Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de novembro de 2016

O Concello intervén de urxencia e limita a circulación do tráfico en Catro Camiños tras a rotura dos muros e bóveda da canalización do Rego dos Xudeus

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, salienta que “o problema foi detectado antes que se producisen incidentes grazas ao traballo do persoal municipal”. O Goberno local recomenda evitar o nodo situado entre Catro Camiños, Concepción Arenal e Fernández Latorre

A Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda iniciou esta tarde unha actuación, con carácter de urxencia, no subsolo de Catro Camiños. O concelleiro Xiao Varela sinala que, nunha inspección rutinaria do servizo, o persoal municipal detectou a rotura dos muros e a bóveda da canalización do Rego dos Xudeus, "un antigo arroio que foi soterrado progresivamente ao longo do século pasado e que discorría desde Vioño polos Mallos e San Pedro de Mezonzo, para desembocar na enseada da Palloza". A zona afectada pola crebadura, situada no ámbito confluencia das rúas Fernández Latorre e Doutor Enrique Hervada, na praza de Catro Camiños, foi valada esta mañá polo Goberno local "para garantir a seguridade da veciñanza e do tráfico rodado", subliña Varela, "antes de iniciar a intervención". "O problema foi detectado antes de que producisen accidentes, grazas ás inspeccións rutineiras das infraestruturas municipais que transcorren polo subsolo", explica o edil. "Incidencias deste tipo salientan a relevancia dos traballos de inspección, conservación e mantemento dos servizos urbanos para o normal funcionamento da cidade así como a prevención de situacións de risco para a cidadanía", di Varela, "unha labor que é posible cunha aposta orzamentaria decidida pola conservación e mellora das infraestruturas en funcionamento".  

Segundo informa o responsable municipal, a rotura desta canalización supuxo que a auga do arroio do Rego dos Xudeus "fose lavando e arrastrando os áridos que cubrían a galería da canalización, ata producir unha caverna interior de considerable tamaño", que alcanza as canalizacións máis superficiais e mesmo a sub-base da calzada.

Así, tras a instalación dun perímetro de seguridade por medio dun valado, os servizos municipais procederon á perforación da mesma. "A obra de urxencia consistirá na escavación ata a base da canalización do río, que se atopa a unha profundidade de catro metros baixo a superficie, e que presenta a dificultade técnica de salvar un pozo de saneamento e varias canalizacións horizontais de subministro de auga e telecomunicacións. Acadada a cota do río, procederase á retirada e reconstrución do treito danado, mediante pezas prefabricadas de formigón, de sección equivalente á existente", afirma o titular de Rexeneración Urbana.

A intervención na calzada así como a instalación desde perímetro de seguridade supón o corte de parte dos carrís de Fernández Latorre en sentido Catro Camiños -así como o do interior da glorieta--. Das tres vías que acometen neste espazo, manterase a circulación na situada á dereita e de xiro obrigatorio cara Doutor Enrique Hervada, mentres que os dous restantes quedan operativamente reducidos a un na entrada á fonte. Tamén haberá restriccións no principio de Enrique Hervada, na que se limitará a a circulación nos carrís esquerdo e central, sen afectar o paso dos vehículos polo dereito --que transcorre máis próximo aos inmobles--.

O Goberno local aconsella evitar, na medida do posible, o nudo situado entre Catro Camiños, Concepción Arenal e avenida Fernández Latorre, e recomenda circular por vías alternativas, como avenida do Exército, Ramón y Cajal, Alcalde Perez Ardá, Marqués de Amboage e Caballeros.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión