Concello da Coruña

Concello da Coruña

O PSOE propón crear unha fundación para xestionar o Teatro Colón e convertelo nun referente nacional

O edil socialista Fito Ferreiro considera oportuno cambiar o nome da instalación para que se denomine Teatro Nacional de Galicia Valle-Inclán. Crear unha escola de artes escénicas, programar para gañar novos públicos e crear unha compañía residente son outras propostas vinculadas á xestión do recinto por parte do Concello.

O edil socialista Fito Ferreiro anunciou hoxe a proposta do Grupo Municipal Socialista e do grupo de traballo de Cultura do PSOE para o Teatro Colón, unha vez que o Concello asuma a xestión, e que pasa pola creación dunha Fundación do Teatro, cuxo padroado será o encargado de establecer as actividades que han de desenvolver, aprobar os orzamentos, contas anuais e fixar os criterios de actuación deste espazo cultural.

Ademais, o edil socialista avogou por cambiar o nome do edificio para convertelo no Teatro Nacional de Galicia Valle-Inclán, co fin de recoñecer a figura do escritor e dramaturgo, e converter este escenario nunha referencia.

Tal e como sinalou Fito Ferreiro, o padroado da Fundación estará formado por representantes das administracións públicas que participen no seu financiamento e xestión así como as privadas que se impliquen no proxecto. Ademais, encargarase de definir unha liña artística innovadora, que diferencie a este teatro doutros recintos escénicos xa existentes na cidade, para así evitar unha duplicidade na programación e oferta cultural.

Establecer uns obxectivos socioculturais que permitan gañar novos públicos mediante a divulgación da programación e a posta en marcha dun proxecto formativo coa creación dunha escola municipal de artes escénicas e convenios coa Universidade da Coruña para dar cabida así ao talento local que moitas veces está obrigado a saír da cidade por falta de apoios, será outro dos obxectivos do Padroado. Igualmente, prestará especial atención ao tecido profesional da escena da cidade.

Tamén se propón formular unha oferta capaz de atraer a atención do resto de Galicia e proxectar no resto de España a imaxe da Coruña como unha cidade relevante culturalmente cunha liñas de programación que irían neste sentido: poñer en valor a obra de Valle-Inclán, gran nome do teatro nacional do século pasado, sen apenas presenza en Galicia a pesar das súas obras e a súa orixe; un proxecto de compañía residente; colaboración co Centro Dramático Galego e co Centro Dramático Nacional; ceder os 65 días da Deputación para xerar unha mostra da Rede Cultural do organismos provincial que tamén está a funcionar; poñer en marcha un Festival Nacional de Teatro e Danza.

Para poder realizar todo isto é necesaria a convocatoria dun concurso público para cubrir a dirección artística do teatro, buscando especialistas en xestión cultural con acreditada experiencia no ámbito escénico, apuntou Fito Ferreiro, que entende que todas estas propostas farían do teatro un novo espazo cun criterio cultural á altura dunha cidade que se destacou polas súas inquietudes neste sentido.

Así mesmo, Fito Ferreiro lanzou unha serie de preguntas ao goberno de Marea Atlántica polas dúbidas que xerou o cambio de xestión. O edil socialista considera necesario que, mentres non se aborda o proxecto proposto, aclarar se o Goberno Municipal da Marea ten algunha estratexia cultural para este espazo; quen vai programar neste novo espazo, o concelleiro de Cultura ou o seu asesor converteranse nos programadores e directores do centro; ten pensado sacar a concurso unha dirección artística do recinto?...

Un espazo de cultura debe ter uns obxectivos socioculturais ben definidos, que quere achegar á cidade e que liña quere seguir, indicou o edil socialista, que advertiu xa que nos orzamentos municipais non existe ningunha partida para o Teatro Colón: Como se vai afrontar a posta en marcha se non temos orzamento?

Ademais nestes tres anos do goberno da Marea detectamos que a súa política cultural é programar medianos e grandes eventos, e facilitar unha actividade cultural non profesional. Parécennos ben estas dúas liñas, pero para o PSOE falta unha terceira liña de actuación e moi importante, o axudar o sector da cultura intermedia a profesionalizarse, a crear unha industria cultural. Hai compañías medias de teatro que necesitan un apoio para que poidan traballar soas, concluíu Fito Ferreiro.

O concello non pode ser só un programador de contidos culturais, debe ser tamén un dinamizador da actividade cultural e conseguir fortalecer a débil industria cultural da cidade.

Fortalecer a industria cultural da cidade, música, audiovisual, teatro, danza e outras axudaría a crecer un sector económico esencial para A Coruña, dignificar unhas profesións que lles custa sobrevivir. E ao mesmo tempo estariamos a construír un proxecto de cidade. A Coruña do Futuro.

PSdeG PSOE

Datos de contacto

Enderezo: praza de María Pita, 1. 15001. A Coruña

Teléfono: 981 184 260

Correo electrónico: grupo.municipal.socialista@coruna.es

Propostas e opinións

resultados 73

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión