Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de xaneiro de 2020

Urbanismo recollerá ata o 21 as suxestións da cidadanía sobre a nova ordenanza de axudas para a conservación e a rehabilitación de edificios

Os obxectivos da nova norma están colgados na web municipal para as consultas de particulares e colectivos que poderán opinar sobre os seus diferentes aspectos no enderezo electrónico rehabilitacionvivenda@coruna.es

O Concello acaba de colgar na súa web municipal os obxectivos da nova Ordenanza Municipal reguladora da concesión de Axudas para a Conservación e Rehabilitación de Edificios (OMACREV), que estarán expostos ata o 21 de xaneiro de cara a iniciar o procedemento da súa aprobación. Ata esa data, a veciñanza e mais as organizacións e asociacións poderán remitir as súas opinións sobre os distintos aspectos dela a través do enderezo electrónico rehabilitacionvivenda@coruna.es. De acordo co previsto no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e co obxectivo de mellorar a participación da cidadanía no procedemento de elaboración de normas, ábrese o prazo para participar na consulta previa antes de darlle luz verde a unha normativa que substituirá a regulación dada na actualidade ás axudas á rehabilitación recollidas no título VI da Ordenanza de conservación e rehabilitación de inmobles.

Desta forma, o Goberno local recollerá as suxestións dos particulares e colectivos máis representativos potencialmente afectados pola futura normativa sobre os problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa e que atinxen á dificultade actual na tramitación das últimas convocatorias realizadas en 2017 e 2018. Desde Urbanismo recordan que as sucesivas modificacións realizadas no documento de conservación e rehabilitación de inmobles desde 2007 produciron unha certa disfunción no seu articulado, que conduce á dificultade da súa interpretación polas coruñesas e coruñeses e da posterior solicitude das axudas por esta Administración, fundamentalmente no referente ao análise e á validación da documentación que se achega con elas, ao cumprimento das condicións esixidas ás persoas solicitantes e aos inmobles, e á determinación das contías subvencionadas.

A necesidade da súa aprobación vén tamén dada pola ineficacia da ordenación actual á hora de implementar os obxectivos de desenvolvemento sostibles adoptados pola ONU en 2015 nas políticas estratéxicas do Concello, e en particular o ODS 11, en canto a conseguir que as cidades e as comunidades sexan sostibles, e co que se aliñan tanto a Nova Axenda Urbana das Nacións Unidas (Quito, 2016) como a Axenda Urbana para a Unión Europea (Amsterdam, 2016), instrumentos que deben guiar as actuais políticas de intervención sobre a cidade, co fin de acadar urbes máis compactas e inclusivas, a través da mellora das súas condicións de eficiencia enerxética, mobilidade, accesibilidade, integración da diversidade e preservación do seu patrimonio cultural.

Coa ordenanza preténdese simplificar o procedemento da concesión de axudas e o control económico das obras obxecto delas, e unha determinación e cuantificación máis polo miúdo dos seus obxectivos. A normativa suporá a ordenación dos documentos que haxa que presentar no momento de demandar a axuda e cando o solicitante teña que xustificala, así como unha definición máis precisa cunha estruturación das actuacións susceptibles de recibir unha subvención e dos pasos acadados nos eidos da eficiencia enerxética, habitabilidade e sustentabilidade, a conservación dos inmobles e, en especial, dos seus elementos obxecto de protección, co obxecto de facilitar unha posterior cuantificación dos resultados.

Por outra parte, as contías das axudas deberán establecerse en relación directa con cada un dos tipos de actuación subvencionables (o que non acontecía na ordenanza anterior), e os seus importes deberán revisarse tendendo a homoxeneizarse segundo os tipos de obras e os niveis de protección dos inmobles, independentemente da súa localización.

Desde a concellería destacan que a norma propiciará unha mellor armazón entre a documentación técnica que defina inicialmente as actuacións para as que se solicite unha axuda, os orzamentos que acheguen os promotores facilitados polos posibles contratistas e a documentación técnica xustificativa das obras realmente executadas co fin de establecer unha relación directa entre as obras ás que se refira cada documento e evitar discrepancias posteriores sobre a procedencia de outorgar definitivamente as axudas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión