Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de setembro de 2016

O Concello asina un convenio coa Universidade "polo que colaborará no financiamento e mellora das infraestruturas viarias e peonís dos campus de Elviña e Riazor"

O Goberno local reservou nos Orzamentos de 2016 120.000 euros, que serán xestionados pola UDC. Representantes de ambas institucións crearán unha comisión de seguimento onde se analizarán as actuacións a desenvolver “en espazos usados a diario pola cidadanía, e non unicamente pola comunidade educativa”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinou na mañá deste mércores no pazo de María Pita un convenio co reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, que garante a colaboración do Concello na mellora das infraestruturas viarias e os espazos urbanos peonís dos campus universitarios de Riazor, Elviña e a Zapateira, a través dun investimento que este ano alcanzará os 120.000 euros. Esta cantidade destinarase, segundo se recolle no acordo subscrito, a financiar "melloras, reposición e accesibilidade" destas infraestruturas, que sufren o deterioro derivado, no caso dos viais, do incremento da intensidade de tráfico que soporta o campus pola construción doutras infraestuturas de carácter xeral, como son a Terceira Rolda e a AC-14, e polo uso peonil dos espazos abertos, todos eles empregados a diario pola cidadanía, e non unicamente pola comunidade universitaria. "Estas actuacións non só beneficiarán á comunidade universitaria, senón a toda a cidadanía en xeral", comentou o primeiro edil.

Tal e como consta no documento, a construción nos últimos anos de novos viais como son a Terceira Rolda e a AC-14 e os seus enlaces cos campus universitarios modificou as rutas habituais de moitas persoas residentes nos barrios periféricos da súa contorna, o que supuxo "un incremento significativo do uso dos viais universitarios". Do mesmo xeito, en Riazor, a retirada do peche perimetral de varias parcelas para abrir ao uso público os espazos verdes existentes, cuxo principal destino é a veciñanza da zona.

Con este obxecto, o Goberno municipal reservou nos Orzamentos de 2016 unha partida de 120.000 euros. Este financiamento terá carácter de subvención específica e estará destinado a executar as obras incluídas nos proxectos que se elaboren no obxecto deste convenio. As achegas municipais realizaranse para cada certificación até cubrir o importe da aportación pactada.

Pola súa banda, a Universidade da Coruña comprométese a aportar a cantidade necesaria, se fose necesario, a maiores da achega municipal, para levar a cabo as licitacións pertinentes. A UDC levará a cabo tamén as actuacións necesarias "sempre conforme aos canais legais establecidos para a elaboración e aprobación dos proxectos, licitación e adxudicación". "Todas as infraestruturas e todas as obras realizadas nos espazos urbanos peonís ao amparo deste convenio seguirán sendo destinadas ao uso público xeral", destacou o rexedor.

Concello e UDC acordaron tamén crear unha comisión mixta paritaria que será a encargada de realizar un seguimento da realización e interpretación do convenio. Este órgano estará conformado por unha representación municipal na que, entre outras persoas, estará presente o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela. Por parte da Universidade figurarán o xerente, o vicerreitor de Infraestruturas e o secretario xeral.

 

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión