Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de marzo de 2017

A Oficina Municipal de Atención ás Persoas Consumidoras tramitou durante o ano pasado máis de 900 reclamacións por parte da cidadanía, "das que o 58% resolvéronse de forma favorable"

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, destacou que o labor de mediación desenvolvido pola OMIC fixo posible a devolución de 114.252,50 euros ás persoas consumidoras

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentou este xoves os datos da memoria correspondente ao ano 2016 da Oficina Municipal de Información ás Persoas Consumidoras (OMIC), que reflicten que "este servizo do Concello da Coruña mantén a ritmo constante o volume de reclamacións que tramita e que logra resolver de forma positiva". En concreto, e segundo os datos dados a coñecer nesta xornada, durante o ano 2016, a OMIC rexistrou 16.357 actuacións, das cales 15.455 eran de carácter informativo e de atención, mentres que 902 casos derivaron en reclamacións contra empresas que foron tramitadas pola propia oficina municipal, que actúa como mediadora en conflitos xerados arredor das relacións de consumo. "Desde o Goberno local estamos especialmente satisfeitas co labor que se desenvolve desde este servizo, tendo en conta que do total de reclamacións que contaron coa colaboración da OMIC, o 58% foron resoltas de forma favorable para os e as usuarias", destacou Lema, que fixo fincapé en que "as cifras mantéñense constantes con respecto ao ano 2015, os datos máis elevados dos últimos anos". Os acordos conseguidos traducíronse en que a Oficina Municipal de Atención conseguiu devolver 114.252.50 euros ás persoas consumidoras. En canto ás mediacións nas que non se chegou a un acordo coa empresa demandada pola persoa reclamante, a OMIC trasladou 192 expedientes ao Instituto Galego de Consumo ante posibles infraccións, 11 expedientes á Xunta Arbitral de Consumo, 41 á Axencia Estatal de Seguridade Aérea e 10 ao Servizo Provincial de Turismo.

Lema, que estivo acompañado na rolda de prensa pola responsable da OMIC, Lida Blanco, explicou que o sector das subministracións foi o que suscitou maior número de demandas e consultas. A electricidade e as comunicacións representan o 56% das consultas e o 48% das reclamacións. As reclamacións teñen que ver, nun 28,27%, con irregularidades na prestación dun servizo, sendo relativas á facturación un 25,61% e garantías un 16%. O concelleiro tamén destacou que, das consultas realizadas á OMIC, 8.617 foron realizadas por mulleres, mentres que 6.838 foron homes, sendo 481 as reclamacións presentadas por mulleres, fronte ás 421 de homes.

A páxina web municipal con información aos e ás consumidoras, www.coruna.es/omic, recibiu durante 2016 un total de 14.497 visitas. Entre as principais novidades está o feito de que os e as usuarias puideron presentar as súas reclamacións a través da sede electrónica municipal, así como cursar as preinscricións para cursos e actividades de carácter educativo relacionados cos dereitos das persoas consumidoras, evitando ter que desprazarse. Ao longo do pasado ano, 6.156 persoas participaron nas actividades educativas organizadas pola OMIC, en 420 actividades distintas. O destinatario foi público tanto infantil como adulto que coñeceu hábitos de consumo saudable.

A media diaria de consultas atendidas pola OMIC foi de 62, e o 30 de decembro foi a xornada do ano que rexistrou maior actividade neste sentido, derivado en gran parte, do coñecemento da sentenza europea sobre as cláusulas chan bancarias. Ao fío deste tema, Lema lembrou que o próximo día 15 de marzo, con motivo do Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras, terá lugar no viveiro empresarial municipal ACCEDE Papagaio unha palestra sobre Sistemas Financeiros Éticos, na que participarán representantes do Colexio Oficial de Avogados da Coruña, de FIAR Banca Ética, ADICAE Galicia, Asociación por Interese Solidario O Peto, e Espazo Coop, da Unión de Cooperativas Galegas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión