Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de abril de 2017

O Concello ordena a demolición da antiga nave de La Toja, na Pasaxe, tras atopar solución habitacional estable para as persoas residentes

O concelleiro de Rexeneración Urbana salienta o "traballo silencioso e rigoroso realizado nos últimos dous anos polos equipos municipais", que fai posible que os traballos para o derribo se inicien o vindeiro 4 de maio, e que segue adiante no resto do asentamento

 A Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, que dirixe Xiao Varela, notificou este martes a orde para a demolición da antiga nave industrial de La Toja, na Pasaxe, á empresa propietaria, "unha vez que os servizos municipais teñen atopado -indica o concelleiro desta área- solucións habitacionais estables e adaptadas á situación das distintas persoas que habitan este recinto, que xa se están empezando a poñer en marcha". De tal xeito, e segundo a comunicación remitida á inmobiliaria propietaria, o inicio dos traballos fíxase para o vindeiro 4 de maio, co valado do perímetro de seguridade, e a execución establécese nun máximo dun mes, o que inclúe tamén a recollida dos residuos derivados desta actuación, para que a parcela quede nas condicións de seguridade e salubridade debidas. "O Concello está en disposición de fixar estas datas para o derribo logo dun traballo silencioso e rigoroso no asentamento na busca de solucións habitacionais duradeiras para as familias afectadas", salienta o concelleiro, para poñer en valor o labor que os distintos servizos municipais están a realizar a través do Plan de Acceso a un Hábitat Digno coas persoas residentes neste asentamento precario, e o traballo social "exhaustivo" que se está a realizar, tanto desde o punto de vista habitacional como tamén educativo, laboral e da saúde, "dirixido á normalización e integración das familias". 

"O Concello vai máis alá do que estableceu, en xuño de 2015, a sentenza que lle encomenda o realoxo temporal das persoas residentes na nave durante o tempo que duran os traballos de demolición. Desde esa data, levamos traballando coas persoas afectadas para atopar solucións habitacionais duradeiras e adaptadas ás específicas condicións de cada unha delas, solucións que hoxe están xa en marcha ou ben encauzadas, de maneira que poderán levarse a cabo, en todos os casos, antes de que se inicie a demolición", destaca Varela, quen indica que nos últimos días estivo en contacto directo cos e coas residentes para constatar a boa marcha do proceso para o cambio de emprazamento. Como pon de relevo, o labor no asentamento estase a realizar de maneira coordinada desde as distintas concellerías implicadas, o equipo especializado creado a esta fin e tamén a Policía Local, "desde a perspectiva da realidade social dos e das habitantes e do traballo cara á plena  integración que ten que impulsar o Concello". Nese sentido, o concelleiro saúda a colaboración e boa disposición que están a atopar os equipos municipais no conxunto das persoas residentes. 

Dentro deste traballo, recorda Varela, o Concello está a realizar tamén, a través da Concellería de Medio Ambiente, un plan para a recollida de residuos no asentamento, que vén de pechar a súa primeira fase coa retirada de 1.700 toneladas de materiais de refugallo da zona, e que continuará en datas próximas coa ampliación da zona de limpeza e o inicio de actuacións para a de normalización da recollida do lixo, para o que tamén se colocarán contedores, se separarán os residuos orgánicos e inorgánicos e se repartirán ecocubos, de cara a normalizar o servizo durante o período de transición ata que as persoas habitantes se incorporen a un hábitat normalizado. 

Incendio

Por outra banda, a concelleira de Medio Ambiente, María García, desprazouse a primeira hora deste martes ata A Pasaxe, para comprobar cos equipos técnicos as consecuencias do incendio que se rexistrou no asentamento onte á noite, e que provocou danos de importancia en tres infravivendas. Como avanzou, o Concello procederá hoxe mesmo a retirar o material que resultou queimado, ao tempo que o servizo municipal de Bombeiros está a realizar un control exhaustivo no lugar, para evitar que o lume poida reproducirse.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión