Concello da Coruña

Concello da Coruña

O PSOE cre que por falta de ética e estética alguén en Marea Atlántica ten que asumir responsabilidades polo plan de vivenda

O edil socialista José Manuel Dapena denuncia o trilerismo co que o alcalde quere blindar a compra dunha vivenda a un asinante da Marea

O edil socialista José Manuel Dapena puxo de manifesto a falta de ética e de estética de Marea Atlántica á vista do ocorrido co plan de vivenda. Fallou a ética pola ausencia de transparencia no proceso, polos erros e irregularidades detectados, e fallou a estética polas manobras que seguiu o goberno local para intentar blindar a compra dun dos pisos do asinante da Marea a pesar das irregularidades. Esta falta de ética e de estética obriga a que alguén asuma as responsabilidades, ben o edil de Urbanismo, Xiao Varela, ben o de Contratación, Alberto Lema, ou ben o alcalde, Xulio Ferreiro.

Marea Atlántica quitouse definitivamente a careta no tema da adquisición dos pisos polo asinante do seu manifesto. Xulio Ferreiro e os seus concelleiros erixíronse en firmes defensores do seu colega, cuxa compravenda pretenden blindar, a pesar das máis que aparentes irregularidades que se proxectan sobre a xestación e a formalización dese contrato. O acordo levado hoxe por Xulio Ferreiro á Xunta de Goberno Local é un exemplo de trilerismo. Con aparencia de transparencia e de cumprimento dos mandatos do pleno encóbrese unha manobra de blindaxe e favorecemento ao vendedor afín á Marea, explicou José Manuel Dapena.

Facendo abandono de funcións (unha intolerable e inadmisible abandono das súas funcións, que son a defensa dos intereses xurídicos dos/as coruñeses/as), o alcalde converte a asesoría xurídica municipal no servizo de defensa do asinante da Marea. O acordo levado á Xunta de Goberno Local non acompaña un informe xurídico que se faga eco e recolla o posicionamento maioritario do pleno expresado no acordo votado polo BNG, o PSOE e o PP o pasado 11 de abril no pleno extraordinario convocado polo secretario municipal, para debater as adquisicións dos pisos polo asinante da Marea Atlántica.

Ata este momento o PSOE non incidira en ningún momento, en ningunha das súas intervencións, na condición do vendedor, nas súas afinidades políticas, porque entendemos que calquera persoa ten dereito a contratar co Concello en condicións de igualdade e sen discriminación por razóns ideolóxicas. Pero a igualdade e non discriminación en sentido negativo non pode conducir ao favorecemento positivo, ao amiguismo, ao enchufismo ou ao colegueo. Dous pisos que terían que ser excluídos da lista de admitidos cómpranse en tempo récord. Ningún control, ningunha supervisión, ningunha comprobación previa á compra. Actuouse con absoluta lixeireza, a todo meter, a fume de carozo, concluíu o edil socialista.

Os socialistas entendemos que debía haber unha esixencia de particular celo e dilixencia polo coñecemento do comprador, algo que non ocorreu. E atopámonos cun informe xurídico de parte, que non aborda importantes irregularidades: falta de publicación, non esperar ao prazo do mes para interpoñer recurso de reposición....

Feitos facilmente perceptibles: medidas, ventás, local-oficina... Unha chapuza de expediente para favorecer a un amigo. Unha chapuza do procedemento de revisión e de elevación ao Consello Consultivo para favorecer o amigo e blindar ese contrato. O alcalde, que segue sen contestar as preguntas que lle expoñemos no pleno, puido escudarse nos concelleiros intervenientes ata agora, pero agora asina en primeira persoa, polo que as responsabilidades políticas xa non serán indirectas, senón directas, concluíu José Manuel Dapena.

PSdeG PSOE

Datos de contacto

Enderezo: praza de María Pita, 1. 15001. A Coruña

Teléfono: 981 184 260

Correo electrónico: grupo.municipal.socialista@coruna.es

Propostas e opinións

resultados 73

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión