Concello da Coruña

Concello da Coruña

Rosa Gallego esíxelle a Ferreiro que licite xa un novo contrato de Bibliotecas e que poña fin á incerteza das persoas traballadoras ás que enganou coa remunicipalización

Gallego esíxelle a Ferreiro que poña fin á inestabilidade laboral dos/as máis de trescentos/as traballadores/as que na actualidade traballan en empresas que están a prestar servizos municipais sen contrato e polos que xa se pagaron de maneira irregular máis de 7 millóns de euros

A Portavoz do Grupo municipal Popular, Rosa Gallego, esíxelle a Ferreiro que licite canto antes un novo contrato de Bibliotecas e así acabar coa incerteza dos traballadores afectados polo incumprimento da súa promesa de remunicipalización. "Hai máis de sesenta traballadores das bibliotecas municipais traballando sen que a empresa teña contrato co concello desde novembro, hai xa máis de sete meses, porque Ferreiro estívoos/as enganando cunha falsa promesa de remunicipalización que sabía desde o primeiro minuto que non podía cumprir. É hora de que licite un novo contrato que ofreza garantías e seguridade a unhas persoas traballadoras que levan dous anos enganados/as e poñer fin ás facturas irregulares con reparo de legalidade por máis de 200.000 euros ao mes que está a pagar na actualidade".

Gallego lembrou que hai máis dun ano, en maio de 2016, elaborouse un informe xurídico municipal cos pasos para seguir para o proceso de remunicipalización, o 10 de xuño a Xunta de Goberno acordou iniciar o procedemento e en setembro creouse a Comisión Especial para aprobar o novo modelo en Pleno en novembro, cando vencía o contrato. "Pasou máis dun ano. Xa entón avisamos de que non era posible remunicipalizar porque non o permitía a normativa vixente e que urxía licitar un novo contrato. Ferreiro preferiu non facer caso enganando as persoas traballadoras, como fixo coas da ORA e con socorrismo porque a remunicipalización xa non era posible en 2015 cando fixo o seu programa electoral. Tivo que ser o secretario do Concello o que nun informe puxese fin ás falsas promesas que lles fixeron ás persoas traballadoras e aínda falta o do interventor que solicitamos na comisión".

A portavoz do Partido Popular destacou que a normativa non cambiou desde antes de 2015. Agora queren culpar a unha disposición adicional da lei de acompañamento dos orzamentos do Estado, pero foi emendada e ademais aínda non está en vigor; tiveron un ano desde o acordo de Xunta para levar a cabo a remunicipalización e que non lles afectase esa disposición adicional e non foron capaces; levan dous anos gobernando sen remunicipalizar nada e esta disposición adicional non cambia nada porque a remunicipalización xa non era posible en 2015 cando fixo o seu programa. Polo tanto, que Ferreiro asuma que lles mentiu ás persoas traballadoras e licite xa un novo contrato".

Gallego esíxelle a Ferreiro ademais que poña fin á inestabilidade laboral dos máis de trescentos traballadores/as que na actualidade traballan en empresas que están a prestar servizos municipais sen contrato e polos que xa se pagaron de maneira irregular máis de 7 millóns de euros. O de recollida de lixo é o máis sanguento, xa que finalizou en xaneiro sen que se licitase un novo tras contratar unha empresa privada por máis de 140.000 euros a redacción dos pregos. Son 130 traballadores/as afectados/as e xa se pagou de maneira irregular con reparo da intervención máis de 4,5 millóns (900.000 euros mensuais aproximadamente) e o servizo seguirá sen contrato polo menos un ano máis.

O mesmo sucede cos servizos complementarios de instalacións deportivas, sen contrato desde setembro, con máis de setenta traballadores/as afectados/as; mantemento e limpeza de aseos públicos, sen contrato desde decembro e aínda se acaba de licitar o de limpeza e conserxería de varios centros cívicos, sen esquecernos de atención ao público de Museos Científicos que esperemos á quinta ou á sexta atope solución. "A situación pode agravarse porque o contrato de limpeza viaria, cuns 270 traballadores/as, finaliza o próximo xaneiro e aínda non se licitou un novo, nunha nova mostra do caos da Concellería de Medio Ambiente", destacou a portavoz do Grupo Popular.

Respecto doutros temas de persoal, Gallego advirte da polémica xerada coa modificación da Relación de Postos de Traballo municipal, criticada por sindicatos e funcionariado, que nos chegaron a dicir que "é a RPT con máis nomes e apelidos da historia do concello" polo que recibiu alegacións que deberán resolver.

Por último, Gallego referiuse ás negociacións do goberno municipal con representantes da Policía Local sobre o cumprimento do acordo de reclasificación. "Ferreiro está enganando os/as policías, sabe que non se pode aplicar o acordo ata que non cambie a normativa e está deixando pasar o tempo para que non haxa ningún conflito. No seu momento pedímoslles informes ao Ministerio, á Asesoría Xurídica e á Intervención municipais e todos dicían que non era posible. A normativa segue sendo a mesma. Está a facer un xogo de palabras entre subida salarial e adecuación retributiva, pero a realidade é que hai informes xurídicos e técnicos en contra e sentenzas que anulan este tipo de acordos. Polo tanto, esixímoslle a Ferreiro que deixe de enganar co que, coma bibliotecas, sabe que non é posible. Que non lle escatime horas extras á Policía e así recuperar a Policía de Barrio ou o dispositivo de Control de Lecer Nocturno".

Partido Popular

Datos de contacto

Enderezo: praza de María Pita, 1. 15001. A Coruña.

Tel.: 981 184 265

Correo electrónico: grupopp@coruna.es

Propostas e opinións

resultados 15

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión