Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Cultura Coruña

Cando:

1 de decembro de 2015

"Hoxe mudamos as cores sinistras pola policromía coruñesa que representa Álvaro Cebreiro", destaca o alcalde no descubrimento da placa da rúa co nome do ilustrador

No acto, que o Concello desenvolve en aplicación da Lei de Memoria Histórica no rueiro, e co que se retira a denominación da rúa e da praza contigua dedicadas ao xeneral Mola, Xulio Ferreiro salientou que o debuxante recolleu como ninguén o espírito popular da Coruña

 

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acompañado de concelleiras e concelleiros e doutros membros da Corporación municipal, interveu na tarde deste martes  na cerimonia de descubrimento da placa da rúa que desde hoxe levará o nome do debuxante e caricaturista coruñés Álvaro Cebreiro, en substitución do xeneral Emilio Mola, un acto que desenvolve o Goberno coruñés en aplicación e cumprimento da Lei de Memoria Histórica. “Por fin, ese nome vinculado á barbarie abandona o rueiro”, sinalou o alcalde, quen destacou o carácter “diametralmente oposto” do artista cuxo nome pasa a substituír nesta rúa da Peixería o do militar, un dos líderes do Golpe de Estado de 1936. “Cambiamos sangue por cultura, morte por vida. Mudamos as cores sinistras pola policromía coruñesa por excelencia que representa Álvaro Cebreiro”, salientou Ferreiro, quen lembrou que foi precisamente o golpe militar o que freou a traxectoria do ilustrador, do que o debuxante Siro López, que tamén interveu na homenaxe, destacou que foi “o gran caricaturista de Galicia”.

Na cerimonia interveu ademais Pilar Cebreiro del Río, sobriña do ilustrador, quen recordou os “14 anos de exilio” do seu familiar. Neste sentido, o alcalde quixo salientar o carácter simbólico da decisión de dar a esta rúa o nome do debuxante.  “Para este Concello a elección de Álvaro Cebreiro resulta toda unha declaración de intencións. Temos no mundo das artes, do debuxo e da Memoria liñas de actuación que consideramos fundamentais”, resaltou, para referirse ao Centenario das Irmandades da Fala como “unha oportunidade para rescatar e poñer en valor á todo o potencial cultural que agromou na Coruña de hai un século”. “Fomos antes e somos agora cidade de vangarda, e de vangardas culturais soubo moito Álvaro Cebreiro”, puxo de relevo Ferreiro, quen destacou do artista o ter sido “un dos mellores expoñentes do talento artístico da cidade” durante o primeiro terzo de século XX, “que rexurdiu tamén grazas ás poderosas imaxes de Cebreiro, que recollían como ninguén o espírito popular da Coruña”.

No acto, que contou coa música da agrupación musical Gaiteiriños, tamén se procedeu a cambiar a denominación da antiga praza General Mola, que pasa a ser Praza de San Andrés, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica e en concordancia ao acordado polo Pleno do Concello coruñés no ano 2009. Con estes cambios no rueiro coruñés, o Concello continúa a aplicar a Lei, como xa fixera o pasado 8 de outubro, data na que se descubriu a praca da praza das Atochas na que antes se chamaba praza de Millán Astray.

 

Documentos:

Discurso de Xulio Ferreiro no descubrimento da placa da rúa Álvaro Cebreiro (78 KB)

Calendario

Busca de eventos

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?