Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de outubro de 2017

Xustiza Social destina 600.000 euros ao programa Talón Restaurante para 2018, “que ofrece máis facilidades aos e ás usuarias”

A Xunta de goberno local aprobará este venres a tramitación anticipada destas axudas, de forma que os e as perceptoras das mesmas, poidan facer uso dos seus talóns xa no mes de xaneiro, sen ter que esperar á entrada en vigor do novo orzamento

A Concellería de Xustiza Social, dirixida por Silvia Cameán, destinará 600.000 euros para o desenvolvemento durante o próximo ano do programa Talón Restaurante, pensado para favorecer a autonomía e envellecemento activo das persoas maiores da cidade, así como o fomento da súa interrelación coa contorna, á vez que garantir a alimentación equilibrada. A Xunta de goberno local dará luz verde este venres á tramitación anticipada deste programa, de forma que os e as perceptoras destas axudas para poder comer en establecementos da cidade poidan contar cos seus cheques no mes de xaneiro. "Poñemos en práctica o mesmo método que xa empregamos o pasado ano, para que as persoas perceptoras destas axudas poidan facer uso dos seus cheques para acudir aos restaurantes xa dende o 1 de xaneiro e non vexan a súa prestación alterada polos tempos administrativos", indicou Cameán, que destacou a aposta do Concello por este programa, que mantén a mesma partida económica que este 2017. "Unha cantidade que aumentamos convintemente no momento no que entramos no goberno, xa que somos conscientes da importancia de que os e as veciñas maiores do concello teñan ao seu alcance ferramentas que redunden na súa interrelación e na súa autonomía", fixo notar.

A edil salientou ademais que, este ano, a intención do executivo municipal é facilitar aínda máis a participación tanto de persoas usuarias como de restaurantes neste programa. De feito, e tras unha avaliación dos resultados do Talón Restaurante, acordouse dar a posibilidade aos establecementos hostaleiros de ofertar, ademais do menú completo, como se facía até o de agora, un menú do día dun só prato, con sobremesa e bebida por un custo máximo de 6 euros. O prezo do menú completo (de dous pratos) que oferten os establecementos non poderá superar os 7,30 euros. O Concello achegará unha cantidade de 3,74 euros por menú para aquelas persoas que teñan unha capacidade económica superior ou igual ao IPREM, e de 5,30 euros para aquelas persoas cuxa capacidade económica sexa inferior ao IPREM, aportando o resto a persoa incluída no programa. A través do programa, que se pode solicitar durante todo o ano na Oficina Municipal de Dependencia, Maiores e Discapacidade, as persoas usuarias obterán un talonario mensual que oscila entre os 10 e os 25 cheques, dependendo da súa situación.

Cando unha persoa solicita a axuda municipal do Talón Restaurante é obxecto dunha baremación polas técnicas municipais, tendo en conta a capacidade económica e a dispoñibilidade orzamentaria. O número de talóns adxudicados poderá variar se a devolución de talóns mensuais por parte da persoa usuaria é constante, xa que o persoal técnico deberá adaptar a concesión ao uso real. Causará baixa a persoa que non use ao mes un mínimo de 5 talóns.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión