Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de outubro de 2016

O Goberno local renova o firme de Salvador de Madariaga para mellorar a comodidade do tránsito peonil e avanza a creación dunha vía accesible que unirá o paseo coa rúa Camilo José Cela, "unha demanda histórica do barrio"

O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, sinala a relevancia da intervención “que busca a adaptación do espazo público para todas as persoas”, nun “importante eixe de accesibilidade” para a primeira fase do Polígono de Elviña e o Barrio das Flores

O Goberno local vén de finalizar as obras de renovación íntegra da área peonil da avenida de Salvador de Madariaga, un paseo de 300 metros de percorrido que conecta os centros escolares da primeira fase do Polígono de Elviña. O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, sinala que esta actuación "incide na liña posta en marcha por este Goberno de mellorar a accesibilidade e a mobilidade peonil nas vías públicas". A intervención consistiu no fresado do asfalto existente e o vertido dun novo rego de árido máis fino que o das calzadas, "pensando na comodidade do tráfico peonil", afirma Varela. "A substancial mellora do firme fai confortable o seu uso a colectivos con diversidade funcional ou calquera outro desprazamento con carriño", explica o edil, "que ata agora estaban cada vez máis excluídos do emprego habitual deste percorrido polo mantemento deficiente ao que estivo sometido por anteriores corporacións".

O responsable municipal salienta que esta avenida "constitúe un dos máis longos paseos peonís baixo árbores e sen interrupcións do tráfico rodado que existen na cidade", á vez que destaca "a elevada calidade ambiental" da senda, "moi empregada a diario pola concentración de centros educativos que une no seu percorrido". Neste sentido, o titular da área de Rexeneración Urbana avanza que para o Goberno local "esta non é unha actuación illada", senón que proxecta darlle continuidade á intervención na avenida Salvador de Madariaga, "un importante eixe de accesibilidade", de cara o ano que vén.

Así, "co firme propósito de continuar realizando pequenas intervencións que respondan a demandas históricas da veciñanza", sinala o concelleiro, o Goberno local fará accesible un dos pasos escalonados situados entre o paseo peonil e a rúa Camilo José Cela. "A creación dunha conexión pública accesible entre ambas vías é unha petición de longo percorrido por parte tanto das veciñas e veciños do Barrio das Flores como de diversos colectivos", expón Varela.  Esta vía, situada xunto as rúas Pablo Neruda e Miguel Hernández, conta con catro tramos de escaleiras que comunican Camilo Jose Cela coa primeira fase do polígono de Elviña, "o que imposibilita o seu uso para unha parte da veciñanza, que se atopa illada", explica o edil. "Ata agora as únicas opcións posibles pasan por desprazarse ou ben ata o cruzamento de Salvador de Madariga coa avenida de Monelos, ou ata o cruzamento a altura do Club Financeiro, coa incomodidade que pode supoñer para algúns colectivos", incide. A obra prevista por Rexeneración Urbana consistirá na adaptación das actuais escaleiras para que resulten accesibles sen necesidade de medios mecánicos, empregando para iso os 70 metros de lonxitude que ten o paso "ademais de outras adaptacións previstas na zona", afirma.

O concelleiro sinala que unha das prioridades da súa área é atender á renovación de áreas peonís seguindo criterios de accesibilidade e deseño universal, "coa finalidade de que o espazo público sexa adecuado e amable e poida estar adaptado ao uso de todas as persoas, en calquera circunstancia, en todos os barrios da Coruña".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión