Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de outubro de 2015

Xulio Ferreiro, no descubrimento da placa da Praza das Atochas: Hoxe comezamos a devolver parte da débeda pendente coa nosa Memoria

O alcalde da Coruña, xunto co resto do Goberno municipal e representantes da Corporación, deu inicio aos actos cos que o Concello dará cumprimento á Lei da Memoria Histórica, acompañado por unhas 500 persoas e representantes de organizacións que traballaron durante anos en defensa da normativa

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, procedeu esta tarde ao descubrimento da placa da Praza das Atochas, que substitúe a anterior denominación, Plaza da Millán Astray, en virtude do cumprimento da Lei de Memoria Histórica e do acordo ao que chegou o Pleno Municipal do Concello da Coruña en 2009. Nun evento festivo e cargado de emoción ao que acudiron preto de 500 persoas, o rexedor estivo acompañado por concelleiros e concelleiras do Goberno local, así como membros da Corporación -agás o grupo municipal do PP- e antigos edís que no seu momento aprobaron o cambio de denominación do rueiro. Tamén asistiron ao acto representantes de diversas asociacións que traballan en defensa da Memoria Histórica e membros da comisión de expertos do Concello que analizaron hai seis anos como facer efectivo o cumprimento da lei que agora puxo en marcha o actual goberno.

“Hoxe temos o privilexio de iniciar, co cambio de nome desta praza, a devolver en parte a débeda pendente coa nosa memoria. Comezamos, e seguiremos nos vindeiros meses, a cumprir coa Lei de Memoria Histórica, a cumprir co que a maioría das forzas políticas acordaron no pleno do Concello hai xa seis anos, a cumprir co que a sociedade civil da Coruña, que nunca esqueceu, leva construíndo moitos anos”, manifestou o alcalde. O primeiro edil da cidade tamén quixo agradecer no acto de descubrimento da placa da Praza das Atochas, que estivo amenizado pola Banda Municipal da Coruña, a todos os homes e mulleres que loitaron polos dereitos e as liberdades. “Aínda que a xente da Coruña quixo que fose eu quen estivese aquí, que fósemos nós quen hoxe representásemos aquí ao Concello, o traballo é doutras moitas persoas, entidades e organizacións. Entre todas, quero agradecer especialmente á Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, ao Ateneo Republicano, á memoria libertaria deste barrio, ás xentes da cultura que mantiveron aceso o recordo e ás organizacións políticas que apoiaron en 2009 a restauración da memoria histórica “.

Ademais do alcalde, no acto de inauguración da nova Praza das Atochas tamén tomou a palabra o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, quen avanzou que este acto é o primeiro doutros moitos que conformarán a denominada ‘Primavera da Memoria’. “Estamos nun outono que é primavera porque nos permite a substitución de símbolos e rúas que representan outro tempo, porque podemos comezar a recoñecer as vítimas dunha guerra onde, por máis que moitas veces se diga o contrario, si que houbo gañadores, uns gañadores que quixeron borrar e calar a aqueles que perderon”.

Manuel Monge, que formou parte da comisión de expertos do Concello da Coruña que se encargaron de analizar a correcta aplicación da Lei da Memoria Histórica agradeceu ao actual Goberno municipal que dese cumprimento ao acordo plenario ao que se chegou hai seis anos. “O que hoxe ocorre aquí é moito máis que a inaguración dunha praza, estamos a cumprir coa Lei de Memoria Histórica, dun acordo que se executa moitos anos despois de que se acordase en Pleno, e polo que moitos e moitas persoas levamos anos traballando. Anos traballando para que A Coruña deixe de ser a capital da simboloxía franquista”, explicou.

No acto de descubrimento da placa da Praza das Atochas tamén estivo presente Mariquiña Villaverde, memoria viva da represión e a dignidade do pobo coruñés. Filla de José Villaverde, secretario xeral en Galicia da CNT durante 1931 e 1933 e asasinado aos primeiros meses do levantamento militar, agradeceu a todos os presentes o acto, e a restitución da memoria das vítimas.

Documentos:

Discurso de Xulio Ferreiro no descubrimento da placa da Praza das Atochas (43 KB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión