Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

23 de marzo de 2015

O Goberno local colabora con 200.000 euros coa Asociación de Fútbol Afeccionado para favorecer o fomento do deporte entre os máis novos

Aprobada a maior oferta de emprego público dos últimos anos, con 16 novas prazas e outras 21 de promoción interna dirixidas sobre todo a mellorar os cadros de persoal de Policía Local e Bombeiros

O Concello da Coruña, a través da Xunta de Goberno Local, aprobou un convenio por importe de 200.000 euros que reforza o compromiso adquirido durante este mandato para o fomento do deporte entre a cidadanía, especialmente entre os máis novos. Así, autorizouse esta mañá a sinatura do acordo coa Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña (AFAC) para contribuír ao desenvolvemento das actividades que esta entidade organiza con 8.000 nenos e nenas da cidade.

Na sesión desta mañá tamén se aprobou a oferta de emprego público para o 2015 acordada cos sindicatos na Mesa de Negociación -o que permitirá convocar 16 novas prazas e 21 de promoción interna-, así como o texto que regulará a concesión de honras e distincións da Policía Local.

A Xunta de Goberno tamén aceptou a cesión, por parte da Xunta, de espazos libres, zonas verdes e viarias para o seu acondicionamento en Labañou; e deu o visto e prace á solicitude dun préstamo de 12.377.000 euros, recollido no orzamento do 2015, para o financiamento de obras executadas por diferentes departamentos do Concello e que se dirixen, sobre todo, aos programas de renovación de espazos públicos.

DEPORTE

O Concello da Coruña continúa adiante coa súa filosofía de fomentar o deporte base entre os máis novos, polo que aprobou na Xunta de Goberno Local a sinatura dun convenio coa Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña (AFAC) por un importe de 200.000 euros. Con esta nova subvención, a Concellería de Deportes colabora coa AFAC na organización das súas actividades, unha programación coa que ofrece unha alternativa deportiva a 8.000 nenos e nenas da cidade.

O Concello mantén este ano a axuda dp 2014, que alcanza os 200.000 euros. O actual Goberno municipal apontoou o seu compromiso co deporte base a través da Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña, entidade que traballa para que o deporte siga sendo un elemento fundamental na formación dos máis novos. No que vai de mandato, o equipo de goberno que lidera Carlos Negreira destinou preto dun millón de euros a acordos de colaboración coa AFAC. Neste sentido, tanto o Concello como os 29 clubs que integran esta asociación (cun total de 267 equipos) colaboran en actividades que fomentan valores tan importantes como o compañeirismo, a convivencia, o traballo en equipo e o respecto aos demais, así como favorecen a conciliación da vida familiar e laboral.

REGULAMENTO DE HONRAS E DISTINCIÓNS

A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto para a posta en funcionamento do regulamento de honras e distincións da Policía Local, pois ata agora as condecoracións que se concedían eran de acordo coa normativa que existe a nivel autonómico. Este novo texto municipal levarase agora ao pleno de abril para a súa aprobación inicial e a súa posterior exposición pública durante 30 días antes do seu visto e prace definitivo e entrada en vigor.

O regulamento de honras e distincións nace coa finalidade de premiar e distinguir publicamente os integrantes da Policía Local da Coruña por feitos excepcionais, por feitos de particular relevancia relacionados co servizo policial, por permanencia e por traxectoria profesional exemplar, así como a aquelas persoas ou entidades públicas e privadas que destaquen pola súa conduta a favor do 092. En concreto, establécense cinco modalidades de distincións:

- Placa colectiva ao mérito da Policía Local.

- Medalla ao mérito da Policía Local.

- Medalla á traxectoria profesional, que se entregará anualmente aos axentes do 092 que sobresaian con notoriedade e perseveranza no cumprimento dos deberes do seu cargo ou que realicen estudos profesionais ou científicos relevantes que prestixien as competencias e funcións dos policías locais.

- Medalla á permanencia no servizo, que tamén se entregará todos os anos e para a que existirán catro distintivos: branco (aos 20 anos), verde (cumpridos os 30 anos), azul (aos 35) e granate (cando se alcancen os 40 anos).

- Felicitacións públicas.

Para o estudo e a valoración das propostas de concesión de medallas e felicitacións, nomearase unha comisión de distincións que actuará como trámite previo á proposta definitiva e que funcionará como órgano colexiado. Esta comisión estará composta polo presidente (o xefe da Policía Local ou funcionario do Corpo en quen delegue), o secretario (funcionario de carreira que terá voz pero non voto) e os vogais (un intendente principal ou intendente; un inspector principal, un inspector e un oficial, que serán designados a través dun sistema rotatorio que se rexerá por criterios de antigüidade na categoría; e cada unha das organizacións sindicais con representación no Concello nomeará un funcionario).

PERSOAL

A Xunta de Goberno Local tamén deu o visto e prace á oferta de emprego público para o 2015 que se acordou durante a Mesa de Negociación realizada o pasado mes de febreiro e que foi aprobada por unanimidade polos sindicatos.

A maior oferta pública de emprego dos últimos anos inclúe diferentes convocatorias para a promoción interna de 21 postos. En concreto, son 9 bombeiros (1 oficial, 3 suboficiais, 1 sarxento e 4 cabos), 3 policías locais (2 oficiais e 1 inspector, que se suman á oferta do 2014, que se convoca agora, de 1 inspector principal, 2 inspectores e 8 oficiais), 4 auxiliares administrativos e 5 administrativos.

A maiores, súmase a convocatoria de 16 prazas de acceso libre: 10 bombeiros (a maior oferta en anos e que se suma aos 3 que entraron no 2014), 4 policías (2 por mobilidade e 2 por novo ingreso; e que se suman aos 5 que se convocan da oferta do 2014), e 2 técnicos medios de xestión.

Con esta convocatoria aprobada por unanimidade na Mesa de Negociación e ratificada agora pola Xunta de Goberno, esgótase ao máximo a taxa de reposición que permite a lei para determinados sectores, como a Policía Local, o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS), a xestión dos servizos públicos e o control da asignación eficiente dos recursos públicos.

Na Xunta de Goberno de hoxe tamén foi necesaria modificar o persoal municipal para o ano 2015. En concreto, trátase dun incremento de 6 prazas de bombeiros -inicialmente estaban contempladas 4 prazas de novo ingreso- para así poder alcanzar as 10 e atender o acordo acadado na Mesa de Negociación. Desta maneira, consolídase o plan de calidade do SEIS co obxectivo de mellorar o servizo de resposta e intervención rápida.

LICENZAS URBANÍSTICAS

A Xunta de Goberno concedeu licenzas urbanísticas que supoñerán un investimento na cidade de 792.418 euros, o que eleva a cantidade dende o inicio do mandato ata os 330,92 millóns de euros. Entre os expedientes tramitados están a instalación de tres ascensores en edificios das rúas Alfonso VII, Juan Flórez e Marcial del Adalid, así como a colocación de salva escaleiras para mellorar a accesibilidade ao portal da rúa Antonio Pedreira Ríos.

Tal e como anunciara este mes o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, a Xunta de Goberno tamén aceptou a cesión por parte da Xunta de espazos libres, zonas verdes e viarias en Labañou para o seu acondicionamento. O Concello responde así a unha vella demanda veciñal do barrio, co obxectivo de empezar os traballos na primeira quincena de abril. Trátase dun espazo situado no grupo de vivendas Pardo Santayana no que, na actualidade, existen 14 galpóns en desuso e en condicións de insalubridade. Tras a cesión aprobada no Consello da Xunta e, agora, na Xunta de Goberno, incorporarase ao inventario municipal e acometeranse as obras de acondicionamento que permiten poñer esta superficie a disposición dos veciños.

O proxecto inclúe a conexión da rúa Metal coa travesía dos Rosales a través dun camiño peonil, así como demoler os galpóns para converter o solar nunha zona axardinada para o esparexemento dos veciños. Esta cesión súmase a outras realizadas neste mandato, como os máis de 3.500 metros cadrados na praza do Comercio ou os 17.000 metros cadrados de Palavea. Con este conxunto de accións lógrase resolver problemas de hai 15 ou 20 anos co obxectivo de devolver a calidade urbana a todos os veciños.

A Xunta de Goberno tamén aceptou a cesión gratuíta -por parte das Hermanitas de los Ancianos Desamparados- dunha parcela en Eirís de Arriba para destinala a viaria. Trátase de 2.090 metros cadrados dedicados a viarios -cuxos traballos xa foron recepcionados- que proveñen dun terreo ocupado pola actual Residencia de Santa Teresa de Journet. Desta maneira conclúese a tramitación do proxecto modificado de urbanización da vía paralela á avenida de Montserrat.

MEDIO AMBIENTE

A Xunta de Goberno aprobou modificar a ordenanza de verteduras pola que os usuarios que non conten actualmente cunha rede municipal de saneamento separativa situada diante da fachada do establecemento e na vía pública terán que presentar unha memoria valorada, a modo de anteproxecto, de adecuación interna da edificación de forma que se detallen as obras e actuais que son precisas realizar para contar cunha rede separativa interior de augas pluviais e fecais.

Así, unha vez que exista unha rede separativa na vía pública e diante da fachada do edificio, o usuario terá tres meses para realizar as obras precisas no seu local. Esta modificación na ordenanza nace por mor dunha solicitude formulada pola Asociación de Empresarios do Polígono de Agrela para que a obriga da separación interior poida executarse unha vez que se encontre operativa a rede municipal diante do seu inmoble.

PRÉSTAMO

A Xunta de Goberno autorizou a solicitude dun préstamo de 12.377.000 euros, recollido no orzamento do 2015, para o financiamento de obras executadas por diferentes departamentos do Concello e que se dirixen, sobre todo, á mellora da imaxe dos espazos públicos da cidade.

O informe de Tesourería, avalado pola certificación expedida polo Interventor Xeral, destaca que non existe impedimentos para concertar esta operación. No seu informe, o tesoureiro pon como exemplo a liquidación do orzamento do 2014, que recolle un aforro neto positivo de 14,21 millóns de euros e un superávit de 12.816 euros.

O préstamo, coma noutras ocasións, conta co visto e prace da Xunta e dos técnicos xurídicos e económicos municipais. Terá un primeiro tramo de carencia de dous anos e un segundo tramo para a súa amortización de 10 anos. No crédito inclúense partidas por un importe final de 1.547.742 euros para resolucións e sentenzas, sobre todo por asuntos urbanísticos vinculados á xestión realizada por anteriores gobernos. Esta cantidade, que xa estaba previsto no orzamento municipal do 2015 a través do crédito, enmárcase dentro dunha partida xenérica de case 1,84 millóns de euros para o pago de indemnizacións, o que permitirá cumprir sentenzas xudiciais por erros urbanísticos labores en pasados mandatos, entre as que destacan os 1,38 millóns de euros para Someso.

O Concello tamén reforzará o seu compromiso co plan de recuperación e modernización de espazos públicos cun investimento de máis de 10,67 millóns de euros que se recolle neste crédito, onde se inclúen proxectos como obras de reposición de vías públicas, reurbanización do Parrote e Marina, e melloras no estacionamento. O Concello, tal e como é habitual todos os anos e tal e como aparece recollido no orzamento vixente, solicitará este préstamo para a execución de novos investimentos, sen que este acordo implique un aumento da débeda municipal ao final do exercicio.

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?