Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de xullo de 2018

O Concello iniciará o 17 de setembro a descentralización dos servizos sociais, “un novo paso nun modelo de proximidade que axude a resolver os problemas da veciñanza”

O alcalde o a concelleira de Xustiza Social presentaron un sistema baseado “na axilidade e na atención de calidade” que terán cinco sedes nos centros cívicos de San Diego, Os Mallos, Monte Alto, Labañou e Elviña, “aqueles con máis poboación e maior vulnerabilidade”. Os novos equipos pasarán a ser completos e multidisciplinares, con persoal específico para atender as situacións de emerxencia e casos de longa duración, para dar unha resposta integral ás persoas usuarias.

O alcalde, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, anunciaron este venres a descentralización dos servizos sociais municipais, unha medida que comezará a aplicarse desde o vindeiro 17 de setembro e que supón, tal e como sinalou o rexedor, "un novo paso nun modelo de proximidade no que xa levamos moito avanzado, para dar unha atención máis cercana, cun novo sistema de traballo que potencia ademais a axilidade na resposta e a calidade na atención". O proceso de descentralización despregará desde esa data cinco equipos de atención social, que estarán situados nos centros cívicos de San Diego, Os Mallos, Monte Alto, Labañou e Elviña, "barrios con gran densidade de poboación e con maior vulnerabilidade social", e suporá tamén un novo modelo de traballo en rede a nivel interno e que pasa a contar con equipos multidisciplinares, "para dar unha atención integral, máis áxil e de maior calidade", segundo destacou a concelleira durante a presentación desta mañá.

Esta reorganización, que se presentou hoxe tamén ás entidades sociais do municipio, vén complementar os cambios que se foron introducindo nos tres últimos anos no modelo de servizos sociais da cidade, no que, como exemplificou o alcalde, a implantación do Servizo de Atención Inmediata en todas as unidades de atención social, concentradas ata agora en tres puntos, "tivo un impacto moi positivo, xa que ofreceu atención no día ás demandas máis urxentes, desconxestionou o servizo e permitiu a redución das listas de agarda". "Con esta novidade, a demora na atención con cita previa pasou dunha media de 71 días no 2015 a 24 días no 2016", apuntou Ferreiro, quen indicou que a descentralización pretende seguir ese camiño de crear uns servizos sociais máis efectivos, "máis feministas e que axuden a resolver problemas".

Os novos equipos de atención social, que estarán situados nos centros cívicos destes cinco barrios, terán tamén unha nova formación, "máis completa e multidisciplinar, na que traballarán diferentes profesionais de maneira coordinada", como explicou a concelleira responsable desta área. Así, cada equipo terá unha profesional de atención inmediata para resolver no día as cuestións máis urxentes, á vez que permite reducir a lista de agarda para as traballadoras sociais de referencia (dúas en cada equipo agás no dos Mallos, no que serán tres), que fan labores a medio e longo prazo. Os equipos contarán ademais con educadoras sociais (dúas en Os Mallos, Monte Alto e Labañou e unha en San Diego e Elviña), unha auxiliar administrativa e unha directora. "Tiñamos un modelo centralizado que rachaba co criterio da proximidade e de descentralización, no que había unha única profesional. Agora pasaremos a contar con equipos preparados para dar unha atención integral ás diferentes necesidades", subliñou Cameán. A edil explicou que, tras a posta en marcha do sistema no mes de setembro, faranse un seguimento "para asegurar a correcta implantación e avaliar as medidas que se podan ir engadindo no proceso, que está aberto a unha transformación continúa de mellora".  

A este cambio organizativo irá aparellado tamén un novo modelo, como observou Cameán, que se baseará nun traballo interno en rede entre as distintas profesionais do Concello, así como coas do terceiro sector, e unha atención cara ás persoas que acoden aos servizos sociais fundamentada na axilidade e na calidade. Para preparar a modificación do sistema, todas as persoas usuarias do servizo na actualidade recibirán comunicación, con antelación, do equipo que lle corresponde en función á proximidade co seu domicilio.

"Con este paso cumprimos cunha das medidas incluídas no noso programa electoral, pero ademais, temos o convencemento de que acercar os servizos sociais ás veciñas con unha atención de maior calidade era un paso imprescindible", sinalou esta mañá Ferreiro, que referendou a aposta por un modelo de servizos sociais baseado en "principios básicos, como son a participación, a calidade, a prevención, a proximidade, a equidade, a perspectiva de xénero, a universalidade, os  dereitos subxectivos, a dimensión comunitaria e a promoción da autonomía persoal". A este respecto, salientou algúns dos pasos dados neste sentido, desde a creación do Consello Local de Inclusión Social, a eliminación da carga burocrática de numerosas axudas -como as bolsa comedor, ou o bonotaxi-, a Renda Social Municipal, o programa de Educación en rúa ou o de atención ás coidadoras.

"O noso modelo de servizos sociais baséase en feitos, na acción, e non unicamente en palabras", reafirmou a concelleira de Xustiza Social e Coidados, que puxo como exemplo o gasto en actuacións de protección e promoción social por habitante da Coruña, que, con 105,94 euros por persoa, é o máis elevado das cidades de Galicia, segundo sinalan os datos do Ministerio de Facenda, "o que nos sitúa como o primeiro concello de Galicia en canto a gasto social". Un resultado do cambio de modelo que, como incidiu Cameán, acompáñase dun incremento sostido na dedicación orzamentaria ao gasto social, que supón un máis de 26 millóns de euros, un 10% do total, e que permitiu ampliar programas de atención ou implementar outros novos. Ao respecto, a edil lembrou que, dende 2015, o número de menores que reciben unha bolsa de comedor incrementouse nun 57%, mentres que o programa de alimentación durante as vacacións pasou de atender a 24 nenos e nenas a 425 no pasado ano. Os incrementos de persoas beneficiarias prodúcense tamén nas axudas de emerxencia social, que chegan a 2.307 no 2017 fronte as 1.875 concedidas no 2015, o que supón un incremento do 23%.

A posta en marcha do programa de Renda Social Municipal beneficiou a 293 familias "que hoxe teñen cubertas as súas necesidades máis básicas" no marco dunha iniciativa "que ten unha execución do 50% da partida en 2018 o que indica que están completamente implementada".  Cameán mencionou tamén, dentro das accións iniciadas polo actual Goberno local, a apertura do Centro Abeiro de baixa esixencia, que ofrece unha alternativa habitacional ás persoas sen teito e que realizou 3.429 atencións a 167 persoas no pasado ano. "Dentro do ámbito de prevención e de traballo comunitario que se fai dende Xustiza Social, puxemos en marcha o programa de Educación en rúa, que traballou con 109 menores en distintos barrios da cidade", engadiu Cameán, quen destacou tamén que as accións formativas de inclusión social e de apoio domiciliario chegaron a 245 persoas. No coidado das situacións de vulnerabilidade nas que as persoas precisan un aloxamento actúa o programa de vivendas de emerxencia social, que acolleu  a 21 persoas durante o ano 2017. Para as situacións de máis urxencia e que precisan unha xestión áxil, o Goberno local iniciou o programa A Flote que, como salientou Cameán, concedeu no ano pasado 197 axudas "para facer efectivo o dereito a unha vivenda digna, e que en moitos casos contribuíron a impedir que esas persoas perderan a súa vivenda". "Estas cifras dan unha idea da cidade que estamos debuxando, unha cidade que pretende mellorar a vida das nosas veciñas e dos nosos veciños e niso vai axudar tamén a descentralización dos servizos sociais", concluíu.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión