Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

7 de setembro de 2015

Rocío Fraga: “O Concello traballa coas entidades sociais e coa veciñanza para que A Coruña sexa unha cidade refuxio, máis alá desta situación puntual”

A concelleira de Igualdade e Diversidade reuniuse hoxe con colectivos benéficos e ONG’s para analizar os recursos tanto públicos como privados cos que conta a cidade para poder acoller a refuxiados e refuxiadas, nunha xuntanza na que xa se produciron “ofrecementos concretos”

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, mantivo unha xuntanza este luns con diversas asociacións benéficas da cidade, así como entidades sociais do ámbito das migracións e o acollemento para valorar os recursos, tanto públicos como de carácter privado cos que conta A Coruña para poder establecerse como cidade refuxio. A urxencia da situación actual motivou o mantemento da xuntanza, programada dende a pasada semana, malia ao loito oficial de tres días decretado en respecto e solidariedade coas vítimas e as familias do accidente de Carral. A edil explicou que neste tema, hai que ir “máis alá” do caso actual dos desprazados e desprazadas sirias. “Isto ten que sobrepasar esta emerxencia puntual; se queremos ser un concello de acollida temos que traballar tanto coas entidades como coa propia cidanía”.

Á espera de manter unha reunión coa Xunta de Galicia, que é a administración que ten derivadas as competencias estatais nesta materia de acollida de refuxiados e refuxiadas, o departamento de Igualdade e Diversidade traballa para determinar o número de persoas que a cidade está en dispoñibilidade de acoller. Fraga sinalou que neste tema xa hai importantes avances tras a reunión coas entidades sociais. “Xa houbo ofrecementos concretos de números de prazas, como o caso de Padre Rubinos, que puxo á disposición dos e das refuxiadas non só un teito, senón o apoio completo dos seus profesionais”, indicou Fraga, que explicou que esta asociación ofreceu 25 prazas, con todos os servizos que pode prover esta entidade benéfica no seu edificio novo, ademais da maior parte do inmoble antigo.

Por outro lado, o Concello da Coruña tamén revisará os inmobles de titularidade municipal que ten dispoñibles. “Agora mesmo, moitos dos pisos están servindo de apoio a persoas afectadas por desafiuzamentos, pero xa estamos a revisar o parque de vivendas propias co que contamos. Ademais, trataremos de facilitar os alugueiros sociais ás entidade benéficas”, comentou a concelleira de Igualdade e Diversidade.

Por outro lado, e de cara ao posible acollemento de desprazados e desprazadas en vivendas familiares, Fraga quixo enviar unha mensaxe á cidadanía, á que agradeceu a súa disposición e solidariedade. “Cremos que esta pode ser unha solución, pero de carácter puntual, polo que temos que pensar noutras opcións. Non estamos aínda en disposición de saber cal é o volumen de persoas que vai pasar pola cidade só de xeito temporal ou vai ter unha estadía máis longa”, matizou. “Queremos que a veciñanza saiba que estamos a traballar niso, na busca de solucións a medio e longo prazo, que deben ir acompañadas de medidas de inserción educativa, sanitaria e sociolaboral”, dixo, para engadir que, á marxe desta busca de medidas de carácter máis permanente, “pórase a disposición da veciñanza un correo electrónico cun formulario onde se poidan recoller todos os seus ofrecementos”.

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?