Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Transparencia

Redes estratéxicas: participación municipal

Ademais dos plans estratéxicos e sectoriais mencionados, ocorre en múltiples ocasións que un concello participa ou colabora en redes estatais ou internacionais.

Estas redes poden estar relacionadas con áreas temáticas ou sectores específicos (educativos, de servizos sociais, de investigación, de eficacia ambiental, de xestión cultural...) que en ocasións son descoñecidas para a cidadanía pero cuxa participación nelas define non só a actividade dun concello, senón tamén a súa relevancia polas achegas que realiza.

É dicir, que o Concello forma parte activa desa rede como membro participante ou colaborador, pero sen ser necesariamente a Administración responsable da súa estrutura e contidos.

Estes son algúns exemplos desa participación noutras redes ou estratexias:

Rede Cidades Intelixentes (RECI)

Forma parte do proxecto Smart City. A Rede Española de Cidades Intelixentes (RECI) empezou a xestarse en xuño do 2011, co compromiso de crear unha rede aberta para propiciar o progreso económico, social e empresarial das cidades a través da innovación e o coñecemento, apoiándose nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

A Rede constituíuse formalmente en xuño do 2012 co obxectivo de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente para desenvolver un modelo de xestión sostible e mellorar a calidade de vida da cidadanía, incidindo en aspectos como o aforro enerxético, a mobilidade sostible, a administración electrónica, a atención ás persoas ou a seguridade.

A cidade da Coruña estivo implicada na súa creación desde o seu comezo, e é actualmente a cidade que lidera o Grupo de Traballo 1 sobre Innovación Social. No ano 2016 a RECI está formada por 65 cidades.

+ INFORMACIÓN

Rede Cidades Educadoras (RECE)

Fundada en 1994, a Asociación Internacional de Cidades Educadoras (AICE) é unha asociación sen ánimo de lucro, constituída como unha estrutura permanente de colaboración entre os gobernos locais comprometidos coa Carta de Cidades Educadoras, que é a folla de ruta das cidades que a compoñen.

Entre outros, os seus obxectivos céntranse en proclamar e reclamar a importancia da educación na cidade, poñer de relevo as vertentes educativas dos proxectos políticos das cidades asociadas e impulsar a profundización do concepto Cidade Educadora e as súas aplicacións concretas nas políticas das cidades, a través de intercambios, encontros, proxectos comúns, congresos e todas as actividades e iniciativas que reforcen os lazos entre as cidades asociadas.

+ INFORMACIÓN

Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular

O Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular é un organismo sen ánimo de lucro que se dedica a apoiar todas aquelas iniciativas que fomenten a cooperación transfronteiriza do sistema urbano da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que se caracteriza por unhas realidades socioeconómicas e culturais similares. Este espazo eurorrexional integra, entre outras, as 7 grandes cidades galegas.

A súa finalidade principal é o desenvolvemento económico, social, cultural, tecnolóxico e científico das cidades e rexións que o constitúen mediante a definición dun territorio común. Considéranse obxectivos prioritarios:

  • Fomento de obras e infraestruturas
  • Política social e cultural
  • Protección e promoción do ambiente
  • Turismo
  • Promoción de todo tipo de actividades sociais, culturais e deportivas que se identifiquen coas raíces e identidade dos municipios membros e que favorezan a cohesión do sistema urbano da eurorrexión norte de Portugal-Galicia.

+ INFORMACIÓN

Civinet

A Rede CIVINET España e Portugal é unha rede para entidades locais (cidades, provincias, comarcas...) aberta tamén a outros membros asociados (universidades, autoridades de transporte, centro tecnolóxicos ou empresas privadas) con intereses na mobilidade sostible. O principal beneficio dos seus membros é o de compartir experiencias a nivel local.

É a única Rede a nivel estatal que se preocupa de todos os aspectos relativos á mobilidade sostible, aforro enerxético e redución de emisións a través de:

  • Redución do impacto no cambio climático
  • Redución do custo do transporte e da mobilidade
  • Mellora da saúde e da calidade do aire

A Rede xeral chámase CIVITAS e conta coa participación da Comisión Europea, polo que ser membro e pertencer a ela é gratuíto.

+ INFORMACIÓN

Rede Enerxía Sostible

A Rede de Enerxía Sostible da Coruña créase dentro dun dos paquetes de traballo dos que se compón o proxecto PRACTISE ENERGY, no que se recollen todas as actuacións encamiñadas a elaborar e poñer en marcha unha metodoloxía de consulta e participación cidadá para o proxecto.

O liderado deste paquete de traballo correspóndelle á nosa cidade, polo que, aproveitando a experiencia doutras redes locais, propúxose esta nova rede para acoller a maior parte dos actores locais que, dunha maneira ou outra, exercen influencia no campo da enerxía, posibilitando así o deseño dunha estratexia clara a curto, medio e longo prazo en materia de eficiencia enerxética e loita contra o cambio climático.

+ INFORMACIÓN

Conferencia de Cidades do Arco Atlántico

A Conferencia de Cidades é unha rede de cooperación territorial baseada na identidade particular das Cidades Atlánticas. Desde o 2000, a Conferencia das Cidades do Arco Atlántico afirmou a súa posición como Foro Urbano Atlántico, facilitando tanto a cooperación entre os seus membros como con outros actores; sensibilizando as institucións europeas nas cuestións que preocupan ás cidades atlánticas.

As Comisións Temáticas representan a dimensión técnica da CCAA. Dirixidas por unha cidade presidente, as comisións canalizan os proxectos europeos, os grupos de traballo e os documentos de posición. As temáticas principais son:

  1. A política urbana innovadora
  2. As cidades creativas
  3. A acción económica e social das cidades (innovación social)
  4. O desenvolvemento sostible e o crecemento azul

Actualmente a cidade da Coruña ostenta a presidencia da Comisión de Cidades Creativas.

+ INFORMACIÓN

Rede Innpulso

O obxectivo da REDE INNPULSO é recoñecer e impulsar as actuacións que en materia de Ciencia e Innovación realizan as administracións locais cuxos obxectivos son propiciar a colaboración entre os concellos, mellorar o seu potencial innovador e servir de modelo a outros concellos e contribuír ao cambio do modelo produtivo cara a un modelo sostible a nivel económico e social.

En xaneiro do 2011 entregáronse os primeiros distintivos "Cidade da Ciencia e a Innovación" a 30 concellos seleccionados entre aqueles que presentaran a súa candidatura, por realizar un esforzo para potenciar o coñecemento e as infraestruturas innovadoras científicas, tecnolóxicas e sociais, propiciando o cambio cara a un modelo económico sostible.

Está Rrde está formada por un total de 53 cidades das que A Coruña forma parte dentro das catalogadas como "grandes" ao superar os 100.000 habitantes.

+ INFORMACIÓN

Rede Coruña Emprega II

Está promovida pola Área de Emprego e Empresa do Concello da Coruña e cofinanciado polo Fondo Social Europeo co obxectivo de facilitar a inserción laboral de persoas con especiais dificultades para a súa incorporación ao mercado de traballo, favorecer a inclusión social e a conciliación da vida persoal e laboral, o que se desenvolverá a través de itinerarios integrados de inserción sociolaboral.

Esta Rede Coruña Emprega, de apoio á demanda de emprego na cidade da Coruña, foi posible grazas ao Pacto Local polo Emprego, e está baseada no compromiso, a concertación, o benestar social, a innovación e a calidade, e está composta polas principais entidades públicas e privadas do territorio.

+ INFORMACIÓN

Comité AEN/CTN 178 - CIDADES INTELIXENTES de AENOR (Asociación Española de Normalización e Certificación)

Unha norma é un documento técnico de aplicación voluntaria froito do consenso, baseado nos resultados da experiencia e do desenvolvemento tecnolóxico e aprobado por un organismo de normalización recoñecido.

As normas garanten uns niveis de calidade e seguridade que lle permiten a calquera empresa situarse mellor no mercado e constitúen unha importante fonte de información para os profesionais de calquera actividade económica. As normas técnicas elabóranse no seo de AENOR a través dos Comités Técnicos de Normalización nos que están presentes todas as partes interesadas. Esta participación posibilita o acceso e a capacidade de influír no contido das normas europeas e internacionais.

O concello da Coruña participa no Comité AEN/CTN 178 - CIDADES INTELIXENTES, e é o seu campo de actividade o da normalización dos requisitos, directrices, técnicas, indicadores e ferramentas que contribúan ao desenvolvemento das comunidades cara a "comunidades intelixentes". Dentro deste COMITÉ, o Concello da Coruña participa nos grupos "Indicadores e Semántica" e "Goberno e Mobilidade".

+ INFORMACIÓN

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?