Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

1 de febreiro de 2015

A Coruña. 120 anos despois

A efeméride

En febreiro de 1895 un adolescente Pablo Ruiz Picasso expuxo algunhas das súas obras nun establecemento comercial da rúa Real, no centro da Coruña. Era a primeira vez que o artista —entón aínda un estudante— exhibía publicamente as súas obras, das cales comezaba a sentirse satisfeito. Este sería o comezo da brillante traxectoria dun artista xenial e prolífico que ía marcar de maneira definitiva a historia da arte non só española, tamén mundial. Todo comezou na Coruña.  No 2015 cúmprese o 120 aniversario deste acontecemento.

A Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2014 recolle na súa disposición adicional quincuaxésimo oitava a declaración como Acontecemento de Excepcional Interese Público da realización do evento, cuxa denominación actual é «A Coruña 2015. 120 anos despois». A Fundación Emalcsa é a entidade encargada da súa organización, así como da execución do programa de actuacións e actividades, de conformidade co establecido no convenio de colaboración entre a Administración Xeral do Estado, a Deputación Provincial da Coruña, o Concello da Coruña e a Fundación Emalcsa para a creación da Comisión Interadministrativa do evento.

Con este motivo, organizouse no Museo de Belas Artes da Coruña unha grande exposición que permitirá estudar en profundidade a primeira etapa da obra picassiana, unha parte da súa produción que, a pesar de revelarse como fundamental, é moi descoñecida para o gran público e mesmo para moitos estudosos da obra de Picasso.

A mostra reúne un importante volume de debuxos e pinturas de Picasso cedidos en préstamo polos Museos Picasso de Barcelona e de París, así como polos herdeiros do artista. Xunto a eles tamén se exhibirán obxectos que Picasso utilizou durante a súa aprendizaxe na Escola de Belas Artes, así como abundante documentación sobre a Coruña da época e obra de pintores coetáneos. Unha mostra que revelará como moitos dos temas recorrentes na obra de Picasso, coma as pombas, os touros ou a caricatura, están xa presentes nesta etapa temperá.

Casa Picasso

Durante os seus anos coruñeses (1891-1895), a familia Ruiz Picasso, composta por Pablo, as súas dúas irmás, o seu pai e a súa nai, residiu nun apartamento situado no número 14 da rúa Payo Gómez. A casa está a pouca distancia da praza de Pontevedra, onde José Ruiz, o pai de Picasso, traballaba como profesor na Escola de Artes e Oficios.

A casa consérvase e sufriu poucos cambios. Na actualidade foi convertida en casa museo e está aberta ao público para a súa visita. Nela pódense contemplar varias obras de José Ruiz e de Pablo Picasso.

Ruta Picasso

A pesar das dificultades que padeceu a familia durante a súa estancia na cidade, o mozo Pablo gozou da vida coruñesa, na que se integrou plenamente. Algúns dos lugares que frecuentaba, coma a praza de touros, desapareceron, pero a maioría deles continúan sendo puntos destacados da nosa cidade: praia do Orzán, Torre de Hércules, Teatro Rosalía de Castro, praza de Pontevedra, rúa de Juan Flórez… Percorrer a ruta que os une é unha maneira moi grata de rememorar a infancia do artista á vez que gozamos dos encantos da Coruña.

Información cultural da Coruña

O mozo Pablo non só se entretiña coa pintura e cos xogos na rúa, tamén adoitaba gozar coa súa familia dos atractivos culturais e diversións que ofrecía a puxante Coruña do seu tempo: touros, concertos, teatro…

A día de hoxe, a oferta cultural da cidade é ampla e variada; nela teñen cabida unha infinidade de manifestacións artísticas que atenden aos máis diversos gustos e inquietudes: artes plásticas, ópera, música popular, talleres e moitas máis sucédense día tras día na que Picasso denominou «a cidade máis divertida do mundo».

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?