Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

26 de febreiro de 2014

O obxectivo é dar máis protagonismo a peóns, ciclistas e transporte público a través de propostas viables que se basean no sentido común e na participación dos veciños

O alcalde anuncia que o primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sostible impulsa a implantación da tarxeta Millennium Plus e a tarifa plana para o bus urbano

Negreira presenta o PMUS a colectivos sociais e cidadáns para "pasar da cidade dos vehículos á cidade das persoas".

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, presentou esta tarde, no centro sociocultural do Ágora, o primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), un proxecto pioneiro que supoñerá un punto de inflexión, ao "pasar da cidade dos vehículos á cidade das persoas". Carlos Negreira destacou a todos os colectivos sociais e cidadáns invitados ao acto que o proxecto inclúe 68 accións, das que a metade se desenvolverá a curto prazo, e entre as que destacan a implantación da tarxeta Millennium Plus -achegará maior eficiencia e seguridade con respecto ao dispositivo actual-, a tarifa plana para o bus urbano e a mellora da conexión cos polígonos industriais e os hospitais.

"Hoxe atopámonos ante unha oportunidade única para a nosa cidade. Temos por diante unha década clave. Apostamos por unha cidade moderna, sostible, amable e comprometida coa cidadanía. Entre todos tomamos medidas e tratamos de recuperar os espazos públicos para as persoas. Nós apostamos polas persoas", afirmou o alcalde durante a presentación do PMUS, na que tamén interveu a concelleira de Mobilidade, Begoña Freire.

Carlos Negreira explicou que o Plan de Mobilidade tradúcese en dar prioridade e máis protagonismo aos peóns, as bicicletas e o transporte público, un modelo que permite “pasar da cidade dos coches á cidade das persoas”. O alcalde subliñou que o Goberno local demostra co PMUS o seu compromiso coa mobilidade a través de 68 medidas estratéxicas para desenvolver en 10 anos; a través de 10 eixos sectoriais e dun plan de seguimento para o seu cumprimento; e a través dun investimento de 20 millóns de euros para a súa execución.

A metade das medidas desenvolverase a curto prazo, nun máximo de dous anos, entre as que Carlos Negreira destacou tres propostas que -baixo as premisas de aplicar o sentido común e de adaptarse ás necesidades reais da cidade e das demandas que formula a propia cidadanía- contribuirán a converter A Coruña nunha cidade máis sostible dende o punto de vista da mobilidade:

1. Tarxeta Millennium Plus. O Concello poñerá en marcha un modelo máis fiable e avanzado a nivel tecnolóxico para dar solución aos problemas e erros que xera a actual tarxeta. Neste sentido, tamén se está traballando coa Xunta para que a nova tarxeta Millennium Plus sexa compatible co transporte metropolitano.

2. Tarifa plana para buses urbanos. O Concello premiará os usuarios que máis utilicen o transporte público. A tarifa plana estará lista para a súa posta en marcha no 2015. Este novo sistema de bonificación premiará as persoas que aposten polo transporte público para incrementar de maneira significativa o número de usuarios.

3. Mellorar a conexión cos hospitais e cos polígonos industriais como unha das medidas para potenciar a rede actual de buses urbanos. Será o paso previo á implantación dun sistema de calidade integral do transporte público urbano, é dicir, coñecer a opinión e demanda de viaxeiros e posibles usuarios antes de estudar a reordenación do mapa de liñas de bus urbano.

Durante a súa intervención, o alcalde reiterou o espírito do Goberno local de impulsar a participación no Plan de Mobilidade Urbana Sostible, unha colaboración cidadá que se traduciu nos últimos meses en máis de 150 reunións con colectivos, en máis de 3.000 consultas directas nos barrios e chegouse a máis de 30.000 persoas a través da web e das redes sociais para recoller as súas opinións e achegas. Pola súa banda, a concelleira de Mobilidade anunciou que o próximo 15 de marzo tamén se organizará unha xornada divulgativa do PMUS. Trátase dun plan de mobilidade que vai máis alá da cidade, que ten vocación metropolitana para dar solucións ás conexións da cidade coa comarca, pois actualmente case o 89% dos desprazamentos interurbanos realízanse en vehículo privado.

O PMUS responde a unha filosofía de traballo do actual equipo de goberno e permite que a cidade se axuste á Lei de Economía Sostible. Así, tendo en conta a seguridade viaria e fomentando a participación durante a súa elaboración e posterior posta en funcionamento, o Plan de Mobilidade recolle un diagnóstico exhaustivo, obxectivos que cumprir, medidas para implantar, os mecanismos de financiamento para que se poida desenvolver, procedementos que permitan establecer indicadores de seguimento e de evolución do PMUS, e unha análise de custos e beneficios.

O primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sostible da cidade ten un horizonte temporal de execución de 10 anos, coa participación como eixo vertebrador e cun diagnóstico que corresponde á situación actual da mobilidade e ás medidas que se teñen que adoptar para a súa mellora a través do PMUS. Fronte a unha cidade que carecía dunha estratexia de mobilidade, o alcalde explicou que o PMUS é un documento vivo -capaz de adaptarse ás achegas cidadás nos distintos escenarios que se formuler- onde impera o sentido común, con medidas realistas e viables, e a concienciación cidadá para lograr unha mobilidade máis sostible.

O Plan de Mobilidade Urbana Sostible establece 10 eixos sectoriais e un plan de seguimento para comprobar que as 68 medidas desenvolvidas no documento aplícanse e son efectivas. Os eixos sectoriais incluídos no PMUS son os seguintes:

1. Xerarquización viaria. Permite contar cunha estratexia de mobilidade, é dicir, redistribuír a estrutura do tráfico en función da realidade das rúas. A partir desta xerarquización viaria pódense desenvolver o resto de eixos sectoriais.

2. Mobilidade peonil. Converter o peón no gran protagonismo e dispoñer dunha cidade máis accesible para os viandantes. Na actualidade, o 47,5% dos desprazamentos dentro da cidade realízanse a pé. De non aplicarse o PMUS, en dez anos a porcentaxe estaría por debaixo do 44%; mentres que coa posta en marcha do Plan de Mobilidade a previsión é superar o 50%.

3. Mobilidade ciclista. Proponse implantar unha malla ciclista que, unida ás campañas de concienciación para respectar os ciclistas, permita unha mellor convivencia nos distintos medios de transporte.

4. Transporte público urbano. Mellorar a calidade do servizo actual e as conexións cos barrios para que se converta nunha auténtica alternativa ao vehículo privado.

5. Estacionamento. Ofrecer solucións para corrixir malos hábitos como a dobre fila, cunha mellor xestión das prazas de aparcamento e cunha menor dependencia do vehículo privado. Cada día os vehículos percorren pola cidade e a súa contorna 3,2 millóns de quilómetros.

6. Seguridade viaria. Promover melloras en materia de infraestruturas, sinalización e concienciación. Para conseguilo, o Concello contará co Plan Local de Seguridade Viaria e o Observatorio da Seguridade Viaria.

7. Distribución de mercadorías. Mellorar a xestión e o control das zonas de carga e descarga, o que repercutirá nunha mellora dos espazos públicos e nun mellor funcionamento do transporte peonil e rodado.

8. Cidade de baixas emisións. O obxectivo é reducir o número de vehículos que se desprazan pola Coruña, o que implicará unha diminución do ruído e da contaminación.

9. Xestión da mobilidade. Aplicación das novas tecnoloxías para unha xestión máis eficiente. Entre as medidas, dispoñerase de paneis de sinalización e información para dar fluidez ao tráfico, e promóvese o uso do coche compartido e o plan de transporte a polígonos industriais.

10. Difusión do PMUS. Desenvolver campañas de concienciación para cambiar os hábitos e as tendencias. O tráfico está relacionado co 80% do ruído que se xera na cidade.

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?