Concello da Coruña

Concello da Coruña

O PSOE esixe enviar o expediente dos pisos ao Consello Consultivo para despexar dúbidas, ante o atraso no informe da Asesoría Xurídica

O edil socialista José Manuel Dapena repróchalle a Marea Atlántica que transcorrido máis dun mes desde a realización das comisións aínda non se coñeza o informe xurídico. Subliña o fracaso do Plan de Vivenda, que non resolveu o problema da cidadanía coruñesa e xerou un novo problema

O PSOE reprochou a Marea Atlántica que, transcorrido máis dun mes desde a realización das comisións de Urbanismo e Transparencia, aínda non se fixo público o informe de Asesoría Xurídica sobre as posibles irregularidades na compra dun piso con menos superficie da esixida e dun local comercial, dentro do Plan de Vivenda Municipal.

Máis aló, o concelleiro do PSOE, José Manuel Dapena, subliñou o fracaso do devandito plan, pois lonxe de resolverse o problema da vivenda na cidade e de facilitar o acceso da cidadanía coruñesa a pisos sociais, xerouse un novo problema, neste caso de credibilidade. Dos 1,2 millóns de euros destinados nos orzamentos ao Plan de Vivenda, un dos proxectos estrela de Marea Atlántica, investíronse pouco máis de 300.000 euros para comprar 6 inmobles, dous dos cales deixan dúbidas sobre a súa idoneidade, o que supón quedar lonxe do obxectivo do plan.

O edil socialista José Manuel Dapena lamentou a falta de transparencia desde o Concello e o atraso acumulado na elaboración do devandito documento, un atraso que contrasta coa celeridade de Marea Atlántica para cerrar o proceso de adxudicación e compra do piso e do local. Contrasta, así mesmo, o atraso en concluír o informe da Asesoría Xurídica coas declaracións do alcalde, Xulio Ferreiro, e os edís implicados sobre a legalidade do proceso: se non hai nada irregular como se demora tanto o informe? Contrasta tamén, reiterou José Manuel Dapena, coa bandeira da transparencia que axita a diario Marea Atlántica.

O concelleiro do Grupo Socialista quixo chamar a atención sobre o feito de que o propio alcalde rehuíse as súas responsabilidades e tivese que ser a Secretaría Xeral a que convocase o pleno extraordinario para dar explicacións oficiais. É a primeira vez na que se esgota o prazo sen que o alcalde convoque o pleno extraordinario e que o teña que convocar o secretario en cumprimento do Regulamento Orgánico Municipal, unha norma do PSOE que foi criticado en numerosas ocasións por Marea Atlántica, pero que se demostra garantista dos dereitos da Corporación e da transparencia.

"Estamos ante un alcalde ausente, que se pon de perfil, que non dá explicacións, e ante uns concelleiros que se presentan como cegos, xordos e mudos respecto das supostas irregularidades do expediente", concluíu José Manuel Dapena.

Por iso, o edil socialista reiterou que o PSOE considera oportuno que o expediente completo se eleve ao Consello Consultivo para que o analice e saque as conclusións necesarias que aclaren o sucedido, do que se derivarán as responsabilidades xurídicas e as responsabilidades políticas.

En todo caso, da análise pormenorizada do expediente, tanto o PSOE como calquera cidadán pode concluír que Marea mercou un piso que non cumpre os requisitos de superficie mínima e que mercou un local comercial cando as bases deixan claro que se trata de adquirir vivendas. Estas conclusións e as discrepancias manifestas que se produciron nas comisións son máis que suficientes para levar o caso ao Consello Consultivo.

PSdeG PSOE

Datos de contacto

Enderezo: praza de María Pita, 1. 15001. A Coruña

Teléfono: 981 184 260

Correo electrónico: grupo.municipal.socialista@coruna.es

Propostas e opinións

resultados 73

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión