Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

16 de setembro de 2015

O Concello celebra a Semana Europea da Mobilidade Sostible con actividades para todos os públicos no Obelisco

Obradoiros de bicicleta e patinaxe en liña, parladoiros nun autobús histórico ou a ocupación simbólica dun aparcadoiro serán algunhas das iniciativas que terán lugar até o sábado no centro da cidade



A Coruña celebra desde hoxe e até o martes que vén a Semana Europea da Mobilidade Sostible, sete xornadas destinadas á concienciación do uso do transporte público nas que desde mañá desenvolveranse actividades programadas para todos os públicos no Obelisco. O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz, salientou a “carga simbólica” da celebración desta Semana “na que se destinan para os peóns carrís de circulación que adoitan ser utilizados por vehículos privados”.  Até o sábado, unha carpa instalada “nun lugar ateigado de historia e tan recoñecido polas veciñas e veciños como é o Obelisco”, segundo sinalou Díaz, acollerá diferentes obradoiros e porá a disposición da cidadanía os mapas ‘Biciminuto’ e ‘Metrominuto’, con tempos e distancias para percorrer A Coruña a pé, e bicicletas de distintos tipos para o seu uso na zona recuperada do tránsito de vehículos.

Todas as veciñas e veciños que visiten a carpa poderán participar obradoiros de reparación de bicicletas e de colocación de carros de carga ou transporte de nenas e nenos. “É unha boa ocasión para descubrir todas as posibilidades que ofrecen as bicicletas máis aló do seu uso para a circulación”, sinalou o concelleiro. A patinaxe en liña tamén contará co seu espazo propio dentro das actividades programadas para fomentar a mobilidade sostible na cidade a través da realización dun obradoiro e dunha zona habilitada para o tránsito sobre rodas.

Na instalación do Obelisco, a Policía Local ofrecerá demostracións de seguridade viaria e invitará as nenas e nenos a poñerse no seu papel e vixiar, dun xeito lúdico, que os peóns circulen de forma segura pola carpa. Pola súa banda, Concellería de Medio Ambiente amosará nesta carpa o funcionamento das estacións de medida de calidade do aire e de ruído, amosando as implicacións ambientais que ten a elección do medio de mobilidade, e a asociación Stop Accidentes explicará ás familias que se acheguen o programa ‘Camiños escolares’, ferramenta para dotar de capacidade as nenas e nenos coruñeses e que poidan trasladarse desde a súa casa até os centros de ensino con seguridade.

O venres terá lugar, ademais, a celebración do Parking Day, “unha iniciativa a nivel mundial na que durante un día a cidadanía ocupa de forma simbólica un espazo público destinado ao uso privado”, explicou Díaz. Unha praza de aparcadoiro xunto ao Obelisco, tinguida de verde, ofrecerá “outro tipo de usos diferentes aos habituais” para todas aquelas veciñas e veciños que queiran achegarse.

Charlas nun autobús

As actividades completaranse cun parladoiro no interior dun autobús urbano histórico, un Pegaso da Compañía de Tranvías cedido para a ocasión. Ricado García Mira, psicólogo investigador da UDC, amosará o resultado dos seus estudos sobre como a elección do modo de mobilidade repercute nas capacidades, aptitudes e na conformación da personalidade. O responsable municipal afirmou que esta “reformulación dun elemento do transporte público como foro de encontro será ademais unha oportunidade para achegarse ao pasado”. O autobús estará exposto no Obelisco durante a celebración dos actos da Semana Europea da Mobilidade.


Horario da exposición permanente
Xoves 17 e venres 18: de 11.30 -13.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas
Sábado 19: 11.30 - 14.00 horas

Actividades complementarias
Xoves 17: (19.00 horas) Taller de ergonomía da bicicleta
Venres 18: (18.00 horas) Con rodas nos pés: ven a patinar; (19.00 horas) Repara a túa bici: Hospital de bicis; (20.00 horas) Parladoiro de Ricardo García Mira: "Moverse na cidade: a elaboración de mapas mentais urbanos".
Sábado 19: (12.30 horas) Taller de ergonomía da bicicleta 

Documentos:

Mapas Biciminuto e Metrominuto - Mobilidade 2015 (1 MB)

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?