Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de setembro de 2019

O Concello aposta por incrementar o investimento público en infraestruturas necesarias para a cidade

A alcaldesa, Inés Rey, e o edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, confían en que o Goberno local poida sacar adiante uns orzamentos claramente investidores e ter así maior capacidade de execución. Villoslada asegura que se reforzaron os equipos que traballan na tramitación de licenzas urbanísticas para axilizar o prazo de concesión que sofre un “certo atraso”.

O Goberno local aposta por incrementar o investimento público en grandes infraestruturas para a cidade. O edil de Urbanismo e Infraestruturas, Juan Díaz Villoslada, asegura que o Concello aposta por "unha gran reactivación, por unha banda, da capacidade de investimento que ten o Concello en infraestrutura pública e, por outra, na capacidade que teñen a iniciativa pública e privada á hora de levar adiante desenvolvementos urbanísticos dentro do plan xeral con todas as garantías". Dous alicerces, aclara, fundamentais.  

Con todo, lembra que moitas das grandes obras públicas pendentes na cidade, como a estación intermodal, necesitan da colaboración de distintas administracións e do seu compromiso coa cidade. "Algo que non debe servir de escusa para que o Concello faga o seu traballo", sinalou.  

Para iso, o Goberno local, di, debe tratar de "sacar adiante, co apoio de todos os grupos políticos, uns orzamentos claramente investidores e ter unha capacidade de execución importante", porque "os números non deben quedar no papel". 

No ámbito das actuacións nas que colaboran distintas administracións, Villoslada confirmou que o Concello está "á espera de que o Ministerio de Fomento ultime os proxectos de ampliación de Alfonso Molina, e asegura que Adif xa está a traballar na licitación da parte que lle corresponde na remodelación ferroviaria de San Cristovo".

Tamén anunciou que o departamento de Urbanismo está a reforzar os equipos de traballo para axilizar a xestión do trámite de licenzas tanto de grandes obras como de pequenas "que se atopaban nun estado de atraso". E outro aspecto no que se debe traballar, explicou, é en mellorar a capacidade do departamento de planeamento para levar a cabo moitas modificacións que teñen que saír adiante.  

Juan Díaz Villoslada fixo estas declaracións momentos antes da reunión que mantivo xunto coa alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Asociación Provincial da Construción da Coruña, Apecco, Diego Vázquez Reino, para fixar a folla de ruta e as liñas de actuación que garantan un diálogo fluído entre o Goberno local e a entidade. A reunión enmárcase na rolda de contactos que a alcaldesa mantén desde que chegou a María Pita con todas as institucións e entidades da cidade.  

Inés Rey, que coincide co presidente de Apecco no diagnose de parálise que vive a cidade en materia urbanística, asegurou que o Goberno local traballa para que A Coruña volva ser o motor económico de Galicia. "A legalidade non está rifada coa axilidade administrativa, coa dinamización económica e con darlle un impulso á actividade económica da cidade", sinalou. Un impulso, dixo, que pasa pola dilixencia para executar os orzamentos e os investimentos con totais garantías para a Administración e o resto de sectores.

O presidente de Apecco, que amosou a súa satisfacción pola aposta do Goberno local de axilizar os trámites para a obtención de licenzas urbanísticas, pediu tamén que se acelere a licitación de obra pública e que se adxudique conforme á Lei de contratos do sector público en base á mellor relación calidade-prezo. 

Diego Vázquez Reino, que estaba acompañado da nova directiva, agradeceulles á alcaldesa e ao edil de Urbanismo a súa actitude colaboradora e dialogante ante a situación que vive o sector da construción. 

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión