Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

26 de xullo de 2015

Novos achados no espazo do Convento de San Francisco aumentan o valor patrimonial do xacemento

Unha sondaxe realizada este ano por debaixo dunha capela do século XVI dá pistas sobre que existía antes do convento nesa zona.

Os restos do antigo convento de San Francisco constitúen un dos espazos con maior carga histórica de toda A Coruña. No último ano téñense realizado numerosas actuacións que dan conta do seu altisimo valor patrimonial. Ademais, estas permiten arroxar novos datos sobre o que existía nese espazo antes do edificio relixioso e, polo tanto, axudar a dar unha imaxe máis nítida da evolución da cidade ao longo da historia.

 

Logo dunha campaña de sondaxes realizada en 2013 para confirmar a conservación do pavimento de cantos rodados documentado no ano 97, “durante o ano pasado realizouse a escavación en área do pavimento e a súa consolidación co obxectivo de evitar o proceso de degradación”, explican os técnicos municipais.

 

Durante este xullo, un equipo de tres restauradores e cinco arqueólogos traballou na restauración do pavimento de cantos rodados do deambulatorio do claustro do convento. O obxectivo é permitir deixalo á vista, coa fin de que lle permita ao usuario entender mellor que muros se corresponden coa igrexa e cales pertencen ao convento.

 

Por outro lado, para facilitar o percorrido polo xacemento vaise executar un pavimento de xabre que, ademais de definir o itinerario polo mesmo, creará un elemento físico que separará o xacemento do parque.

 

Ademais, dous técnicos están a elaborar o contido de módulos explicativos que se instalarán no perímetro da ruína. A instalación farase efectiva unha vez pase todos os trámites esixidos pola lexislación actual en materia de Patrimonio Cultural.

 

Outra das actuacións levadas a cabo este ano foi a realización dunha sondaxe por debaixo da capela do S.XVI, pegada ao brazo norte do cruceiro da igrexa coa fin de atopar os restos relacionados cos muros máis antigos do convento e tentar resolver cal foi a evolución do edificio. Os técnicos sostiñan que con esta actuación poderíanse resolver moitas dúbidas acerca de como foi o proceso de renacemento da cidade en 1208, ademais de dar pistas importantes sobre que existía nesa zona antes do convento.

 

O resultado da sondaxe foi, segundo os informes arqueolóxicos, “moi positiva” e permite afirmar que “o xacemento ten moito máis potencial do que se estimaba”.

 

Así, lográronse documentar dúas fases anteriores á construción do brazo norte da igrexa. Na primeira das fases apareceron tres tumbas escavadas en fosa e outro conxunto de ósos movidos do seu espazo orixinal. “O interesante destas tumbas é a súa orientación Norte-Sur, o que podería indicar que están orientadas ao altar, e o feito de que un dos esqueletos estea cortado pola gabia de cimentación do brazo norte da igrexa. Isto indica que a necrópole é anterior á Igrexa”, o que fai adiviñar a existencia dun edificio anterior á igrexa nestes momentos visible. A segunda fase do estudio está confirmada pola existencia dun muro de 1,5 metros anterior ás tumbas.

 

En conxunto, e segundo a opinión dos técnicos, “a sondaxe permite aumentar as incógnitas sobre a evolución deste espazo da cidade e, ademais, aumenta o valor patrimonial dun dos poucos xacementos que permiten unha escavación en extensión, ao atoparse nun espazo de titularidade pública sen construír moi preto da Cidade Vella”.

 

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?