Concello da Coruña

Concello da Coruña

O PP preguntaralle a Ferreiro no pleno pola incerteza laboral de centos de traballadores/as municipais

·O Grupo Popular esíxelle a Ferreiro que explique cando licitará os servizos que se están prestando sen contrato e pagando con reparo de legalidade suspensivo e que manteñen na incerteza a centos de traballadores/as.

·Os populares preguntaranlle a Ferreiro polo desastroso balance da actividade da Policía Local en 2016 debido á súa permisividade cos okupas ilegais e á súa pasividade á hora de facer cumprir as ordenanzas.

·O PP presentou unha pregunta oral para saber quen lle pagou a Ferreiro a viaxe a Madrid ao Congreso dos Deputados onde foi sorprendido xogando ao Candy Crush.

A portavoz do Grupo municipal Popular, Rosa Gallego, compareceu ante os medios de comunicación para anunciar diversas iniciativas que presentarán no Pleno ordinario de xuño, que se realizará o vindeiro luns.

O PP presentou unha pregunta oral a Ferreiro para saber cando ten previsto licitar todos aqueles servizos que se están prestando sen contrato e pagando con reparo de legalidade suspensivo de Intervención e que manteñen na incerteza a máis de trescentos/as traballadores/as de empresas ás que xa se pagaron de maneira irregular máis de 7 millóns de euros.

Hai máis de sesenta traballadores/as de bibliotecas sen que a empresa teña contrato desde novembro e levan xa máis dun millón de euros pagados con facturas irregulares e o contrato de recollida de lixos finalizou en xaneiro sen que se licitase. Son 130 traballadores e xa se pagaron de maneira irregular 4,5 millóns.

O mesmo sucede con servizos complementarios de instalacións deportivas, sen contrato desde setembro, máis de setenta traballadores/as e máis dun millón de euros pagados con facturas irregulares; mantemento de aseos públicos, sen contrato desde decembro, con 13 traballadores/as e máis de 120.000 euros pagados; limpeza e conserxería de varios centros cívicos, con 17 traballadores e máis de 160.000 euros pagados; atención ao público de Museos Científicos, con 31 traballadores/as e máis de 100.000 euros pagados.

ACTIVIDADE POLICÍA LOCAL

O PP presentou outra pregunta oral para que Ferreiro explique o desastroso balance da actividade da Policía Local en 2016 pola súa permisividade cos okupas ilegais e a súa pasividade á hora de facer cumprir as ordenanzas.

Ferreiro foi permisivo en exceso con quen incumpre as normas de circulación, ao descender un 35% o número de multas. Dentro destas sancións, diminuíron as da dobre fila un 74% a pesar de ser un dos grandes problemas de mobilidade da cidade.

Sobre infraccións administrativas, os comisos por venda ambulante ilegal reducíronse un 60%, as denuncias pola venda ilegal un 70%, un 40% o control sobre o cumprimento da ordenanza de ruídos e un 52% o control de horarios.

O desastroso balance tamén chega a temas como recursos humanos, o material ou formación. Así, reduciuse un 5% o persoal das Unidades de Distritos; diminuíu un 95% o número de vehículos adquiridos para a policía e reducíronse nun 58% os colexios participantes en accións de formación viaria.

VIAXE A MADRID

Por último, o PP presentou unha pregunta oral para saber quen lle pagou a Ferreiro a viaxe a Madrid ao Congreso onde foi sorprendido xogando ao Candy Crush porque non tería xustificación que llo pagasen todos os coruñeses e coruñesas para xogar coa tableta e porque está máis tempo de viaxe para actos e reunións rebeldes que non achegan solucións aos problemas dos coruñeses e coruñesas que atendendo a cidadanía.

Partido Popular

Datos de contacto

Enderezo: praza de María Pita, 1. 15001. A Coruña.

Tel.: 981 184 265

Correo electrónico: grupopp@coruna.es

Propostas e opinións

resultados 15

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión