Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de agosto de 2017

O Goberno local referenda o seu compromiso coa situación das persoas sen fogar co centro municipal Abeiro, que desenvolve o programa de baixa esixencia e recibe cada día unha media de 13 persoas

A concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, salientou a “fundamental labor que leva a cabo este espazo, que en dous meses leva atendido a 59 homes e 6 mulleres”, e que profundiza na aposta do goberno local por resolver o problema do ‘senfogarismo’ na cidade. Os recursos para acadar este obxectivo incrementáronse nun 65% até os 370.000 euros

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, salientou este venres o compromiso real que o goberno local da Coruña está a amosar con respecto á situación das persoas sen fogar. Ao fío, a responsable municipal, quixo destacar os bos resultados que está a colleitar o Centro Abeiro, espazo municipal no que se desenvolve o programa de baixa esixencia destinado á cidadanía en situación de rúa e que cada xornada, dende a súa apertura hai dous meses, recibe unha media de 13 persoas ao día (sendo a súa capacidade presencial de 15). A edil manifestou que este programa vén a profundizar "na clara aposta deste goberno por resolver o problema do senfogarismo na cidade, que se traduce nun incremento do 65% na inversión dos programas que atenden as necesidades das persoas sen teito".

"O senfogarismo é unha das consecuencias que producen as sociedades desiguais e é o claro reflexo dun fracaso colectivo", indicou a concelleira en rolda de prensa. "Dende este goberno local queremos construír un modelo de cidade diferente, que poña no centro ás persoas e a súa dignidade. Non queremos unha cidade de persoas sen dereito, nin unha cidade que expulse, senón unha cidade próxima e acolledora. Unha cidade na que ninguén viva na rúa e que aposte por ferramentas que permitan unha vida digna", comentou. Así, Cameán explicou como, neste liña, o departamento municipal de Xustiza Social puxo en marcha hai dous meses de forma efectiva o Centro Abeiro que ten como finalidade a prevención, atención, promoción e inserción social das persoas que pasan a noite na rúa. "Está aberto todos os días do ano, de 21.00 horas a 08.00 horas e conta con seis auxiliares de atención a tres integradoras sociais que traballan no centro e na rúa", recordou.

Segundo enumerou Cameán o cadro de persoal do Centro Abeiro recibe e acolle a persoas en situación de rúa, explícalles o funcionamento do centro, realiza entrevistas para recoller datos e investigar vías de intervención así como asesoramento laboral ou sanitario. Ademais, se leva a cabo a entrega de comida do punto de quente e se ofrece servizo de consigna, de pernocta, seguimento e control dos itinerarios de inserción social, colaboración coas distintas entidades de apoio social...

A responsable municipal explicou que, á marxe, da media de 13 persoas por xornada, o número de mulleres que acudiron neste tempo ao Centro Abeiro foron 6, fronte ao número de homes usuarios, que é de 59. Para a titular de Xustiza Social este dato referenda o que xa indican numerosos estudos sobre persoas sen fogar sobre "a reducida presenza de mulleres, o que fomenta a invisibilidade de aquelas que se atopan en grave situación de exclusión". "Esta situación ten que ver moito cos roles de xénero que historicamente se lle asignaron ás mulleres, xa que manteñen vínculos sociais máis sólidos no ámbito familiar e das amizades. Non obstante, isto non significa que o problema non desapareza, senón que permanece invisibilizado no espazo privado", evidenciou. "Contra isto tamén estamos dispostas a traballar, porque as mulleres están sobrerrepresentadas entre as persoas máis empobrecidas, se ben a problemática das persoas sen fogar afecta maioritariamente a homes", avanzou.

Inversión en aumento

A concelleira de Xustiza Social quixo destacar, por outra banda, que "durante o actual mandato municipal, vimos como algúns grupos, especialmente o PP, empregaron como arma política a situación das persoas sen teito". "Este goberno local non vai permitir que ninguén utilice para os seus intereses ás persoas que peor o están pasando, co único obxectivo de sacar rédito político ou partidista". Cameán recordou que, ademais do Centro Abeiro, na Coruña existen tamén outros recursos para persoas sen teito que actualmente están a ser financiados con fondos municipais, como é o caso do Albergue Padre Rubinos, que recibe do Concello 120.000 euros, o centro de día Accem, dotado con 10.000 euros, o Servizo Municipal de Urxenciais Sociais (SEMUS), que se desenvolve a través de Cruz Vermella, e que recibe 70.000 euros, a Cociña Económica, con 30.000 euros ou o dispositivo de frío Accem, con importe de 6.500 euros. "En total, a inversión ascende aproximadamente a 370.000 euros, un incremento con respecto a outros anos que, como xa indiquei, se reflexa nun incremento porcentual do 65%, dato que desmonta ás claras calquera tipo de relato afastado da realidade que fala de falta de apoio ás entidades sociais", reflexionou.

"O noso obxectivo, e niso estamos a poñer todo o empeño, radica en que absolutamente ningunha persoa nesta cidade durma na rúa", indicou.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión