Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de xaneiro de 2017

O Goberno local iniciará este luns as obras de restauración da escultura de Daniel Carballo "para poñer en valor o patrimonio histórico e artístico da cidade"

A intervención sobre a obra dedicada ao político coruñés, na que se investirán 40.600,73 euros, realizarase en dúas fases

O Goberno local iniciará este luns, 16 de xaneiro, as tarefas de restauración do monumento dedicado ao político coruñés Daniel Carballo, situado nos Xardíns de Méndez Núñez, coa finalidade de emendar o proceso de degradación natural que veu sufrindo a peza nos últimos anos. A intervención, na que o Concello investirá 40.600,73 euros, realizarase en dúas fases durante dez días. O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito a Vivenda, Xiao Varela, sinala que esta actuación é unha aposta "pola recuperación do patrimonio histórico e artístico da cidade". "Para este Goberno, a posta en valor do patrimonio é unha prioridade fundamental, como vén amosando nos últimos meses con distintas intervencións puntuais", asevera o concelleiro, ao lembrar que, no último ano, o Goberno local tamén procedeu á restauración do monumento dedicado a Concepción Arenal. "Protexer os bens comúns e recuperar a memoria da cidade para devolverlla á veciñanza é unha cuestión de vontade política", afirma, "e neste caso, estamos a falar, ademais dunha obra realizada por dous autores significativos do patrimonio local".

O monumento a Carballo, inaugurado no ano 1896, consta dunha estatua de metal, realizada polo escultor Agustín Querol --autor da peza en homenaxe a Linares Rivas de 1906--, e dun pedestal pétreo deseñado polo arquitecto local Pedro Mariño, responsable  do Pazo de María Pita. O material empregado na construción dos corpos medio e superior desta base foi a pedra arenisca de Novelda, moi valorada a finais do século XIX pola finura dos detalles que permitía esculpir e a nitidez coa que era visible o resultado grazas á claridade do seu ton, pero que non presentaba unha resistencia necesaria para a durabilidade da climatoloxía do noroeste peninsular, o que provocou que hoxe presente unha acusada meteorización na súa superficie e a perda dos detalles máis finos do cicel.

As obras, que terán unha duración aproximada de dez días e se desenvolverán en dúas fases, contarán coa participación de catro profesionais da restauración e unha da topografía. Este equipo porá en marcha un protocolo de actuacións semellante ao que se executou o ano pasado sobre o monumento de Concepción Arenal. Así, a primeira fase, que se iniciará este luns, será a de restauración, consolidación e limpeza, na que se procederá a limpar a escultura de metal e o soporte pétreo da mesma coa finalidade de eliminar as acumulacións de refugallos para, posteriormente, proceder coa consolidación e restauración daqueles elementos que poderían desprenderse, en particular da fenda existente nas esquinas superiores da base de pedra da escultura do político coruñés. Unha vez rematada esta  fase da intervención, o persoal técnico elaborará un mapa de actuacións e patoloxías da peza, que permitirá que os futuros traballos de mantemento ou actuacións de consolidación e restauración sobre a mesma sexan máis eficaces.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión