Concello da Coruña

Concello da Coruña

O PP advirte do descontento das persoas usuarias pola deficiente sinalización da Mariña e propón solucións

Begoña Freire recalcou que se puxo a funcionar a cámara sen informar as persoas usuarias da zona e esixe que o alcalde se reúna con todos os colectivos implicados para analizar os problemas que denuncian

A concelleira do Grupo municipal Popular e presidenta da Comisión de Mobilidade, Begoña Freire, acompañada polas concelleiras Rosa Lendoiro e Mariel Padín, expresou a súa preocupación porque o balance de xestión da Marea na ordenación da mobilidade do espazo urbanizado da Mariña e do túnel María Pita-Parrote é un auténtico desastre.

O goberno de Ferreiro ten tempo e diñeiro para dedicar ás súas campañas de autobombo (Dillo Ti, Plan A pé de Barrio, Porta Aberta...) e, non obstante, non se preocupou de realizar unha campaña informativa para lle explicar á cidadanía os itinerarios alternativos á zona restrinxida da Mariña nin os trámites para seguir polas persoas residentes e usuarias, tras a colocación das cámaras de lectura de matrícula.

A información foi nula, Ferreiro limitouse a publicar no BOP un Decreto - como coas chinchetas das terrazas - e a colocar a cámara de entrada á zona restrinxida da Mariña ben tapada - detrás do sinal vertical para que a persoa condutora non se decate. Ademais, a sinalización previa é absolutamente deficiente, o que está a provocar unha avalancha de multas que supón un auténtico roubo a man armada porque o motivo é que a xente descoñece a existencia desta cámara. "A maior parte das multas prodúcense por descoñecemento da persoa condutora da presenza da cámara e da zona restrinxida", puntualizou a representante popular.

Begoña Freire lembrou que a zona urbanizada da Mariña e o túnel do Parrote levan abertos ao uso público máis de 1 ano, e coa Marea imos de sorpresa en sorpresa, de improvisación en improvisación, de rectificación en rectificación. Esta cidade non necesita sorpresas nin improvisacións senón implicación, preocupación, esforzo por resolver problemas e capacidade de xestión e traballo, algo que en máis de dous anos brillou pola súa ausencia. Freire puntualizou que "seguen sen saber facer os deberes, cando estamos a falar dunha zona que é un importante centro atractor, non só a Mariña senón tamén a parte norte da Cidade, o Hospital Abente y Lago e que afecta a miles e miles de cidadáns, residentes, usuarios, visitantes".

Freire criticou que a Marea non remitise nin unha soa carta informativa nin ás persoas residentes, nin aos comerciantes, nin aos usuarios de carga e descarga, nin aos taxistas, nin ás persoas con mobilidade reducida, nin aos aparcadoiros, nin aos hoteis, nin se informou debidamente a cidadanía nin a veciñanza con antelación suficiente. "Moito Dillo Ti, moito Porta Aberta e moito Orzamentos Participativos pero cando hai un problema e é urxente falar coas persoas afectadas o alcalde está ausente como en Mi Casita ou coa Pasarela de Alfonso Molina. Por iso esiximos que se reúna con todos estes colectivos para escoitar os problemas que denuncian e buscar solucións", puntualizou a representante popular.

Begoña Freire propuxo unha serie de medidas para intentar facer fronte ao descontento xeneralizado dos coruñeses polo mal funcionamento da sinalización e o sistema das multas na zona.

Sinalización:

Mellorar a sinalización para que sexa clara, entendible por todos e en cantidade suficiente (nestes momentos os carteis e sinais son confusos e mesmo contraditorios).

a) Mellorar a sinalización desde Linares Rivas con sinais para preavisar a persoa condutora de que A Mariña é unha zona restrinxida e dos itinerarios alternativos. Advertir mediante sinalización previa de que se trata dunha zona vídeo vixiada nos Cantóns. Modificar a localización da cámara de forma que quede á vista e non escondida detrás do sinal como está na actualidade.

b) Poñer en marcha un sistema de xestión das cámaras de forma que sexa flexible para dar resposta ás necesidades das persoas residentes, comerciantes e usuarias da zona.

c) Modificar os Sinais de "preferencia peonil e prohibido o paso" para que quede claro que vehículos poden acceder á zona restrinxida e autorizar o paso de bicicletas. Mellorar a sinalización de acceso a aparcadoiros para que sexan visibles para os/as condutores/as (colocaron eses carteis provisionais para a Tall Ships e aí quedaron)

d) Sinalización do gálibo túnel en Linares Rivas e Avda do Porto.

Outras actuacións:

a) Corrixir o erro no cambio de sentido da rúa Alcalde Manuel Casas de forma que cada unha das rúas quede nun sentido de circulación.

b) Ampliar a beirarrúa do lateral de Correos, que ten un ancho insuficiente para o tránsito peonil.

c) Levar a cabo unha reordenación do tráfico na praza de Ourense, para permitir que o eixe Avda. de Arteixo-Notariado-Fontán poida conectar con Avda. do Porto e túnel María Pita-Parrote.

d) Levar a cabo a reordenación da zona das Ánimas (segue coa sinalización provisional e aletas de tiburón provisionais).

e) Poñer en marcha o Plan de usos da zona urbanizada - o que único que se fixo é colocar uns bancos próximos ao cantil da zona da Mariña - que anunciou en agosto de 2015 - e que ademais non dan resposta á demanda de seguridade.

A edil do PP lamentou que Ferreiro leve dous anos xogando coa cidade. "Esixímoslle que se poña a traballar dunha vez e deixe o Candy Crush porque os problemas acumúlanse e a cidadanía segue esperando a que este goberno gañe o soldo", finalizou a concelleira do PP.

Partido Popular

Datos de contacto

Enderezo: praza de María Pita, 1. 15001. A Coruña.

Tel.: 981 184 265

Correo electrónico: grupopp@coruna.es

Propostas e opinións

resultados 15

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión