Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de abril de 2018

O alcalde reivindica, nun encontro cos rexedores da comarca e o presidente da Deputación, as necesidades de mellora de “infraestruturas viarias clave á hora de favorecer a construción da Área Metropolitana”

O rexedor coruñés, que salientou a disposición do ente provincial na conformación da futura área, recorda que “aínda non hai resposta por parte da Xunta de Galicia” sobre a xuntanza solicitada pola Mesa de Alcaldes e Alcaldesa para abordar as necesidades en materia de infraestruturas. Ferreiro trasladou ao presidende do ente provincial as necesidades que presentan “seis vías que cumplen un papel fundamental na conexión de áreas fóra do casco urbano”.

O alcalde, Xulio Ferreiro, participou esta mañá nunha xuntanza cos alcaldes e alcaldesa dos concellos da contorna da cidade para abordar actuacións que reclama a veciñanza sobre as infraestruturas viarias da administración provincial no termo municipal co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, así como tamén o proceso de construción da área metropolitana. "O presidente da Deputación sempre se amosou disposto á constitución da área metropolitana e hoxe falamos dos traballos previos, preparatorios e estudos necesarios para ir construíndo a área, sexa esa unha lei da área metropolitana ou sexan os pasos intermedios que haxa que dar ata que a lei estea redactada", indicou Ferreiro. Este encontro forma parte dunha serie de contactos solicitados pola Mesa de Alcaldes e Alcaldesa da comarca para a análise "de infraestruturas viarias clave a hora de favorecer a construción da Área Metropolitana", e nos que tamén se inclúe á Xunta de Galicia e para "o que non temos aínda data".

A xuntanza transcorreu en torno ás infraestruturas de comunicación e serviu para facer unha análise das necesidades "e falar dos asuntos concretos" que detectaron os gobernos locais sobre a rede viaria que depende da Deputación. "O que vemos en moitos concellos é que hai estradas de titularidade da Deputación que, polo cambio no comportamento viario, polas novas infraestruturas e tamén pola ausencia delas, están cumprindo unha función que non estaban chamadas a cumprir, e por tanto hai necesidade de adaptarnos a esas realidades", explicou Ferreiro. O rexedor avanzou tamén que o carril bici metropolitano ten as obras adxudicadas "na parte que discorre pola Coruña e as actuacións comenzarán nos próximos días", unha vez se completen os traballos previos que xa se están acometendo. Esta vía, pensada para favorecer a mobilidade sostible tamén dende un punto de vista metropolitano, está previsto, como se indicou dende a Deputación, que teña continuidade ata os concellos de Betanzos e Carral, de maneira que articule dúas vías para o tránsito de bicicletas.

Ao fío, e preguntados polos medios sobre unha posible ampliación dos concellos que conformarán a Área Metropolitana, Ferreiro apuntou que esa cuestión xa está trasladada, por parte do Pleno da Coruña, á Mesa de Alcaldes e Alcaldesa,  para que valore "a conveniencia ou non de ampliar o ámbito xeográfico desa rede de transporte metropolitano, incluíndo outros concellos entre os que estaría Laracha, Carballo ou, por exemplo, Cerceda". Así, Ferreiro indicou que "non se pode deseñar unha área metropolitana sen ter en conta o territorio e o que significan esos concellos", que "terán que estar presentes" na discusión de proxectos relacionadas con solo industrial, comunicacións ou mobilidade. Un cuestión que, dixo, "se discutirá na Mesa de Alcaldes e Alcaldesa".

Melloras en seis vías provinciais

O alcalde trasladou as necesidades concretas de seis vías da Deputación que discorren polo municipio e que, a pesar de non tratarse de estradas cunha gran carga de tráfico, si cumpren un papel fundamental de conectividade en áreas fóra do casco urbano. Así, Ferreiro incidou na situación das vías DP-0512 entre o Birloque e Uxes, en Arteixo, e da DP-3004 que une Someso co Martinete, nas que o Goberno local considera necesario dar espazo e facilitar o tránsito peonil e reducir a velocidade á que circulan os vehículos ao seu paso polos núcleos de poboación. No primeiro caso, a DP-0512 atravesa Feáns, onde a veciñanza reclama pasos peonís, a mellora da seguridade no cruce entre esta vía e a rúa Obradoiro e a redución da velocidade máxima para facilitar os movementos a pé. No tramo entre a rotonda de Pocomaco e o Birloque, incluíuse tamén a ausencia de beirarrúas e dificultades na accesibilidade para a veciñanza, así como a velocidade e a densidade de tráfico, complicada polo paso de vehículos pesados neste tramo, que conecta o polígono da Grela con Pocomaco. Ferreiro trasladou tamén ao presidente do ente provincial a situación da vía DP-3004 na que, ademais de reducir a velocidade, sería conveniente incluír un espazo para outro tipo de mobilidade, máis sostible, como as bicicletas. Sobre a estrada provincial entre a avenida da Vedra e a Zapateira, a DP-3006, o rexedor explicou o problema que supón para o tráfico, nas horas de entrada e saída dos colexios instalados nesa área, a ausencia de espazos de aparcamento na vía, algo que podería solucionarse cunha ampliación da estrada neste tramo que inclúa prazas de estacionamento. Nos casos das vías DP-3002, entre a avenida de Fisterra e Bens, a DP-3003 entre Mazaído e San Pedro de Visma e a DP-3005 entre a Vedra e Castro de Elviña o alcalde pediu que se ralentice a velocidade de paso dos vehículos e se melloren os elementos de seguridade vial.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión