Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

2 de maio de 2016

A Concellería de Medio Ambiente impulsa a recollida de aceites de cociña usados coa posta a disposición da cidadanía de 26 novos contedores que serán xestionados en base a un convenio co colectivo Mulleres Colleiteiras

A Concellería de Medio Ambiente impulsará a recollida e xestión adecuada dos residuos domésticos derivados do uso de aceites vexetais coa posta a disposición da cidadanía de 26 novos contedores habilitados para o seu depósito, que se ubicarán na contorna dos centros cívicos e os mercados municipais.

A edil María García destaca a importancia deste proxecto, que “non só prima o adecuado tratamento deste tipo de residuos, senón que promove o emprego feminino e a inserción sociolaboral de colectivos en risco de exclusión”

A Concellería de Medio Ambiente impulsará a recollida e xestión adecuada dos residuos domésticos derivados do uso de aceites vexetais coa posta a disposición da cidadanía de 26 novos contedores habilitados para o seu depósito, que se ubicarán na contorna dos centros cívicos e os mercados municipais. Estes novos puntos de depósito están xa sendo instalados polos operarios municipais e a previsión do Goberno local é que a súa posta en funcionamento comece de xeito inmediato nas vindeiras semanas. A recollida destes residuos será levada a cabo, en base a un convenio firmado esta mesma mañá, polo colectivo Mulleres Colleiteiras. Desta forma, a responsable da área de Medio Ambiente, María García, indicou hoxe, tras asinar o protocolo, que o Concello “mellorará os resultados ambientais do sistema municipal de recollida e tratamento de residuos deste tipo, reducirá a contaminación nas augas, así como as dificultades de tratamento que implica o proceso de depuración de augas residuais contaminadas por estes aceites domésticos” e ademais, “promoverá o emprego feminino e a inserción sociolaboral de persoas en situación de vulnerabilidade”.

“Este proxecto impulsa tanto a adecuada xestión dos residuos como potencia a economía social”, explicou a edil, que asinou esta mañá o convenio de colaboración con dúas integrantes do colectivo Mulleres Colleiteiras.

Na actualidade, con relación aos aceites domésticos de tipo vexetal, o Concello conta para a súa recollida con dous puntos limpos, situados na Rolda de Outeiro e en Eirís, así como cun punto limpo móbil, cuxas paradas se publicitan mensualmente na web do Concello. Con este convenio de colaboración, que ten unha duración de cinco anos prorrogables a dous máis, o Goberno local comprométese, ademais, a colocar 20 novos contedores en vía pública nas proximidades dos mercados municipais e centros cívicos, asumindo a reparación e coidados dos mesmos. Ademais destes, colocaranse outros seis que serán cedidos por Mulleres Colleiteiras. Nos mesmos, e segundo explicou ante a prensa a concelleira García, os e as veciñas poderán depositar os residuos de aceite vexetal xerados nos seus fogares (non os derivados de automóbiles), que logo serán recollidos polo colectivo Mulleres Colleiteiras, que os contabilizará e transportará posteriormenre ao xestor autorizado para o tratamento da súa xestión.

Recipientes plásticos e transparentes

“Estamos potenciando a recollida deste tipo de residuos, algo do que non se preocuparon os anteriores Gobernos locais e que é moi necesario, tendo en conta ademais o elevado sobrecuste que xera o tratamento na Edar de Bens de augas contaminadas por este tipo de aceites domésticos”, comentou García, que destacou que se trata dunha “experiencia piloto”, que polo tanto pode ser ampliada. A concelleira indicou que, segundo os datos municipais, o Concello recolle ao ano 11.000 litros de residuos de aceite vexetal, unha ratio aínda moi lonxe da desexada.

Tras a firma do convenio as voceiras integrantes de Mulleres Colleiteiras indicaron a importancia de que a veciñanza deposite os restos de aceites vexetais de uso doméstico nos contedores dentro de recipientes plásticos transparentes e pechados, de cara a poder facilitar o seu adecuado tratamento.

Aceites vexetais

A Concellería de Medio Ambiente informa de que os aceites vexetais que despois do seu uso nos fogares ou locais de restauración de arroxan de maneira inadecuada por vertedeiros e inodoros, chega ás depuradoras de augas a través da rede de suministros, o que xera importantes problemas de atascos nas tubaxes, impedindo que a auga circule con facilidade. No caso da Coruña, así como outros concellos da área metropolitana, a depuración das augas residuais está encomendada á Edar e Bens. “Todos os anos retíranse máis de 800 toneladas de aceites, graxas e outros flotantes na auga. Unha xestión correcta non só fai que a Edar deixe de ter un importante traballo engadido, que xera ademais un importante sobrecusto, senón que tamén xera actividade económica, xa que se estima que cada litro de aceite usado pódese transformr en 0,95 de biodiésel”, comenta a concelleira de Medio Ambiente.

No convenio asinado hoxe, a Concellería comprométese a pór en marcha actividades de educación ambiental así como campañas de comunicación co ánimo de fomentar e facilitar á veciñanza a recollida selectiva de aceites vexetais de orixe doméstica.

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?