Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de novembro de 2017

Xulio Ferreiro manifestou que “a actuación ao longo destes meses tanto da Policía Local como da área de Mobilidade foi fundamental para acometer esta primeira fase de penetración do transporte interurbano”

O alcalde salienta o traballo feito dende o Concello da Coruña "para posibilitar a entrada, sen incidencias, das liñas de bus interurbanas até o centro da cidade"

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, quixo felicitar aos e ás traballadoras municipais, especialmente aos e ás efectivas da Policía Local e da área de Mobilidade polo traballo desempeñado para garantir a correcta entrada até o centro da cidade de liñas de autobús de concellos da contorna dentro da primeira fase de penetración de transporte interurbano. En declaracións aos medios, o rexedor salientou que "a primeira xornada da entrada dos buses interurbanos, sen que se detectase ningún problema destacable". "Se isto foi así é precisamente grazas ao traballo previo que se levou a cabo dende o Concello da Coruña. Creo que é día de reivindicar o esforzo", explicou o primeiro edil, que manifestou que "seguro que hoxe se entende moito mellor o que levamos semanas pedíndolle á Xunta: paciencia, prudencia e planificación". "Seguro que a partir de agora tamén se entenderá moito mellor o que imos seguir facendo, que é un seguimento intensivo da penetración e o seu impacto, para poder ir cada vez máis alá", engadiu.

"Cremos que tras a xornada de onte, a Consellería de Infraestruturas e a Xunta teñen probas dabondo de que facer as cousas de forma precipitada non é boa cousa. Falo por exemplo de cando presentaron o Plan de Acceso do Transporte Metropolitano sen contar cos concellos e, nomeadamente, sen contar co Concello da Coruña", recordou.

"O que imos facer é seguir monitorizando e analizando a implantación do plan de penetración, controlando e xestionando os indicadores de calidade para que o tráfico e, sobre todo, o transporte público urbano, non se vexan afectados", comentou Ferreiro que, non obstante, recordou que o Concello non ten competencias sobre os horarios dos autobuses interurbanos, así como carece tamén de competencias sobre o control do cumprimento dos mesmos. "Nós o que si podemos facer e estamos a facer é tratar de controlar e xestionar o tráfico nos tramos urbanos", comentou, para explicar que "se A Coruña e a súa contorna contase cunha verdadeira Área Metropolitana con competencias en transporte, se podería decidir dende aquí e non dende Santiago, os horarios e as rutas".

"A penetración dos buses interurbanos até o centro da cidade é algo moi importante, pero dende logo non é a política metropolitana definitiva á que podemos aspirar, temos que pensar nun verdadeiro transporte metropolitano que, dentro dun sistema común, dunha mesma malla, coordine o transporte da denominada primeira coroa coa segunda. Iso é precisamente o que lle queremos trasladar á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, dende hai meses", dixo, a respecto da reiterada demanda de reunión por parte tanto o primeiro edil coruñés como dos e da súa homóloga na área metropolitana. "O ideal sería ter unha entidade de xestión única do transporte que, entendemos, debería estar dentro da Área Metropolitana", comentou.

"Nós non queremos retirar ningunha competencia á comisión de seguimento do transporte metropolitano do que, por certo, forman parte 17 concellos. O que ocorre é que queremos falar de algo máis ambicioso, xa que do que estamos a falar é de artellar un sistema único de transporte que este integrado dentro da propia Área Metropolitana. O que queremos é coordinar o transporte urbano co interurbano pero as nosas aspiracións, dende logo, non pasan por tratar de amarrar competencias doutras administracións. O único que pretendemos é actuar de forma que se mellore á vida de todas as persoas da área metropolitana", salientou o mandatario local.

Documentos:

Transporte Interurbano Coruña-Paradas e horarios (1 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión