Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Tecendo litoral

Prestige, 2002

Novembro 2002: Afundimento do ‘Prestige’

O 13 de novembro o petroleiro lanza o primeiro SOS, tras sufrir unha vía de auga. O buque afúndese o día 19 e provoca unha vertedura que causa un dos maiores desastres ecolóxicos da historia do Estado español.   

Febreiro 2004

O 2 de febreiro, os concellos da Coruña e Arteixo, xunto co Goberno central e a Xunta de Galicia, asinan un convenio -posteriormente modificado en outubro dese ano- para a reordenación urbanística dunha parte moi importante dos peiraos interiores da cidade e da estación de ferrocarril de San Diego, vinculada á construción dun porto exterior en Punta Langosteira ao que trasladar as operacións portuarias de maior risco.  

Porto da Coruña

Decembro 2009

O convenio para a construción do Porto Exterior e a venda dunha parte moi importante dos peiraos interiores incorpórase ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), unha decisión que quedaría ratificada na aprobación definitiva do documento no 2013.

Agosto 2012

O goberno municipal da Coruña leva a Pleno a aprobación provisional do PXOM actualmente en vigor. O documento introduce unha serie de modificacións respecto ao aprobado de forma inicial no ano 2009, entre eles, o cambio de cualificación urbanística dos terreos da Solana, que pasan a ser solo dotacional privado -e xa non público- e a separación da parcela do hotel Finisterre.

Decembro 2015

O Pleno municipal aproba unha moción sobre a defensa do porto exterior e a ordenación dos peiraos interiores, na que se insta ao Ministerio de Fomento a completar os accesos viarios e ferroviarios de Punta Langosteira e a activar a comisión de seguimento que se prevía no convenio de 2004, dirixida a velar pola construción da nova dársena exterior e mellorar a estrutura urbanística da cidade.  

H. Finisterre

Maio 2016

O Consello de Administración da Autoridade Portuaria, na sesión realizada o 11 de maio, recibe a proposta do presidente do ente portuario para a venda das parcelas que ocupan o hotel Finisterre e mais a Solana mediante poxa. O vogal representante do Concello da Coruña, o concelleiro Xiao Varela, manifesta o interese do consistorio por facerse cos terreos do equipamento deportivo para impedir a súa privatización.

La Solana

Xuño 2016

O Consello de Administración do Porto acorda suspender a poxa dos terreos durante seis meses, tempo no que o Concello debería solicitar expresamente a adxudicación directa da parcela da Solana.

Decembro de 2016

O día 22 convócase un Consello de Administración da Autoridade Portuaria que resolve, co único voto en contra do representante do Concello da Coruña, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela,  retomar a venda dos terreos sobre da Solana, malia á solicitude formal do goberno municipal para a súa adquisición directa e sen que transcorrese o tempo estipulado. O día 26, o goberno local ratifica en Xunta de Goberno Local a súa intención de adquirir a Solana e aproba un modelo de solicitude expresa de adxudicación directa por 1,5 millóns de euros, notificado ao día seguinte á Autoridade Portuaria.

Xuntanza

Xaneiro 2017

O alcalde mantén unha reunión co presidente de Puertos del Estado, José Llorca, e o presidente do Porto da Coruña, na que se acorda a paralización da poxa dos terreos da Solana e o Finisterre e iníciase un proceso de diálogo para acadar a fórmula de cooperación entre administracións que garanta a titularidade e xestión pública de toda a fachada atlántica da cidade. As persoas representantes das administracións portuarias comprométense a asistir a unha nova xuntanza nas seguintes semanas. A cita demorouse nove meses.

Manifestación ante a Autoridade Portuaria

Maio 2017

Máis de 4.000 persoas secundan nas rúas da Coruña a manifestación en defensa do Porto convocada pola Comisión Aberta en Defensa do Común contra a especulación e polo uso público dos terreos, e na que tamén participan o alcalde e concelleiras e concelleiros do goberno da cidade.

Alcalde da Coruña

Outubro 2017

O día 24, con nove meses de demora, o presidente de Puertos del Estado reúnese co alcalde para abordar por fin a constitución dun consorcio que garanta a titularidade e xestión pública dos terreos portuarios. O goberno da Coruña pon sobre a mesa un protocolo de colaboración para que se poidan sumar, ademais de Puertos del Estado e a Autoridade Portuaria da Coruña, a Xunta de Galicia, o Goberno do Estado e a Deputación da Coruña. As persoas representantes das administracións portuarias piden un mes de prazo para responder á proposta. Até agora, esta non se produciu.

Tecendo Litoral

Xaneiro 2018

O Concello da Coruña convoca un foro público para definir en común os futuros usos do bordo litoral da Coruña e a súa incorporación á cidade.

Foro Tecendo Litoral

Abril 2018

Durante o 26 e 27 de abril de 2018 desenvolvese na Coruña o Foro Tecendo Litoral no que se debate sobre o futuro dos terreos portuarios da cidade e no que participa a veciñanza, os grupos políticos, persoas expertas, investigadores, a UDC, a Lonxa da Coruña, as entidades veciñais e outros axentes de especial relevancia para o presente e o futuro dos terreos do Bordo Litoral da  Coruña.

Bita pintada de vermello, azul e branco

Outubro 2018

O 5 de outubro de 2018 a Universidade da Coruña, a través do Observatorio do Litoral organiza unha xornada sobre o Futuro das Cidades Portuarias coa intención de colaborar no debate, sereno e informado, dos retos que teñen por diante as cidades que están situadas ao redor de espazos portuarios e os portos que se desenvolven en estreita relación con ámbitos urbanos.

Imaxe gráfica
  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?