Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de decembro de 2018

O goberno local dá luz verde ao proxecto de renovación da intersección entre Ramón y Cajal e a avenida do Exército, que contará cunha glorieta que aumentará a fluidez do tráfico e contribuirá a vertebrar a rede de carril bici en execución

Con orzamento previsto de máis de 542.000 euros e un prazo de execución de seis meses, a actuación dará continuidade a outro proxecto xa en licitación: o que suporá a creación doutra glorieta na intersección entre Ramón y Cajal e Pérez Ardá

A Xunta de goberno local aprobou este venres o proxecto de reforma da intersección da rúa Ramón y Cajal coa avenida do Exército, que conta cun orzamento reservado de algo máis de 542.000 euros e un prazo de execución de 6 meses. Segundo destacou o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, trátase dunha actuación de gran envergadura xa que abrangue un área de máis de 5.300 metros cadrados, correspondentes ás calzadas e beirarrúas desta intersección e das súas acometidas. A actuación favorecerá a accesibilidade da zona, aumentará de forma notable a fluidez do tráfico rodado e incorporará as formas de mobilidade sostibles (tanto peonil como en bicicleta) de forma segura. "Todo isto será posible ao pasar de ter un nó circulatorio a unha glorieta semaforizada nos pasos de peóns", comentou o responsable municipal. "A solución deseñada é moito máis acorde, ademais, coas actuais condicións de confluencia e distribución do tráfico no actual cruce", engadiu, á vez que recordou que esta actuación da continuidade ao outro proxecto que ten en marcha o goberno local, que consiste na remodelación dos cruces das rúas Salgado Torres, Ramón y Cajal e Alcalde Pérez Ardá.

"A actuación que hoxe presentamos está comprendida dentro da intervención global que estamos a acometer en todo o entorno de Ramón y Cajal. Tanto esta obra como a do outro polo da rúa, a de Pérez Ardá e Salgado Torres, teñen como principal obxectivo, non só mellorar a fluidez do tráfico e a mobilidade rodada da cidade, senón vertebrar a rede de carril bici que estamos a construír na cidade, e dar continuidade aos distintos tramos xa rematados e en obra", explicou, para recordar que este proxecto contará cunha importante achega económica por parte da Deputación provincial da Coruña.

En canto á obra prevista coa construción da glorieta entre Ramón y Cajal e Pérez Ardá, o edil recordou que se trata, tamén, doutra intervención moi destacable que se atopa xa en fase de licitación e que conta cun orzamento, neste caso, próximo aos 700.000 euros. Neste caso, e segundo comentou o edil Varela en rolda de prensa, as obras poderían comezar contra o primeiro trimestre do ano. "Esta actuación tamén suporá a creación dunha glorieta, neste caso entre Ramón y Cajal e Pérez Ardá, que, do mesmo xeito que o proxecto que hoxe presentamos, incrementará a fluidez nun cruce cunha gran intensidade de tráfico, introducirá pasos peonís semaforizados nas rutas naturais de tránsito e conectará os distintos tramos de carril bici que o goberno local está a acometer neste mandato", sinalou.

No marco dunha rolda de prensa, o concelleiro Varela insistiu en que o proxecto aprobado, a glorieta entre Ramón y Cajal e a avenida do Exército, será, ademais, o primeiro punto de conexión dos carrís bici que transcorren ate Matogrande, agora mesmo en execución, e até o Campus de Elviña, así como co carril bici metropolitano, no tramo entre a Mariña e a Pasaxe (tamén en construción).

O proxecto comprende a renovación do pavimento existente. A calzada propia da bicicleta, que estará segregada, construirase cunha base de formigón armado (o mesmo material co que se delimitarán os seus laterais). Pola súa banda, a illa da glorieta terá un radio de 10 metros ao que se lle sumará un anel exterior rebasable de 1,5 metros. O anel da calzada constará de dous carrís de 4 metros, ampliándose o exterior até os seus nas incorporacións e saídas. A actuación tamén comprenderá a renovación das beirarrúas existentes, con baldosas e bordos de granito.

En paralelo a este anuncio, o concelleiro de Rexeneración Urbana tamén deu conta, no marco da Xunta de goberno local celebrada este venres, das licenzas e outros títulos menores a 1,2 millóns de euros tramitados polo seu departamento nos últimos 15 días. Así, entre o 27 de novembro e o 10 de decembro resolvéronse 148 títulos habilitantes, entre os que destacan 16 licenzas urbanísticas, 67 comunicacións previas ao inicio de obras, 42 comunicacións previas ao inicio de obras e 17 actividades en réxime de declaración responsable.

Mantemento de cemiterios

Noutra orde de asuntos, a reunión do executivo municipal deste venres tamén deu luz verde á adxudicación do contrato que rexe os traballos de mantemento nos cemiterios municipais por valor de 126.000 euros anuais, sendo a duración do mesmo de tres anos prorrogables até un máximo de cinco. Trátase dun contrato pioneiro xa que, tal e como advertiu a concelleira de Medio Ambiente, María Garcia, "até o de agora non existía ningún contrato deste tipo". "Como xa ocorreu con anterioridade nese Concello, sen ir máis lonxe, co mantemento do estadio de Riazor, é este goberno o que ten que sacar a licitación e adxudicar un contrato para garantir un servizo estable de mantemento dos cemiterios da cidade: San Amaro, Feáns e Oza", comentou a responsable municipal, que recordou que esta actuación entronca, ademais, co traballo que está a desenvolver o goberno local para poñer en valor o cemiterio de San Amaro, co cumprimento dun plan director, "que introducirá moitas máis medidas de mellora e protección". "Esperamos poder acometer unha serie de actuacións de mellora neste espazo singular en breve, no que, ademais, desenvolvemos dende o pasado ano un necesario traballo de catalogación de bens culturais, de forma que poidamos aplicar a protección necesaria a un espazo moi importante para moitas persoas da cidade e que, ademais, está dentro da rede europea de Cemiterios Singulares", apuntou.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión