Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de xullo de 2018

O Concello soterrará a liña eléctrica na confluencia entre rúa Vizcaya e avenida do Mallos para mellorar a accesibilidade peonil

O edil de Rexeneración Urbana indica que o Goberno local está a traballar na progresiva eliminación do cableado aéreo na cidade, un tipo de actuacións que se incluirán en todas as obras que se realicen na revitalización da Cidade Vella

O Goberno local, a través da Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, levará a cabo o soterramento das liñas eléctricas situadas na rúa Vizcaya con avenida dos Mallos nunha actuación para a mellorar a accesibilidade da veciñanza e que comezará a mediados de xullo. "Temos na cidade bastantes exemplos de postes eléctricos que se colocaron, hai décadas, de maneira provisional e que aí seguen, en moitos casos entorpecendo o tránsito peonil, incumprindo a normativa de accesibilidade das beirarrúas e sendo un elemento discordante da nosa paisaxe urbana", explica o edil de Rexeneración Urbana, Xiao Varela. Por iso, o Concello vén traballando na súa eliminación mediante actuacións de canalización dos cables como a que se vai realizar na rúa Vizcaya na súa confluencia coa avenida dos Mallos. En concreto, retiraranse dous postes e se executarán canalizacións para soterrar os cables do alumeado municipal, as telecomunicacións e a electricidade, así como as arquetas precisas.

Como explica o concelleiro, o poste da avenida dos Mallos está situado xusto enriba do vao do paso peonil "o que imposibilita a accesibilidade, entorpece o tránsito dos veciños e das veciñas e corta a continuidade dunha rúa principal no barrio, xa que vertebra a parte alta do mesmo e comunica a rolda de Nelle e a de Outeiro".  Así, a planificación das obras, que teñen un prazo de execución de dous meses e un custe de 43.439 euros, comprende tamén a reposición da beirarrúa, na que se crearán orellas de protección para ampliar o espazo peonil, e da calzada.

"Fixemos un traballo de identificación destes puntos onde hai cableado aéreo e estamos executando obras de adecuación á normativa de accesibilidade, como a que xa realizamos na avenida de Arteixo, coa eliminación do poste á altura do número 45; como está a facerse coa liña de media tensión que cruza o Castro de Elviña ou se fixo co convenio que asinamos con operadoras de telecomunicacións para soterrar as súas liñas en 130 puntos da cidade", indica Varela, que considera que estas situacións responden a "outro tempo onde non había a sensibilidade que temos hoxe en día na concepción do espazo urbano e tamén da súa imaxe". Así, o concelleiro adiantou que cada obra prevista na Cidade Vella, unha zona con especial valor patrimonial e histórico, contempla  a retirada do cableado.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión