Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Transparencia

Que é un plan estratéxico?

estratexia

Definición

É un proceso de análise a partir do que se establecen e deseñan os grandes eixos arredor dos que se establecerán as liñas mestras e as actuacións de futuro nun medio e longo prazo dun goberno municipal, nunha ou varias áreas da súa competencia.

Debe definir que se pretende conseguir e como se propón conseguilo, despois de coñecer o punto de partida. Trátase en definitiva, de establecer os procedementos e acordar as grandes decisións que van orientar o futuro da nosa cidade.

De que consta un plan estratéxico?

Consta de dous grandes bloques de actuación:

  • Diagnóstico estratéxico, no que se avalía a situación actual da cidade e da xestión municipal a través de indicadores obxectivos.
  • Definición de liñas estratéxicas, fase na que se establecen aqueles plans, programas e proxectos para desenvolver a medio e longo prazo para acadar os obxectivos formulados, baseándose nos resultados do diagnóstico estratéxico previo.

Estratexia Integrada EIDUS Coruña

É un proxecto ideado ou concibido para definir o futuro da cidade de forma participativa desde unha perspectiva que incorpora toda a reflexión estratéxica sectorial realizada na cidade nos últimos anos, a realizada por organismos e institucións cuxas actuacións lle afectan á cidade e a marcada polas últimas orientacións europeas que salientan a necesidade da transversalidade e incorporan o criterio de lograr sinerxias e coherencia entre diversos documentos de visión estratéxica sectorial.

+ INFORMACIÓN

Estratexia Metropolitana

Comezou a súa andaina o 7 de xaneiro de 2016 , e tras unha reunión posterior que tivo lugar o  21 de abril de 2016 , finalmente materializouse coa denominada " Declaración de María Pita " asinada o 20 de outubro de 2016 por varios alcaldes e alcaldesas da comarca: Xulio Ferreiro pola Coruña, Alejandra Pérez por Bergondo, Ramón García Vázquez por Betanzos, Óscar García Patiño por Cambre, Julio Sacristán por Culleredo, Ángel García Seoane por Oleiros e Benito Portela por Sada.

As liñas comúns de traballo pasan pola recuperación ambiental e da biodiversidade da ría do Burgo, a coordinación de actuacións de políticas de desenvolvemento territorial baseadas en plans urbanísticos conxuntos, unha visión compartida da xestión de servizos, e o establecemento dunha estratexia de innovación conxunta.

Esta Declaración de María Pita, como manifestación institucional, mostra o compromiso das distintas corporacións asinantes (e aquelas que se adhiran posteriormente se é a súa vontade) por impulsar a creación da Área Metropolitano da Coruña a través da aprobación no Parlamento de Galicia dunha normativa específica que a regule, a Lei da área metropolitana, que partirá inicialmente dos concellos, pero sumará tamén os partidos, a Deputación e a Xunta.

Para levar a cabo todo isto é fundamental unha sólida colaboración entre a cidadanía, os axentes sociais, os económicos, e entre as diversas administracións do territorio.

+ INFORMACIÓN

Estratexia local contra o cambio climático 2014-2020

O Concello da Coruña a través da presente Estratexia local fronte ao cambio climático propón toda unha serie de actuacións dirixidas a unha redución efectiva dos gases de efecto invernadoiro producidos no municipio pola actividade urbana, contribuíndo desa maneira a cumprir cos obxectivos fixados no Pacto dos Alcaldes, incluíndose tamén outras medidas de fomento dirixidas a outros sectores, como o industrial. A estratexia local propoñerá toda unha serie de actuacións que contribúan a mitigar os efectos do cambio climático garantindo así o benestar da cidadanía.

+ INFORMACIÓN

Desenvolvemento da estratexia: + INFO

Estratexia Territorial de Coruña Futura

Asistimos a procesos inéditos na transformación das cidades e dos territorios rexionais. Intensifícanse os procesos de expansión urbana con novas formas de ocupación do territorio: incorporación de espazos rurais ás dinámicas metropolitanas, evolución dos centros tradicionais, aparición de novas comunidades, xurdimento de novas centralidades en ámbitos antes periféricos vinculados aos grandes centros comerciais e de lecer etc. Xorden novas escalas no territorio, polo que xorde a necesidade de dar respostas e definir proxectos transformadores para os retos dos próximos anos en materia de sustentabilidade, mobilidade e conectividade, desenvolvemento económico e innovación e de gobernanza e cohesión social.

+ INFORMACIÓN

De todas estas análises xorde a Estratexia "Coruña Futura" que se estrutura en varios subprogramas:

  1. Estratexia de Clúster Económicos Emerxentes. Na Coruña existen importantes clústeres produtivos que constitúen o soporte económico da cidade (sector téxtil, o comercio urbano, os servizos de enxeñería, enerxía ou actividades marítimas), ademais das actividades marítimo-portuarias, o turismo, a saúde e o benestar, as industrias de contidos dixitais e das tecnoloxías da información e as solucións urbanas. Das análises realizadas xorde a identificación dos clústeres emerxentes que, xunto aos actuais, deben liderar a transición de Coruña Futura cara a un modelo económico crecientemente vinculado á economía do coñecemento.
  2. Estratexia Distrito da Creatividade. A Coruña é un importante centro cultural e artístico. É o principal centro editorial de Galicia e concentra a maior oferta de museos, galerías de arte e manifestacións escénicas e musicais. O Distrito da Creatividade da Coruña aspira a constituír unha oferta urbana diferenciada, nunha contorna urbana de moita identidade e con predominio de espazos peonís, cuxo obxectivo é impulsar a cidade como un lugar propicio para a fusión entre a arte, a cultura, a tecnoloxía, o coñecemento, a innovación, o turismo.
  3. Estratexia Corazóns de Barrio. O programa de Corazóns de Barrio oriéntase a lograr un aumento do atractivo, a cohesión social, a sustentabilidade e a dinamización económica nas diferentes áreas da cidade. Concíbense como actuacións integrais que buscan a excelencia ambiental e urbana, favorecer a mestura de usos, apoiar as actividades produtivas tradicionais e impulsar novas actividades económicas. Espazos para vivir, traballar, divertirse e aprender mediante unha diversidade de proxectos adaptados ás circunstancias específicas de cada ámbito. Trátase de crear espazos con intensidade social, diversos e atractivos mediante a mestura de usos e actividades e a dotación dos equipamentos e infraestruturas necesarias para asegurar unha contorna de alta calidade.
  4. Estratexia Cidade do Coñecemento. Formúlase a configuración dun grande Eixo da Innovación centrado arredor dos terreos do ámbito Parque Ofimático-Fábrica de Armas. A Cidade do Coñecemento achega espazos e elementos singulares orientados a lograr estes obxectivos. Desde o punto de vista urbanístico suxírense unha serie de accións que propicien a integración da vida dos campus universitarios, situados nesa contorna, coa vida da cidade (conexión dos campus entre si e coa súa contorna urbana, redes de peóns e bicicletas, protagonismo da paisaxe, a xardinería e os espazos peonís). Ademais, parques científicos para a acollida de centros tecnolóxicos e de investigación científica, campus de incubación de empresas, residencia, servizos, sedes empresariais, espazos culturais e manifestacións artísticas de vangarda deben localizarse neste amplo espazo deseñado con criterios de Ecocidade Intelixente.
  5. Estratexia Cidade Tecnoindustrial A Coruña-Arteixo. A Coruña e Arteixo ocupan o ámbito máis occidental da nosa cidade, definindo un espazo cunha elevada continuidade do medio físico, dos tecidos urbanos e dos espazos para actividades económicas. O eixo definido pola avenida de Finisterre e as travesías de Meicende e A Pastoriza, principal conexión urbana entre A Coruña e Arteixo, é un dos principais eixes estruturantes de Coruña Futura. As complementariedades entre Arteixo e A Coruña formulan a oportunidade de organizar este espazo intermedio como un Eixo de Transformación, a Avenida da Industria, no que progresivamente desenvolver unha estrutura de avenida urbana que articule ambos os municipios.
  6. Estratexia Avenida da Saúde. Proponse a configuración da ribeira da ría do Burgo como un espazo de lecer e paisaxe mediante a recuperación ambiental da canle e das súas ribeiras, a revexetación da contorna fluvial e a eliminación de elementos de degradación: vertedoiros, accesos cortados, edificacións deterioradas etc. Isto permite consolidar espazos de lecer e de contacto coa natureza atractivos para a poboación local: sendas para camiñantes e ciclistas, zonas de descanso, lecer e deportes, áreas de educación ambiental, carrís-bic, etc. A gran cantidade de solo vacante arredor desta avenida permite formularse iniciativas de ordenación urbana que dean coherencia aos tecidos inconexos existentes na actualidade. Os elementos vinculados ao Campus da Saúde serán un dos principais soportes do Clúster Sanitario da Coruña.
  7. Estratexia do Porto Urbano. Formúlase unha oportunidade única para transformar os espazos ocupados polo porto en espazos singulares de encontro da cidade co mar que poden transformar a economía da cidade, o seu atractivo para a cidadanía e para os/as turistas que nos visitan e así proxectar unha valiosa imaxe da cidade. Aquí deben ter cabida espazos de lecer e paseo xunto ao mar, restaurantes e hoteis, centros formativos, incubadoras de empresas e centros de investigación, espazos destinados a acoller actividades empresariais e de I+D de alto valor engadido e usos residenciais nun espazo moi coidado desde o punto de vista paisaxístico, sendo un ámbito atractivo para as iniciativas na nova economía.
  8. Estratexia Verde e Azul. Coruña Verde e Azul formula unha estratexia ambiental como elemento de articulación metropolitana e de revalorización da oferta territorial do conxunto de Coruña Futura. Este programa formula a mellora ambiental e paisaxística do territorio, o fortalecemento dos núcleos existentes, a creación dunha malla verde branda do territorio e unha rede para peóns e bicicletas, conexións marítimas, recuperación das paisaxes rurais e a integración do litoral metropolitano mediante unha Senda do Mar que percorra toda a costa.
  9. Estratexia da Avenida da Innovación. A Avenida da Innovación é unha iniciativa de recualificación deste eixo urbano nos seus aspectos visuais, funcionais e de reorganización da mobilidade rodada e peonil. Preténdese mellorar a calidade do espazo urbano, recuperar rúas e prazas para o peón, dinamizar novas actividades, introducir máis vexetación no espazo público e racionalizar a relación entre os diferentes modos de mobilidade. Esta avenida central ten o maior potencial para acoller actividades innovadoras, espazos de fusión, lugares de interacción urbana máxima. Conectará o Distrito da Creatividade situado no centro histórico da cidade, o Porto Urbano, o intercambiador intermodal metropolitano e a futura Cidade do Coñecemento que se formula arredor dos campus universitarios do sur da cidade, o Parque Ofimático e os espazos da súa contorna que conformarán o Distrito Dixital e a Fábrica da Innovación na localización da actual fábrica de armas.

Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS)

É un documento elaborado coa participación cidadá que ten como obxectivo lograr unha mobilidade máis sostible, e para garantir que o transporte se axuste ás necesidades económicas, sociais e ambientais das persoas.

O PMUS é unha "ferramenta" para conseguir unha serie de obxectivos, como mellorar a seguridade viaria, a accesibilidade, os servizos de transporte público..., fomentando modos de transporte máis sostibles, controlando os crecentes volumes de tráfico e buscando a mellora da calidade de vida das persoas.

+ INFORMACIÓN

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña.
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña.
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?