Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de abril de 2019

A Xunta de goberno local dá luz verde á convocatoria de axudas de bolsa comedor para o vindeiro curso por 1,5 millóns de euros

Entre 20 de marzo e o 1 de abril, Rexeneración Urbana tramitou 225 títulos urbanísticos, entre as que se contan 19 licenzas, 136 expedientes de obras en réxime de comunicado e 48 comunicacións previas ao inicio de actividades

A Xunta de goberno local deste venres deu luz verde, entre outros asuntos, á convocatoria e ás bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das bolsas de comedor escolar para o curso 2019-2020. O importe global destas subvencións ascende a 1,5 millóns de euros, 450.000 euros que se investirán este ano, con cargo ao orzamento prorrogado, entre os meses de setembro a novembro, e 1.050.000 euros para aboar as axudas correspondentes ao resto do curso e cuxo crédito deberá estar contido no vindeiro presuposto municipal. A concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, indicou que a convocatoria se publicará nos próximos días tanto na sede electrónica do Concello como no boletín oficial da provincia. A responsable municipal salientou a importancia desta subvención, "moi importante para reforzar o compromiso de apoio público a todas aquelas unidades familiares con menores ao cargo que teñan algunha dificultade". As bolsas de axuda para o comedor do Concello están destinadas a unidades familiares de convivencia con menores ao cargo que estean escolarizados en centros de ensino sostidos con fondos públicos e se atopen no termo municipal e cuxa renda per cápita non supere os 6.000 euros anuais (ademais de axustarse ao baremo establecido). Este curso, máis de 1.600 menores da cidade se viron beneficiados por esta subvención.  

A gratuidade da bolsa pode ser total para aqueles e aquelas menores que cursan estudos nun centro público que teña servizo de comedor, ou dun máximo de 80 euros ao mes no caso de alumnado matriculado nun centro sostido parcialmente con fondos públicos (concertado) ou privado, unha contía que pode elevarse ata os 98 euros en casos excepcionais, atendendo á situación económica dos e das participantes.

Noutra orde de asuntos, a Xunta de goberno local tivo coñecemento esta mañá das licenzas tramitadas pola área de Rexeneración Urbana menores a 1,2 millóns de euros durante o período comprendido entre o 20 de marzo e o 1 de abril. Neste tempo tramitáronse 225 títulos habilitantes, entre os que se computan 19 licenzas urbanísticas, 136 expedientes de obras en réxime de comunicado, 48 comunicacións previas ao inicio de actividades e 19 declaracións responsables.

Ademais, a XGL tomou coñecemento da decisión do Tribunal Supremo sobre o contencioso derivado das expropiacións realizadas polo Concello durante a etapa de goberno socialista a propietarias de terreos no Castro de Elviña. "Agora toca analizar cada e cada expediente de forma individual para determinar cal é a cantidade exacta de compensación que lle compete a cada un. É un traballo laborioso que non vai ser inmediato porque son moitos expedientes a tramitar. Neste momento estamos tratando de fixar unha xuntanza con todas as persoas afectadas para explicarlles a folla de ruta que pretendemos acometer", indicou o alcalde, Xulio Ferreiro, a preguntas dos medios nun acto público.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión