Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de novembro de 2018

O goberno local evidencia, tras pechar compromisos con ADIF, “que se só dependese de Concello e Estado as obras da Intermodal poderían comezar xa en 2019”

Tanto o executivo municipal como o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias comprometéronse, nunha xuntanza en Madrid na que tamén participou a Xunta, a ter listos a principios do vindeiro ano os proxectos das partes que lles competen e que se corresponden cos accesos e a estación de tren. O alcalde, que estivo acompañado na reunión polo concelleiro de Rexeneración Urbana, lamentou que “das tres administracións que hoxe estaban sentadas á mesa, tan só dúas marchan con acordos formais asumidos, necesarios para botar a andar unha infraestrutura básica”.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou este luns, logo da reunión mantida en Madrid con representantes de ADIF (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias) e a Xunta de Galicia, que "se o proxecto da Intermodal só dependese do Concello e do Estado, as obras poderían iniciarse xa en 2019". Na xuntanza, na que ademais do rexedor e o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, participaron a presidenta do ente dependente do Ministerio de Fomento, Isabel Pardo de Vera, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, tanto administración local como estatal acadaron "compromisos formais" para ter rematados contra principio de ano os proxectos das partes que a cada unha lle compete dentro do proxecto global da Estación Intermodal.

Ferreiro, que destacou o alto grao de entendemento con ADIF, lamentou, por contra, a actitude amosada pola Xunta de Galicia. "Das tres partes reunidas hoxe --e a pesar dos esforzos feitos pola presidenta de ADIF, que tratou en todo momento de que a reunión fose construtiva--, tan só dúas saímos con compromisos marcados. A primeiros de ano, o administrador ferroviario terá listo o proxecto de execución de remodelación da terminal ferroviaria, altura na que nós teremos xa tamén rematado os proxectos básicos necesarios para definir os accesos", manifestou.

Pola súa banda, o concelleiro de Rexeneración Urbana evidenciou a falta de implicación da que fixo gala a Xunta de Galicia durante a xuntanza, na que "non quixo asumir ningún compromiso para facer avanzar un proxecto fundamental para mellorar a mobilidade dos coruñeses e das coruñesas, a pesar de non mencionar ningún tipo de atranco para facelo". "A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade non quixo comprometerse a fixar prazos nin tampouco cantidades de investimento, nin os relacionados cos fondos europeos nin cos propios. A delegación da Xunta non fixo máis que evitar que chegásemos a ningún tipo de acordo entre as tres partes: non quixo falar dos prazos de licitación da súa parte, a correspondente á estación de autobuses, tampouco da adopción de trámites de urxencia nin para a licitación deste contrato nin en xeral para a tramitación de todo o proxecto ou as modificacións urbanísticas", resumiu Varela, que recordou que si se chegou a un acordo para que o proxecto global da Intermodal de Ourense se tramite de acordo á lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese.

O edil censurou a actitude "tan pouco construtiva" que amosou o Goberno galego durante a reunión, e que enmarcou "no pouco interese que ten a Xunta para dotar á primeira cidade de Galicia dunha estación Intermodal a través dun proxecto mellorado e que reflicta os acordos xa acadados hai máis dun ano". "Non obstante, sorpréndenos o feito de que na reunión de hoxe, e tal e como levamos dicindo no Concello dende hai meses, os e as representantes da Xunta recoñecesen que non é necesario ter asinado un convenio entre as partes para avanzar nos respectivos proxectos de cada administración", comentou. Aínda así, e co ánimo de facer avanzar o proxecto e de evitar que a Xunta siga a poñer "escusas" para "branquear a súa falla de vontade política", o Concello fíxolle chegar a todas as partes a semana pasada un borrador de convenio.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión