Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

28 de xaneiro de 2016

O Entroido, unha "festa intocable" da cidadanía coruñesa, será "irreverente" e con "moitas doses de auto-organización"

O Concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, salienta o aforro de máis de 60.000 euros respecto á edición de 2015 e a substitución dos premios en metálico dos concursos infantís por libros e discos

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá no Pazo Municipal de María Pita o programa de festas do Entroido deste ano, que se celebrará do 29 de xaneiro ao 10 de febreiro. Os días grandes desta festividade serán o sábado 6, co Desfile de Entroido polas rúas da cidade e que rematará cunha gran foliada de ‘Ardelloeixo’ na praza de María Pita, e o Martes de Entroido, o 9 de febreiro, onde o barrio de Monte Alto acollerá a tradicional Festa Choqueira. O edil de Culturas cualificou a celebración como “unha festa cidadá intocable, con moitas doses de auto-organización” e que mantén o respeto “ás numerosas tradicións” do Entroido, e na que o Concello buscará “aumentar a participación” a través das actividades e do propio cartel da festa, realizado polo ilustrador David Pintor, e que conta con dez adaptacións do mesmo.  

O edil salientou que a celebración do Entroido manterá a “liña de austeridade do Concello” e aforrará máis de 62.000 euros con respecto a edición do ano pasado, ao investir 105.710,15€ nestas festas. Entre as medidas de aforro atópase a redución dun 50% na contía dos premios en metálico e á substitución dos agasallos dos concursos infantís por lotes de produtos culturais. A través dunha colaboración coas Bibliotecas Municipais, “un dos organismos de excelencia da cidade”, segundo destacou Sande, as nenas e nenos que participen nos concursos de disfraces e choqueiros do martes de Entroido, recibirán como premio un lote de libros e discos de música en galego adaptados ás súas idades.

O Entroido coruñés arrincará esta fin de semana co Concurso da Orella (venres 29) e o Concurso de Comparsas, na modalidade de música e letra no Pazo da Ópera (sábado 30). Xa no mes de febreiro, o venres 5 o Concurso da Filloa marcará o inicio da celebración que continuará pola noite, coa Entronización do Deus Momo no Obelisco e do Velorio da Sardiña, que haberá todos os días agás o domingo 7.

O sábado 6, ás 17.30 horas, comezará o Desfile, no que terán lugar o Concurso de Carrozas e o Concurso de Comparsas na modalidade de vestiario e coreografía. A cidade deportiva da Torre acollerá a saída da comitiva, que percorrerá a Avenida de Navarra, Rúa da Torre, Baltasar Pardal Vidal e Costa de San Agustín até chegar á Praza de María Pita. Alí, despois da deliberación do xurado, comezará unha nova edición da foliada popular ‘Ardelloeixo’ (ao redor das 20.00 horas). Será a segunda ocasión na que distintas agrupacións de folclore tradicional da cidade, coa colaboración da Concellería de Culturas, saian ás rúas da Coruña co obxectivo de visualizar e naturalizar a cultura tradicional.


O Martes de Carnaval, “o histórico día principal do Entroido”, segundo lembrou Sande, centrará a súa actividade no barrio de Monte Alto e na rúa Torre o 9 de febreiro. Durante toda a xornada celebraranse ofrendas florais e, a partir das 17.00 da tarde, comezarán os Concursos infantís de disfraces, tanto nas modalidades de choqueiro como de traxes en xeral. Ás 19.00 Carlos Bau e 80 razóns Band darán paso á Festa Choqueira e ao Concurso de Choqueiros. Para participar nos concursos desde martes, as persoas interesadas poderán inscribirse no espazo indicado para tal finalidade, á beira do escenario, desde unha hora antes da súa celebración.   

O mércores 10 rematará a programación festiva co enterro da Sardiña e Queima do deus Momo. O responso final e saída da comitiva fúnebre será ás 20.30 horas da rúa Arenal, que percorrerá a Avenida Hércules e a Rúa da Torre até chegar ao Campo da Leña. Ás 21.00 horas será a Desentronización do Deus Momo e o desfile da comitiva dirixirá os seus pasos, a continuación, cara á praia de Santo Amaro, onde rematará a festa cunha sesión de fogos artificiais.

Ademais destas actividades, a área de Turismo, dependente da Concellería de Emprego e Economía Social, súmase este ano á celebración do Entroido coa programación de Lacónicas, as primeiras Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos. A iniciativa, que terá lugar do 1 ao 21 de febreiro, aglutina por vez primeira e promociona de xeito conxunto a oferta gastronómica do entroido por vez primeira na cidade e contará coa participación de trinta establecementos de hostalaría. Lacónicas tamén ofrecerá, dentro da súa programación, unha serie  de degustacións e obradoiros de cociña infantil.  

Documentos:

Programa Entroido 2016 (2 MB)

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?