Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de agosto de 2018

O Concello vertebrará a rede de carril bici en construción coa creación dunha glorieta no cruce entre Ramón e Cajal e Alcalde Pérez Ardá que “vai ter influencia no modelo de mobilidade de toda a cidade”

O edil Xiao Varela avanzou que con esta actuación, orzamentada en 696.286 euros e que servirá para mellorar tamén a fluidez do tráfico de vehículos e o tránsito peonil, o Goberno local inicia un proxecto de reurbanización e humanización da vía

O Concello comezará a reurbanización da rúa Ramón y Cajal coa creación dun nó viario na súa confluencia con Salgado Torres, que servirá para axilizar o tráfico viario, mellorar os itinerarios de tránsito peonil e tamén como punto de vertebración para os diferentes tramos de carril bici que se van a executar neste mandato. Como explicou este xoves o edil de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, esta primeira actuación prevista supón a creación "dunha gran glorieta, que mellore a fluidez nun cruce cunha gran intensidade de tráfico", que introduza pasos peonís semaforizados nas rutas naturais de tránsito e que se converta tamén no "punto que vertebre" os quilómetros de carril bici que están xa en execución ou se van a abordar neste mandato. Debido ao servizo que dará este nó para a conexión da mobilidade en bicicleta e a axilización do tráfico rodado, o edil considerou que esta obra "vai ter influencia no modelo de mobilidade da cidade".

"Esta obra está vinculada ao traballo que estamos facendo para ampliar a rede ciclable, para transformar o modelo de cidade. É o punto que vertebra a rede, onde intersectan os carrís bici executados ou en execución. Queremos ampliala e que se converta nunha verdadeira rede, se estruture e valla para que a xente poida utilizar a bicicleta no seu día a día e non só como un elemento de ocio", apuntou Varela. Ao fío, lembrou que cos traballos de creación de carril bici que ten en marcha o Goberno local para este ano, a cidade disporá de 8,9 quilómetros máis de carril segregado do tráfico, "o que supón un incremento do 51% na extensión desta infraestrutura". "Isto, sumado ao proxecto EIDUS para a introdución da bicicleta eléctrica, cremos que vai ser un revulsivo para a transformación do modelo mobilidade da cidade", considerou.  

O concelleiro avanzou que esta obra é "a porta de entrada a un proxecto de máis calado" na rúa Ramón y Cajal, no que o departamento que dirixe xa está traballando, e que suporá a renovación da vía para incrementar a súa accesibilidade e a convivencia entre diferentes tipos de mobilidade. "Unha vez estea executada a obra, queremos levar a cabo a segunda fase e converter nun bulevar a vía, mantendo o criterio de introdución do carril bici e o número de carrís para o tráfico rodado", adiantou.

A actuación, que ten un orzamento base de licitación de 696.286,55 euros e seis meses de prazo de execución, vai supoñer a reurbanización de toda a intersección, unha área de case 6.000 metros cadrados, na que se renovará o pavimento, para incrementar as condicións de seguridade, construiranse novas beirarrúas e se acometerán tamén obras no subsolo, para instalación de dous novos colectores da rede de sumidoiros e a rede de conducións para outros servizos. A obra, que sairá a licitación unha vez a vindeira Xunta do Goberno local o autorice, compleméntase coa renovación do mobiliario urbano e a plantación de 16 novas árbores.

Rede de carril bici

O edil repasou o estado das obras de execución de diferentes tramos de carril bici na cidade, así como das xa rematadas. Así, indicou que as obras no treito da rúa Picasso, cun investimento de 135.349,96 euros, concluíron en marzo de 2018, mentres que as de Salgado Torres, na que se acometeron outras melloras como a iluminación do túnel para incrementar a seguridades, o fixeron este verán. Xuntos, estes dous tramos consecutivos suman 0,9 quilómetros e permiten o enlace co carril bici que vai cara ao campus universitario. A construción da infraestrutura para esta rede entre Palloza e Matogrande terá "un inicio inminente", segundo indicou Varela, e, tras o seu prazo de execución de nove meses, aportará 2,11 quilómetros máis de carril á cidade. En marcha está o carril bici metropolitano, que permitirá percorrer os 5 quilómetros que van dende A Mariña ata a Ponte Pasaxe cando rematen as obras, na entrada do novo ano. O investimento desta obra supera os 915.000 euros. Ademais, tal e como lembrou Varela, o Goberno local está a executar outros dous pequenos tramos: un deles en Náutica, de 0,2 quilómetros, e que está incluído na urbanización do polígono, e un segundo na Rolda de Outeiro, de 0,47 quilómetros entre a avenida Pérez Ardá e a rúa Mercede, que se executou ao tempo que se levou a cabo a renovación do pavimento na vía.  

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión