Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

smart
city

Detalle

Cando:

3 de novembro de 2015

O alcalde destaca que, coa inauguración da sala maker da Domus, os museos coruñeses dan un paso máis na súa internacionalización

Xulio Ferreiro e o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, participan na inauguración dun novo espazo, o Maker@Domus, "pensado para facer tecnoloxía por un mesmo"

A Domus, integrada na rede de Museos Científicos da Coruña, inaugurou hoxe --coa presencia do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande-- un novo espazo “pensando para experimentar a cultura maker, facer tecnoloxía por un mesmo e comezar a pensar coas mans”, o chamado Maker@Domus. O rexedor manifestou que “coa inauguración desta sala, a rede de museos científicos coruñeses avanza un pouco máis e se sitúa en liña cos museos científicos internacionais, ao dar un espazo a este espíritu maker, o espíritu de ‘faino por ti mesmo”. “É moi importante desenvolver a creatividade de rapaces e rapazas, conseguir que a aproximación á ciencia non sexa pasiva, que non só se base en adquirir coñecementos, senón tamén en desenvolvelos, o cal será moi produtivo para a formación actual dos e das estudantes e as capacidades que adquirirán no futuro”, engadiu.

O alcalde tamén salientou que o fomento das actividades maker educa no traballo cooperativo e de rede. “Calquera economía que pense mínimamente no futuro, ten que pensar en formas colaborativas… Esas capacidades serán fundamentais na sociedade do futuro e na economía do presente, que é o traballo en rede, colaborativo, en código aberto. Un traballo que permita aprender a unhas persoas doutras e avanzar xuntos e xuntas, e que por tanto debe estar xa presente na formación da rapazada”, insistiu.

Ferreiro tamén quixo agradecer aos traballadores e traballadoras do Concello que “fixeron posible esta sala, que a deseñaron e a fixeron coas súas propias mans”. “Debemos estar agradecidos por ter un cadro de persoal tan valioso”, insistiu.

A sala conta con varias contornas: unha para realizar actividades de grupo, outra para celebrar actividades formativas, unha terceira para tarefas propias de maker e dous espazos tipo fab-lab, para traballos tipo taller (cortadoras láser e tornos). Unha das características a destacar é que a sala é totalmente “configurable”, podendo adaptar os espazos ás distintas actividades así como a eventos máis multitudinarios. Para a concepción e desenvolvemento do espazo, a Domus colabora co Tinkering Studio do Exploratorium de San Francisco, pioneiros a nivel mundial na posta en marcha dun espazo maker integrado nun centro de ciencia e un referente en educación STEAM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería, arte e matemáticas).

Ángel Loureiro, xefe de servizo dos Museos Científicos Coruñeses, explicou os obxectivos e as funcionalidades da sala. “Ten unha primeira parte de traballos en grupo, onde se farán talleres clasificados por idades. Algúns son eléctricos, incluso con temas de robótica. Tamén hai unha zona para profesores que queiran formarse e non teñan acceso a medios. A zona maker en si mesma, na que se levará a cabo as labores de fabricación está dotada con impresoras 3D, software con código aberto…”, explicou. “A nosa idea é abrilo todo ao público. O que queremos é que a xente cree os seus produtos, e que á vez concienciemos aos e ás rapazas da importancia do respecto ao medio ambiente e a sostenibilidade. Queremos tocar moitos temas de forma transversal”, indicou.

Durante o curso escolar, unha das principais actividades que acollerá a sala serán os talleres para grupos escolares. Ofreceranse dous, para escolares de entre 6 e 14 anos de idade, previa reserva. O primeiro, circuitos@domus, para experimentar con baterías, lámpadas, timbres, interruptores, e moitos outros compoñentes eléctricos e para comezar a comprender o mundo da electricidade. Será os martes, de 11.00 horas a 12.30 horas e está destinado a alumnado de Primaria e ESO. O segundo taller denomínase robots_pintores@domus. Desenvolverase no mesmo horario e nel os e as alumnas crearán o seu propio dispositivo a motor.

Ademais, se están levando a cabo dous actividades nesta sala, que teñen xa cubertas todas as súas prazas: O Club Tecnolóxico e os Talleres Robotix. O primeiro celébrase unha vez á semana ao longo dun trimestre. Os e as participantes realizan un itinerario de aprendizase na área da robótica educativa, pasando por diversas contornas de aprendizase e ferramentas dixitais. No segundo, nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, introdúcense de forma divertida na robótica, creando e traballando en equipo. No taller, impartido por Robotix, socio certificado de Lego Education, experimentan coa forza e o movemento, o equilibrio e a estabilidade aprendendo ciencia e tecnoloxía de forma lúdica.

GALERÍA DE FOTOS DA SALA MAKER@DOMUS

Este proyecto se cofinancia al 80% por el Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

  • Coruña Smart City en facebook
  • Coruña Smart City en twitter
  • Coruña Smart City en google+
  • Coruña Smart City en youtube
  • Coruña Smart City en linkedin