denuncia administrativa, que lle poderá supoñer unha sanción de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do seu permiso de conducir. Do vehículo que conducía, da marca e do modelo Opel Corsa, fíxose cargo un coñecido do condutor.

- Ás 06:00 horas do 20 de outubro, unha patrulla deu o alto a un turismo que circulaba de forma anómala pola Praza Pontevedra. O condutor presentaba signos evidentes de acharse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, polo que a dotación deu aviso ao equipo de Atestados. O condutor, un home de 30 anos e veciño da Coruña, arroxou un resultado positivo nas probas de determinación do grao de impregnación alcohólica (0,76 e 0,73 mg/l), polo que se lle tramitaron dilixencias ao Xulgado de Garda, por un delito contra a seguridade viaria ao dar positivo nas probas de alcoholemia. O vehículo que conducía, da marca e do modelo Ford Fiesta, foi inmobilizado de forma cautelar e retirado por un guindastre ata o Depósito municipal.

ACCIDENTES DE CIRCULACIÓN

- Ás 16:30 horas do 19 de outubro, o equipo de Atestados foi requirido para atender un accidente de circulación con feridos, da clase `caída´, ocorrido á altura do número 4 da rúa Sánchez Bregua, no que se atopaban implicados dous vehículos: un turismo da marca e modelo Audi A3 e unha motocicleta marca Piaggio, modelo X8 125 cc. O accidente produciuse cando ambos os vehículos circulaban en dirección entrada da cidade e o condutor da motocicleta viuse sorprendido polo cambio de carril realizado polo Audi A3, caendo sobre a calzada, o que provocou que resultase ferido de carácter grave, por posible fractura en perna dereita. O condutor da motocicleta, un veciño da Coruña de 45 anos, foi trasladado ata o CHUAC por unha ambulancia do 061. Da motocicleta fíxose cargo a pasaxeira, unha muller de 37 anos e veciña de Fisterra, que resultou ilesa.

- Ás 18:41 horas do 19 de outubro, o equipo de Atestados foi requirido para atender un accidente de circulación sen feridos, da clase `arremetida´, que tivera lugar na glorieta sita na confluencia da avenida Glasgow co viario elevado da avenida San Cristóbal e no que estiveron implicados dous vehículos: unha furgoneta Citroën Evasión e un turismo Ford Fiesta.

- Ás 21:57 horas do 19 de outubro, produciuse un accidente na rúa Rivadavia, á altura do número 4, cando o vehículo da marca e modelo Kía Rio, chocou contra dous turismos estacionados, un Honda Jazz e un Peugeot 308. O condutor presentaba signos evidentes de acharse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, polo que foi sometido ás probas de determinación do grao de impregnación alcohólica polo método de aire expirado. O condutor, un mozo de 22 anos e veciño da Coruña, arroxou un resultado positivo (0.82 e 0.82 mg/l), polo que se lle tramitaron dilixencias por un delito contra a seguridade viaria e por acharse implicado nun accidente de circulación. Do vehículo que conducía fíxose cargo un familiar do condutor.

DETIDA POR VIOLENCIA NO ÁMBITO FAMILIAR

Ás 22:40 horas do 14 de outubro, unha patrulla foi comisionada pola Sala 092 para que se dirixise a unha vivenda na zona do barrio de Monte Alto, onde ao parecer, estaba a producirse unha forte discusión familiar. A dotación foi recibida no portal do edificio por un home, que se identificou como o padrasto dunha moza, que manifestou que esta e a súa nai mantiveran unha forte discusión, e que cando se puxo no medio para mediar, a moza lle rabuñou a cara, amosando marcas visibles. Unha vez no domicilio, a nai explicou á patrulla que tiña desavinzas continuas coa súa filla por mor das súas numerosas ausencias de casa, sen previo aviso. A nai amosaba erosións no pescozo, segundo manifestou, causadas pola súa filla, e engadiu que xa sufrira agresións noutras ocasión, pero que nunca denunciara pero que agora quería interpoñer denuncia contra a súa filla porque a cousa cada vez ía a peor e xa non a respectaba. A dotación entrevistouse coa moza, veciña da Coruña e de 17 anos, que explicou que tivera unha discusión coa súa nai e que, tras recibir un empuxón do seu padrasto, defendérase, aínda que esta non presentaba lesións nin marcas aparentes. A patrulla procedeu á detención da moza, quedando custodiada nos calabozos policiais a disposición xudicial e tramitou denunciada de oficio por un delito de lesións no ámbito familiar.

CONTROIS PREVENTIVO-DISUASORIOS DE SEGURIDADE VIARIA

- Ás 02:08 horas do 15 de outubro, unha dotación policial deu o alto a un turismo cando circulaba pola rúa Luís Quintas Goyanes e detectou que o seu condutor amosaba signos de inxerir bebidas alcohólicas, polo que foi requirido para someterse ás probas de alcoholemia. O condutor, de 49 anos e veciño da Coruña, arroxou un resultado positivo (0,61 e 0,62 mg/l) nas probas de alcoholemia, o que lle poderá supoñer unha sanción de 1.000 euros e a perda de 6 puntos do seu permiso de conducir. O vehículo, da marca e modelo Audi 90, foi inmobilizado e trasladado ao Depósito municipal, como medida cautelar de seguridade viaria.

- Ás 05.07 horas do 15 de outubro, unha patrulla deu o alto a un turismo na Rolda de Nelle e someteu ao seu condutor ás probas de alcoholemia. O condutor, de 51 anos e veciño da Coruña, arroxou uns resultados positivos (0,59 E 0,58 mg/l), polo que foi denunciado por conducir dando positivo na proba de alcoholemia, o que lle poderá supoñer unha sanción de 1.000 € e a perda de 6 puntos do seu permiso de conducir. O vehículo, da marca e modelo Seat Córdoba, foi inmobilizado e retirado polo guindastre ao Depósito Municipal como medida cautelar de seguridade viaria.

- Ás 05.31 horas do 15 de outubro, unha patrulla interceptou un turismo que circulaba polo Paseo de Rolda e detectou que a súa condutora presentaba signos de inxerir bebidas alcohólicas. A condutora, de 29 anos e veciña da Coruña, arroxou uns resultados positivos nas probas de alcoholemia (0,49 e 0,46 mg./l), o que lle poderá supoñer unha sanción de 500 € e a perda de 4 puntos do seu permiso de conducir. O vehículo, da marca e modelo Mercedes A 160, foi inmobilizado e trasladado ao depósito municipal como medida cautelar de seguridade viaria.

- Ás 05.59 horas do 15 de outubro, unha dotación deu o alto a un turismo na rúa Adelaida Muro  e detectou que o seu condutor presentaba signos de inxerir bebidas alcohólicas. Este condutor , veciño de Lugo e de 35 anos, arroxou uns resultados positivos nas probas de alcoholemia (0,64 e 0,65 mg/l), o que lle pode supoñer unha sanción de 1.000 € e a perda de 6 puntos do seu permiso de conducir. O vehículo, da marca e modelo Seat Ibiza, foi inmobilizado e retirado polo guindastre ao depósito Municipal como medida cautelar de seguridade viaria.

- Un condutor denunciado ante o Xulgado de garda por un delito contra a seguridade viaria por conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas estando implicado nun accidente de circulación con feridos ocorrido ás 20.30 horas do 14 de outubro na avenida do Exército, do tipo "raspado", no que se atopaban implicados dous vehículos, ambos os turismos: un Toyota Celica, conducido por un home de 58 anos e veciño da Coruña e un Renault Megane, conducido por unha muller de 25 anos e veciña de Oleiros, resultando ferida de carácter leve, polo que foi trasladada por unha ambulancia do 061 ao Hospital San Rafael. O condutor do Toyota Celica foi denunciado xudicialmente pola concorrencia de dous delitos contra a seguridade viaria: negarse a realizar as probas de alcoholemia, e por conducir baixo a influencia de bebidas alcohólicas, tendo en conta que mostraba claros signos de atoparse baixo a súa influencia. O vehículo foi inmobilizado e retirado polo guindastre ao depósito Municipal como medida cautelar de seguridade viaria.

- Un condutor denunciado ante o Xulgado de garda por un delito contra a seguridade viaria por conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas, estando implicado nun accidente de circulación sen feridos da clase "caída", ocorrido ás 23.50 horas do 14 de outubro, na Glorieta do Pavo Real,  no que se atopa implicado un ciclomotor da marca e modelo PIAGGIO ZIP 50, conducido por un home de 79 anos veciño da Coruña que deu positivo nas probas de alcoholemia (0,93 mg/l na primeira, sendo incapaz de completar a segunda-) polo que foi denunciado ao Xulgado por un delito contra a seguridade viaria por conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas con resultado de danos. O vehículo foi inmobilizado e retirado polo guindastre ao depósito Municipal como medida cautelar de seguridade viaria.

CONTROIS PREVENTIVO-DISUASORIOS DE SEGURIDADE VIARIA

- Sobre as 09:05 horas do día 13, unha dotación desta policía local interceptou un turismo Volkswagen Golf na avenida de Barrié de la Maza como consecuencia dunha infracción. O seu condutor, un home de 19 anos veciño da Coruña e con menos de dous anos de antigüidade no seu permiso de conducir, foi sometido ás probas de alcoholemia arroxando senllos resultados positivos de 0.33 e 0.32 mgs/l. Foi denunciado con 1.000 euros e a retirada de 6 puntos. Do vehículo fíxose cargo un terceiro.

- Sobre as 22:40 horas, no polígono de Vío parouse un turismo Volkswagen Golf cuxo condutor, un home de 34 anos e veciño de Guísamo, Bergondo, carecía de permiso de conducir. Tramítanse dilixencias ao Xulgado de Garda por Delito Contra a Seguridade Viaria polo procedemento de Xuízo Rápido. Do vehículo fíxose cargo a súa propietaria.

- Sobre as 4:24 horas, na avenida de Barrié da Maza, detívose outro Volkswagen Golf. Ao falar co seu condutor, de 28 anos e veciño da Coruña, e percibir que presentaba signos de ter inxerido alcol, foi sometido ás probas arroxando senllos resultados positivos de 0.62 e 0.55 mgs/l. Foi denunciado con 1.000 euros e a retirada de 6 puntos. Do vehículo fíxose cargo un terceiro.

- Sobre as 05:30 horas detívose ao condutor dun turismo Mercedes na rúa Gregorio Hernández. O seu condutor, de 51 anos e veciño da Coruña, foi sometido ás probas de alcoholemia arroxando senllos resultados positivos de 0.69 e 0.74 mgs/l en aire expirado. Instrúense dilixencias ao Xulgado de Garda por Delito Contra a Seguridade Viaria polo procedemento de Xuízo Rápido.

- Sobre as 05:33 horas detívose outro turismo, un Volkswagen Polo á altura do número 3 da rúa San Roque de Fóra. A súa condutora, de 22 anos e veciña da Coruña, foi sometida ás probas de alcoholemia arroxando senllos resultados positivos de 0.55 e 0.52 mgs/l. Foi denunciada con 1.000 euros e a retirada de 6 puntos. Do vehículo fíxose cargo un terceiro.

ACCIDENTE DE CIRCULACIÓN

- Ás 11:00 horas do día 13 recibiuse unha denuncia do propietario dun vehículo que, estacionado na rúa Perpetuo Socorro, fora danado por outro en circulación. Tras as investigacións realizadas, púidose saber que os danos producíranse o pasado día 9 por un Audi A3 de cor gris escura. As xestións realizadas deron como resultado a identificación do vehículo causante, cuxo titular reside en Lugo. Este manifestou que lle deixaba o coche a outra persoa e non tiña constancia. Requirida a condutora, compareceu nas dependencias policiais para esclarecer os feitos. Argumentou que descoñecía que danase outro vehículo. Será proposta para sanción por non facilitar os datos aos prexudicados ou dar conta á Policía Local.

- Sobre as 17:00 horas, un turismo Volkswagen Scirocco, que circulaba polo carril dereito da avenida de Barrié de la Maza segundo o sentido de circulación que discorre desde a Avenida de Bos Aires cara á rúa Modesta Goicouría, chocou contra o báculo das cámaras de tráfico instalado na marxe esquerda da última vía citada. Ao parecer, o seu condutor virou á súa dereita para evitar que outro vehículo que circulaba polo carril contiguo e que se estaba cambiando ao carril polo que circulaba chocase con el.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión