Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

  • Compartir
  • Engadir ao meu móbil | 
  • Imprimir

Cando:

29 de xullo de 2015

Xulio Ferreiro e Manuela Carmena pensan na FEMP como ferramenta para traballar en común fronte ás políticas que recortan a capacidade municipal

O alcalde da Coruña e a alcaldesa de Madrid conversaron acerca da creación de liñas continuas de intercambio de ideas entre ambos os dous Gobernos, nunha xuntanza na que tamén falaron de participación cidadá e transparencia



O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro viaxou este mércores a Madrid, onde se reuniu coa alcaldesa da cidade, Manuela Carmena, nunha xornada de traballo na que tamén participou a concelleira de Participación Cidadá, Claudia Delso.  O rexedor explicou que durante a xuntanza coa súa homóloga madrileña se abordaron diversas cuestións. "Unha delas foi o xeito que podemos ter os concellos, e de xeito especial aqueles que abrimos novas etapas, de crear redes que tamén poidan servir para superar os corsés que a propia engranaxe institucional creou para facernos desistir de políticas alternativas". Así, o dirixente municipal sostén que "desde a unión e a cooperación consideramos que podemos abrir espazos na arquitectura administrativa actual para devolverlle o protagonismo á xente e, polo tanto, ás súas institucións máis cercanas, como son as municipais".

"Con Carmena falei da forza común que gobernos locais como os da Coruña, Madrid, Barcelona, ou Compostela podemos exercer diante das limitacións que nos pon o PP, por exemplo coas políticas do ministro Cristóbal Montoro, que coas súas imposicións restritivas impide contratacións ou esixe unha ríxida estabilidade orzamentaria cun claro compoñente ideolóxico de parte", engadiu.

O alcalde coruñés tamén fixo referencia, tras a súa reunión con Carmena, como exemplo de políticas que limitan as súas competencias, a nova Lei de Réxime Local. "Cremos que se abriu un proceso no que se intenta afastar á cidadanía da toma de decisións, e nós estamos á fronte dos nosos concellos co mandato contrario, ou sexa, o de incidir na participación e na cercanía. A alcaldesa de Madrid e eu, nese sentido, coincidimos en sinalar á propia FEMP (Federación Española de Municipios de Provincias) como unha ferramenta na que podemos traballar en común para reverter esas políticas", indicou.

O alcalde da Coruña e a alcaldesa de Madrid acordaron tamén iniciar unha "interlocución permanente" que se estenderá tamén a outros concellos. "Tratamos tamén aquilo que ten que ver coa creación de liñas de intercambio de ideas continuas entre os nosos gobernos, o que chamamos código aberto, que resultará de gran utilidade para cooperar ante problemáticas que, sendo diferentes, afectan a todas as nosas cidades, alén das súas características propias". Ferreiro indicou que este traballo en común debe servir para "superar esquemas que están construídos para obstaculizar as políticas que nós defendemos e que agora, unha vez á fronte dos concellos,  vemos como son bastante máis pétreos do que nos gustaría, chegando en ocasións a detectar como ante cuestións como a privatización de servizos nos atopamos con moitos problemas para poñer o ben común como prioridade na xestión diaria, obxectivo ao que non renunciaremos e polo que seguiremos traballando, contando coa colaboración doutros gobernos locais que camiñan na mesma dirección de cambio real que saíu das urnas o 24 de maio".

Outro dos temas que trataron na súa conversa tanto o alcalde da Coruña como a alcaldesa de Madrid foi o relativo á vivenda e como conseguir inmobles de carácter público que estean a disposición das persoas que os necesiten. "Para atallar este problema hai distintas cousas que se poden facer e que estamos a poñer en práctica, como falar coas entidades bancarias para que os seus pisos baleiros sexan cedidos e pasen a disposición de concellos ou gobernos autonómicos para que poidan ser empregados para realoxos", salientou Ferreiro.

Sobre este tema tamén fixo o alcalde coruñés referencia na entrevista da que foi obxecto no programa Las Mañanas de Cuatro, na que tamén reflexionou sobre os recentes casos de corrupción. "Estamos a ver como nas últimas eleccións unha gran parte da cidadanía dixo 'basta'. É unha situación de contradición: mentres se receitan recortes, aparecen casos de políticos que gastan e se aproveitan do público", opinou. "A corrupción foi unha práctica habitual, durante décadas ser o concelleiro de urbanismo era un choio. Cando algún caso destes sae á luz, se non se asumen responsabilidades políticas, ao final, serán os propios cidadáns os que lles dean a patada", sentenciou.

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?