Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de maio de 2018

O Concello acorda coa veciñanza de Palavea as melloras de accesibilidade e seguridade que se están a acometer no barrio

“Con disposición por todas as partes e co traballo común realizado, hoxe temos un consenso que permitirá dotar de beirarrúas esta zona da cidade e acabar cunha débeda histórica”, salienta o concelleiro Xiao Varela, tras reunirse con representantes da veciñanza e o comercio

O concelleiro de Rexeneración urbana e Dereito a Vivenda, Xiao Varela, mantivo este mércores á mañá unha xuntanza con representantes da veciñanza e o tecido comercial de Palavea (onde o Concello está a executar obras para dotar ao barrio de beirarrúas e mellorar deste xeito as condicións de seguridade e accesibilidade) para consensuar o avance dos traballos municipais, ante as melloras reclamadas por unha parte dos e das residentes, en varios puntos da parte baixa do núcleo. "Estamos moi satisfeitos de que, con disposición por todas as partes e con traballo de posta en común, teñamos hoxe un consenso sobre unha actuación que é moi necesaria para dotar a este barrio das condicións de seguridade e accesibilidade universal que merece a súa veciñanza, e que nunca foran contempladas", valorou o responsable municipal ao remate do encontro.

Tal e como indicou Varela, a xuntanza de hoxe responde ao traballo conxunto que se está a facer co barrio desde o Concello, que xa a semana pasada mantivo unha primeira reunión coa entidade veciñal do barrio, que leva anos reclamando esta intervención para acabar cunha débeda histórica con Palavea. Neste caso, acudiron, ademais, a representante das persoas que recolleron unha serie de sinaturas para pedir modificacións no proxecto, así como unha representación de comerciantes afectados pola actuación.

O Concello realiza nestes momentos traballos na parte alta do barrio, para introducir a canalización das redes de servizos, que continuarán nos próximos días coa execución dos firmes. Tal e como se consensuou na reunión de hoxe con todas as partes, os traballos na zona baixa de Palavea Vella, os seguintes a acometer, recollerán as reivindicacións dalgunhas das persoas residentes, que reclamaban rebaixar os ángulos de dúas das beirarrúas para evitar ocasionar problemas aos vehículos. Do mesmo xeito, introduciranse dúas prazas de estacionamento nun dos puntos -a través da redución dunha das beirarrúas en curva, mantendo, en todo caso, as medidas mínimas que marca a normativa- e tamén se manterá, a petición dun sector do barrio, as dimensións dunha beirarrúa privada onde se atopan varios locais comerciais, á que se lle renovará o asfaltado e na que se introducirá unha zona de carga e descarga en apoio deste locais.

Tal e como sinala o concelleiro, o Concello queda agora á espera de recibir, de parte da entidade veciñal de Palavea, os acordos por escrito, de cara a oficializar as actuacións consensuadas. Tamén, o responsable de Rexeneración Urbana comprometeuse coa veciñanza a revisar a sinalización horizontal nestas rúas, para marcar prazas de estacionamento e aceptou estudar a posibilidade de elevar un dos pasos peonís, en caso de que así o entendan necesario as veciñas e veciños. "Se hai consenso no barrio, farase", manifestou.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión