Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de febreiro de 2018

O Concello ultima a constitución formal do Consello Sectorial de Inclusión Social coa publicación do seu regulamento

A concelleira de Xustiza Social e Coidados salienta que o regulamento foi consensuado con entidades, sindicatos e grupos políticos municipais que farán parte do novo órgano consultivo, "un espazo de encontro entre a administración local e as entidades para asesorar, debater, traballar en rede e facer achegas ás políticas de inclusión social municipais"

A Concellería de Xustiza Social e Coidados avanza a inminente publicación do regulamento do Consello Sectorial de Inclusión Social. Farase público, segundo indica, a vindeira semana a través  do Boletín Oficial da Provincia (BOP) e, como indica a responsable municipal desta área, Silvia Cameán, supón o derradeiro paso formal antes de que se convoque a primera xuntanza, a constituínte, do órgano. Nestas datas, a concellería está a contactar agora coas entidades do tecido social do municipio para convidalas a formar parte deste consello sectorial de carácter consultivo, que nace "como un espazo de encontro entre a administración local e as entidades para asesorar, debater, traballar en rede e facer achegas ás políticas de inclusión social municipal". As entidades deberán comunicar por escrito o seu interese en formar parte do consello e designar a persoas representantes. "A Coruña está a crear un novo modelo de xestión e, por tanto, un novo modelo de cidade, no que se articulen todos os campos necesarios para complementar un sistema integral de participación no que o papel das entidades sociais é fundamental", indica a concelleira de Xustiza Social

Tal e como explica a edil, as normas específicas de funcionamento do consello "son o resultado de meses de consulta a entidades do terceiro sector, sindicatos e os grupos políticos municipais, xa que Xustiza Social abriu un proceso de participación no que recabar suxestións". O Consello Sectorial de Inclusión Social será de carácter consultivo, pero "terá capacidade, lexitimidade e liderado suficiente para emitir opinións e facer propostas" que se remitirán aos órganos de goberno municipais, aínda que non terán carácter vinculante. En palabras de Cameán, trátase dun "foro onde se expoñerán iniciativas específicas en materia de inclusión social das entidades, das persoas e do propio Concello".

As súas funcións fundamentais, por tanto, serán analizar as liñas de actuación e as partidas dos orzamentos dedicadas a inclusión social do Concello, participar no deseño e revisión de plans e programas, así como na elaboración de ordenanzas e regulamentos, e, finalmente, crear grupos de traballo para analizar cuestións que precisen dunha reflexión máis exhaustiva. "Este consello é unha mostra máis do esforzo e compromiso que este Goberno amosou dende o primeiro día coas medidas e programas que tenden a facer desta unha cidade máis igualitaria e por tanto máis xusta", indicou Cameán.

O regulamento que se publicará a no BOP indica que a presidencia do Consello Sectorial recae na figura do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, se ben poderá delegar na concelleira competente en materia social, neste caso Silvia Cameán. Contará ademais cunha vicepresidencia, asumida por unha persoa que forma parte do Consello en calidade de representante dunha entidade social, e unhas vogalías, que estarán conformadas por concelleiros e concelleiras de todos os grupos con representación no Pleno municipal, así como por representantes das entidades do ámbito da inclusión social inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións Coruñesas (REMAC). Representantes de colectivos de especial relevancia no ámbito dos servizos sociais determinados polo propio consello tamén poderán estar presentes, así como representantes de cada un dos tres sindicatos maioritarios no Concello da Coruña e membros tanto do Colexio Oficial de Diplomados e Diplomadas en Traballo Social de Galicia, como representantes do Colexio de Educadoras e Educadores sociais de Galicia. Tanto a presidenta como a vicepresidenta, a secretaria e as vogais do Consello conformarán o pleno do mesmo.

O Consello tamén contará a súa vez cunha serie de sub-órganos como son os grupos de traballo, unidades que teñen como función elaborar informes e propostas, e realizar aquelas actividades que se consideren convenientes para mellorar a situación de inclusión social na cidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión