Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de abril de 2018

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL

Dende as 07.00 horas do 9 de abril até as 07.00 horas do 12 de abril do 2018

DETIDO POR RESISTENCIA GRAVE A AXENTES DA AUTORIDADE NO EXERCICIO DAS SÚAS FUNCIÓNS

- Ás 07.18 horas do 10 de abril, unha patrulla foi comisionada pola Sala operativa do 092 para que se trasladase á zona do barrio da Sagrada Familia onde un vehículo estacioanara diante dun vao permanente, impedindo a entrada e saída de vehículos do garaxe. Xa no lugar, a dotación comprobou que no asento do piloto deste turismo estaba a durmir un home coa música posta. Esta persoa, que presentaba síntomas evidentes de ter consumido bebidas alcohólicas,  manifestou que estivera bebendo alcol toda a noite, polo que a dotación instoulle a que localizase a alguén que puidese retirar o vehículo ao atoparse mal estacionado. Ante a súa negativa, a patrulla informoulle que procederían a denunciar o vehículo e a retiralo co guindastre, pero este comezou entón a poñerse cada vez máis nervioso, e á chegada do guindastre, tentou impedir que a retirada do vehículo, chegando a poñerse diante do vehículo impedindo ao operario realizar as tarefas de retirada. Dado que esta persoa non cesou na súa actitude, a patrulla tentou apartalo físicamente do lugar en varias ocasión e no canto de depoñer a súa actitude, comezou a forcexear cos axentes, até caer ao chan xunto con un dos axentes, que sufriu lesións nas costas. No chan o home chegou mesmo a agarrarse a unha das rodas do vehículo para evitar que o levasen, mentres gritaba e forcexeaba en todo momento. Este home, de 57 anos, foi detido e denunciado de oficio por un delito de resistencia grave a axentes da autoridade, con resultado de lesións a axente da autoridade no exercicio das súas funcións. O vehículo foi denunciado, por estar estacionado nun vao e impedir a entrada/saída doutros vehículos, e retirado ao Depósito municipal.

DENUNCIADOS POR NON OBEDECER OS PRECINTOS DE ZONAS COSTEIRAS/PRAIAS

- Dende ás 13.00 horas do martes 10 de abril acoutouse o acceso aos areais da cidade xunto con outras medidas preventivas e de vixilancia de acordo aos protocolos existentes con motivo da alerta laranxa por temporal no mar, decretada para ás 15.00 horas. Seguindo o protocolo establecido, encomendóuselle a varias dotacións da Policía Local, tanto na quenda de tarde como na da noite, que supervisasen os accesos ás praias. Estas patrullas, na tarde do martes denunciaron a 4 persoas e na noite do martes ao mércores a unha máis por non respectaren os precintos policiais, infrinxindo así os seguintes artigos da Lei Orgánica 4/2015, do 30 de marzo, de protección da seguridade cidadá:

  • Artigo 36, apartado 6. Infracción grave: A desobediencia ou a resistencia á autoridade ou aos seus axentes no exercicio das súas funcións, cando non sexan constitutivas de delito, así como a negativa para identificarse a requirimento da autoridade ou dos seus axentes.

  • Artigo 37, apartado 15. Infracción leve: A remoción de valos, encintados ou outros elementos fixos ou móbiles colocados polas Forzas e Corpos de Seguridade para delimitar perímetros de seguridade, aínda con carácter preventivo, cando non constitúa infracción grave.

  • Artigo 39, apartado 1. Sanción: As infraccións moi graves sancionaranse con multa de 30.001 a 600.000 euros; as graves, con multa de 601 a 30.000 euros, e as leves, con multa de 100 a 600 euros.

CONTROIS PREVENTIVO-DISUASORIOS DE SEGURIDADE VIARIA

- Ás 09.30 horas do 9 de abril, unha dotación deu o alto a unha furgoneta que chocara contra o bordo da beirarrúa á altura do número 96 da rúa Orillamar. O seu condutor, un home de 44 anos, arroxou uns resultados negativos en alcol e positivos pola presenza de cocaína no organismo, polo que a patrulla tramitoulle dilixencias ao xulgado por un delito contra a seguridade viaria. Do vehículo que conducía, da marca e modelo Peugeot Vipper, fíxose cargo un coñecido do condutor, habilitado e en condicións normais para conducir.

- Ás 00.47 horas do 10 de abril, unha patrulla deu o alto a un turismo na rúa Comandante Fontanes e o seu condutor foi sometido ás probas de alcolemia. Este home, de 39 anos, arroxou uns resultados positivos de 0,44 mg/l e 0,44 mg/l, polo que se lle tramitou a correspondente denuncia administrativa, que poderá supoñerlle unha sanción de 500 € e a perda de 4 puntos do seu permiso de conducir. Do vehículo que conducía fíxose cargo un coñecido do condutor.

- Ás 21.30 horas do 10 de abril, unha dotación deu o alto a un turismo na avenida Rubine e o seu condutor, un home de 41 anos, arroxou uns resultados positivos de 0,67 mg/l e 0,67 mg/l, polo que se lle tramitaron dilixencias ao xulgado por un delito contra a seguridade viaria. Do vehículo que conducía fíxose cargo un coñecido do condutor.

- Ás 00.50 horas do 11 de abril, unha patrulla deu o alto a un turismo na avenida Alfonso Molina e someteu ao seu condutor ás probas de alcolemia. Este condutor arroxou uns resultados positivos de 0,49 mg/l e 0,44 mg/l polo que se lle tramitou a correspondente denuncia administrativa, que poderá supoñerlle unha sanción de 500 € e a perda de 4 puntos do seu permiso de conducir. Do vehículo que conducía fíxose cargo un coñecido do condutor.

- Ás 09.50 horas do 11 de abril, unha dotación deu o alto a un turismo no Paseo Marítimo e o seu condutor, un home de 34 anos, arroxou uns resultados positivos en THC e cocaína nas probas de drogas, polo que se lle tramitou a correspondente denuncia administrativa, que poderá supoñerlle unha sanción de 1.000 € e a perda de 6 puntos do seu permiso de conducir. Do vehículo que conducía fíxose cargo un coñecido do condutor.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión