Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de marzo de 2019

A Concellería de Xustiza Social avanza na implantación do programa 'Housing First', que xa facilitou vivenda a catro persoas sen fogar para favorecer a súa inclusión social

Xulio Ferreiro e a edil Silvia Cameán visitaron esta mañá un dos pisos incluídos na iniciativa, que completará nas vindeiras semanas o proceso de asignación de vivenda para dúas persoas máis. A concelleira salienta tamén o traballo do Goberno local neste eido co afianzamento o centro de baixa esixencia Abeiro, que atendeu o pasado ano a 247 persoas, 80 máis que no 2017.

O alcalde, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, visitaron esta mañá unha das vivendas seleccionadas para o programa Housing First, a iniciativa para a atención das persoas que están en situación de rúa no municipio que busca "favorecer o acceso á vivenda como un paso imprescindible para que as persoas sen fogar poidan recuperar a súa autonomía". "Dentro das políticas para a atención do senfogarismo o Goberno local aposta por programas innovadores que respecten a iniciativa, os tempos e as decisións das persoas, como é no caso de Housing First, que facilita ferramentas e os apoios necesarios para que as persoas en situación de rúa que acceden ao programa poidan desenvolver a súa autonomía persoal", explica o rexedor.

A Concellería de Xustiza Social atópase na implantación do programa, que se realiza a través dun convenio de colaboración coa Fundación RAIS e a Asociación Provivienda, na súa primeira fase para a que se seleccionaron seis dos dez pisos que ten como obxectivo. "O proceso de selección das vivendas obedece a uns criterios estritos que garanten as condicións precisas para o desenvolvemento da persoa e a súa correcta inserción no entorno", indica a concelleira. A asignación dos pisos realizouse a través dos servizos sociais e das entidades que traballan neste ámbito na cidade e tendo en conta que a persoa debe candidatarse para acceder ao programa, un requisito que axuda a incrementar a taxa de éxito da iniciativa. Tal e como avanzou Cameán, son catro xa as persoas que teñen accedido ao programa, dous homes e dúas mulleres, "e as dúas restantes completarán o proceso nas vindeiras semanas". A diferencia doutros programas, Housing First "introduce a ruptura do método clásico de escaleira onde as persoas están condicionadas a un plan de intervención e aposta polas propias persoas sen condicionar os seus dereitos sociais e respectado a súa autonomía", indica Cameán. Así, non se emprega a vivenda, que é unipersoal, como garantía para o seguimento dun itinerario e é a persoa quen debe solicitar a súa participación na iniciativa, o que deriva en mellores resultados "que en casos nos que se forza á persoa a facer un cambio".

Centro Abeiro de baixa esixencia

Cameán salientou que "programas pioneiros como Housing First son o complemento e a prolongación doutras iniciativas neste eido postas en marcha polo Concello e que están a ter bos resultados". Así, a concelleira explicou que o Centro Abeiro de atención de baixa esixencia para persoas en situación de rúa atendeu durante o pasado ano a 247 persoas, das que 204 foron homes e 43 mulleres. Esta cifra supón un aumento de 80 persoas atendidas respecto o 2017. "No Centro Abeiro as persoas sen fogar poden contar con atención, información e orientación ademais doutros servizos como o de promoción e inserción social e outros que cubran necesidades esenciais como o de cea e café, consigna e estancia de pernocta", apunta a edil. No pasado ano foron 206 as persoas que pasaron a noite no centro, que rexistrou un total de 5.122 pernoctas, fronte ás 167 que fixeron uso das instalacións para pasar a noite no 2017.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión