Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de setembro de 2018

O goberno local inicia o vindeiro luns a descentralización da atención social nos barrios, "que derivará nunha atención integral máis próxima e completa á veciñanza"

O servizo comunicou xa o cambio de centro ás persoas que fan uso deste servizo que tiñan programadas citas para a próxima semana e continuará reorganizando as entrevistas que xa estaban concertadas

Concello inicia o vindeiro luns un novo modelo de servizos sociais descentralizados nos barrios, co que busca ofrecer unha atención que supoña menos desprazamentos para as persoas que fan uso destes servizos, pero tamén máis próxima e completa, xa que contará cun novo sistema de traballo que potencia a axilidade na resposta e a calidade na atención. A Concellería de Xustiza Social e Coidados, da que é responsable Silvia Cameán, ten xa a punto o cambio de localizacións para os cinco equipos de atención social, que estarán situados nos centros cívicos de Labañou, Os Mallos, Elviña, San Diego e Monte Alto, así como a reorganización das persoas usuarias. "Con esta descentralización do servizo e a introdución de equipos multidisciplinares para a atención integral en cada un destes cinco novos puntos nos barrios estamos a complementar todo un proceso de reformulación na atención social da cidade, que está a ter un impacto moi positivo, e co xa se lograron grandes avances na axilización dos trámites como, por exemplo, coa posta en marcha do Servizo de Atención Inmediata (SAI)", indica a concelleira.

O persoal dos servizos sociais municipais traballou nas últimas semanas para ultimar tanto o traslado físico dos equipos --que non suporá ningunha interrupción na atención-- como a reorganización das persoas que fan uso destes servizos, que están a ser contactadas por teléfono para facilitarlles toda a información da nova distribución territorial e asignarlles un novo centro e profesional de referencia, de ser o caso, xa que o día e a hora das citas se mantén. As persoas que teñen entrevistas programadas durante a primeira semana de descentralización, a partir do luns 17, foron xa avisadas e as traballadoras do servizo seguirán informando ata ter todo o calendario de entrevistas actualizado. No caso de que algunha persoa usuaria non puidese ser localizada por vía telefónica recibirán a información precisa no Centro Ágora ou en Catro Camiños, no seu lugar de atención anterior, onde se lles asignará unha nova cita. Tal e como explica Cameán, fíxose tamén un labor de reasignación de traballadores e traballadoras socias a partir da nova reorganización territorial, "na que se puxo especial coidado en respectar ás veciñas que preferiron manter a súa profesional de referencia, porque non era convínte expoñela a este cambio ou porque se considera que é relevante manter a relación profesional xa iniciada". A edil explica que, co obxectivo de "manter a calidade na asistencia e abordar calquera desaxuste ou problema que poida xurdir", a concellería porá tamén en marcha un sistema de seguimento que avalíe a correcta implantación da descentralización, así como as melloras que se poidan ir engadindo a un sistema que "está aberto a unha transformación continúa de mellora".  

Equipos multidisciplinares

Os novos equipos de atención social, como lembra Cameán,  serán máis "completos e multidisciplinares", e neles traballarán diferentes profesionais de maneira coordinada. Así, cada equipo terá unha profesional de atención inmediata para resolver no día as cuestións máis urxentes, á vez que permite reducir a lista de agarda para que as traballadoras sociais de referencia (dúas en cada equipo agás no dos Mallos, no que serán tres), poidan centrar o seu traballo en axudar ás persoas a saír da situación de vulnerabilidade e conquerir unha vida autónoma. Os equipos contarán ademais con educadoras sociais (dúas en Os Mallos, Monte Alto e Labañou e unha en San Diego e Elviña), unha auxiliar administrativa e unha directora. Ademais, con este cambio de organización tamén se implantará un novo modelo de traballo interno, no que as distintas profesionais colaborarán en rede e no que terán contacto tamén coas entidades do terceiro sector. "Esta transformación está enfocada a mellorar a atención das persoas que acoden aos servizos sociais municipais, que serán máis cercanos, máis próximo e multidisciplinares", afirma.

Documentos:

Díptico Descentralización dos Servizos Sociais (161 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión