Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de novembro de 2018

O Concello aborda a ampliación da beirarrúa en Manuel Murguía para mellorar a accesibilidade e a seguridade na contorna do estadio

O edil Xiao Varela salienta que a nova marxe, que xa está en execución, terá máis de dous metros de ancho. A creación de 115 novos espazos de aparcadoiro no polígono de Náutica suplirá “con creces” a perda de 25 prazas que supón a reforma

A rúa Manuel Murguía contará con beirarrúas adaptadas á normativa de accesibilidade unha vez se complete a reforma que xa se iniciou na marxe do estadio municipal de Riazor. O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, explicou esta mañá que a actuación, "que é evidente que era necesaria", responde a unha mellora da accesibilidade e da seguridade. "Esta beirarrúa non chega ao metro de ancho, o que provoca situacións de perigosidade e non permite un acceso universal. Agora teremos unha beirarrúa que terá 2,15 metros no seu punto máis ancho e que cumprirá coa normativa e cos criterios de accesibilidade e de seguridade", explicou o edil.

A actuación --que ten un orzamento de 48.396 euros e que está previsto que estea rematada para a disputa do trofeo Teresa Herrera, o día 14 de novembro-- está xa en execución para aproveitar a zona de obras da cuberta de Riazor e reducir así as posibles afeccións. Durante a mesma, realízanse tamén outras melloras precisas na zona como son a introdución de novas canalizacións da rede municipal, modificacións na recollida de pluviais para os novos sumidoiros que implica a obra ou a intervención no paso peonil fronte a esquina de Maratón do estadio. Este cruce terá novas losetas podotáctiles, para cumprir tamén a normativa de accesibilidade, e, xunto a el, crearanse catro prazas de aparcamento de mobilidade reducida.

Como indicou o responsable municipal, esta actuación supón a perda de 25 prazas de aparcamento na beirarrúa oposta que se compensarán coa urbanización do polígono de Náutica, no que se crean 115 novas. Varela avanzou que, ademais das 20 que xa se habilitaron na rúa Marcela e Elisa, haberá 59 máis no tramo que continúa o Paseo de Ronda cara ao Paseo Marítimo, así como outras 36 no interior do polígono. "Con esta previsión suplimos con creces as prazas que se perden en Manuel Murguía, en aras a cumprir coa normativa, avanzar na accesibilidade e dar resposta a unha petición tanto da veciñanza como do club Deportivo", apuntou. A execución do Paseo de Ronda está xa "moi avanzado" polo que a previsión é que o seu tramo ata Almirante Cadarso, na que se reordenan as prazas existentes, estea listo a finais do mes de novembro. "Así, chegaríamos ao final das obras no estadio con prazas dispoñibles en Paso de Ronda para compensar a mellora das condicións en Manuel Murguía", evidenciou.

Varela salientou tamén que a urbanización do polígono de Náutica, de iniciativa privada, conta con melloras introducidas dende o Goberno local para poder contar nesta zona con beirarrúas máis amplas, como xa aconteceu no caso da rúa Marcela e Elisa, máis arborado e carril bici segregado en Paseo de Ronda, "que irá dende a rotonda de Náutica ata o Paseo Marítimo para dar continuidade a este último e poder comunicalo, nun futuro, cun carril bici na cidade escolar".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión